Comerciando con Francia
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 13 de febrero de 2025
Fai anos, un focego emigrado a Francia, retornou a Foz, pero alá en Francia a onde el emigrara, deixou un fillo con idade de casar.
Este home, apareceu un día na imprenta onde eu traballaba, que por orde dese fillo, quería que seu pai nos encargara unhas invitacións de voda. A razón de encargalas aquí e non en Francia, era, porque a parella, el español e ela francesa, querían imprimir as tarxetas de invitación nos idiomas francés e español, pero en Francia, na localidade onde a parella vivían, dixéronlles que en español non lle las imprimían.
Aclarada con nós esa situación e nós aceptando imprimilas en ambos idiomas, o pai do rapaz púxose a ver o álbum ou mostrario de invitacións do que nós dispoñiamos da casa Busquets de Barcelona.
O pai do rapaz mirou e remirou o álbum, pero ao final decatouse de que a elección das invitacións era un tema un tanto persoal. Polo que, nos comentou a súa persoal opinión e nos preguntou que se o fillo lle enviaba as tarxetas de Francia, nós lle las podiamos imprimir igual, ao que nós respondemos, que o fariamos sen problema ningún.
Pasados días, o pai do rapaz volveu pola imprenta e debaixo do brazo traía as invitacións e ao entrar na imprenta díxonos, estas invitacións que me mendou o meu fillo de Francia, coido que as vin nalgún outro lugar, pero non sei onde. Efectivamente, cando vimos as invitacións, observamos que eran exactamente iguais a unhas que había no noso álbum e llas ensinamos ao cliente.
O pai, moi sorprendido, preguntounos a como valía cada invitación, xa que, as invitacións cobrabámolas por unidade, pero a impresión era á parte, tanto cobrabamos por imprimir unha que duascentas, o prezo de impresión era único, pero as tarxetas cobrábanse por cada unidade.
Como non lembro o prezo da unidade por tarxeta, vou poñer un exemplo, e dixémoslle que custaban un euro con cincuenta céntimos (daquela era en pesetas), pero o pai do rapaz, díxonos, que en Francia ao fillo del, cobráronlle catro euros con cincuenta céntimos, ou sexa, tres veces máis que en Galicia.
O pai do rapaz, intrigado por tanta diferencia de prezo, preguntounos a que se debía, pero nós non sabiamos cal sería a razón.
Pasado o tempo, chegou á imprenta o viaxante (coido que agora lle chaman comercial), da casa Busquets, e tivemos a curiosidade de preguntarlle a que se debía tanta diferencia de prezo por unidade.
O viaxante contounos a razón. A razón era, porque cando Busquets lle vendía tarxetas de voda a Francia, os franceses eran moi raposos e facían o seguinte: Busquets vendíalle a Francia un camión de tarxetas e outros elementos de voda e Francia, quedaba de pagárllelas en trinta, sesenta e noventa días, pero unha vez descargado o camión, os franceses só pagaban a primeira letra, a de trinta días, pero as restantes de sesenta e noventa, xa non as pagaban, polo tanto, Busquets para non perder cartos, o que facía era cobrar as tarxetas ao prezo dos tres prazos, ou sexa, en vez de cobralas a un euro cincuenta, cobráballelas a catro euros cincuenta e así, xa na primeira letra, Busquets cobraba o importe total. Logo despois, se os franceses lle pagaban as outras dúas letras restantes, era o que Busquets gañaba de máis.
Estou falando de cando España aínda non entrara na Unión Europea, isto foi antes de 1986, ano no que entramos na UE.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)