Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ambosores

Xiz, Xulio - viernes, 14 de febrero de 2025
O sábado tocou incursión por As Pontes, terras veciñas que a división provincial se empeñou en arredar e a realidade en xuntar, e aí está a autovía entre As Pontes e Vilalba, e os centos de postos de traballo que As Pontes deparou nas décadas pasadas. Visitamos nas Pontes o magnífico Museo Monte Caxado que José María López Ferro, cronista oficial do concello, conseguiu despois de toda unha vida de pescuda de pezas que son auténticas alfaias da vila creada polo cabaleiro García Rodríguez.

Das Pontes pasamos ao Freixo, parroquia que chegou a ter mil habitantes e agora non vimos nin unha sóa persoa e apenas tres ou catro sinais de vida. E por fin, Ambosores, terra da miña devoción, especial caso de pertenza a dúas provincias -A Coruña e Lugo- e catro concellos, pois anacos da parroquia corresponden a Ourol, Muras, Mañón e As Pontes. Tres coches había na praza da parroquia, un por cada casa habitada.

De Ambosores subimos pola Beira da Fraga (unha casa habitada), Baroso (sinais de vida ao lonxe), camiño da Cereixiña sen dar chegado porque empezou a chover, e queda, xunto coa Ferraxosa, para mellor tempo e ocasión. Paramos tamén por atopar nun cruce da estrada unha monumental quedada de cazadores, con coches con pinta de poder andar polos camiños máis difíciles e remolques con cans de caza. Paradoxas destes tempos: Canto menos xente hai nas aldeas, mellor hábitat resulta para os animais salvaxes, e máis doada a práctica da caza.

Magoa, para quen coñeceu aldeas cheas de vida onde nace e vai medrando o rio Sor, ao sentir na alma tanta soedade e tristura. E tanto eucalipto plantado nas que eran magníficas terras de labor.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES