A Sinfónica de detrás das poulas
Estou a cargo da Sinfónica de Detrás das Poulas e vexo como o público está ansioso para que empece o concerto que celebramos todos os anos no Parque das Mestras, en Baños de Molgas. A Sinfónica compóñena practicamente media vila e sen distinción de idade, raza, sexo e... nunca me metín en temas de relixión porque sei que, esta, é de faca e callao.
Sen máis preámbulos empezamos cun tema sinxelo e moi coñecido do mestre Morricone para facer entrar en calor ó público, que é dos que asubían con ansia e con ganas ante a imaxinación dun Clint Eastwood liquidando ó feo e ó malo.

Como intuíra, empezamos ben; das mans saían chispas por mor dos aplausos.
Nestes eventos sempre hai alguén que vai de intelectual, de culto e non tardou en berrar por un tema de Melendi. Aínda que houbo certas risas entre o entendido público, eu quixen cumprir co desexo do paisano. Cun simple xesto cara ós compoñentes da Sinfónica, estes buscaron a partitura de "Se ela soubera". Ó rematar vin que non fora tan mal a cousa: houbo aplausos, pero, iso si, sen a intensidade dos primeiros. Notei que gustara.
Porén, como a xente quería marcha, volvín ós temas máis coñecidos e optei polos Piratas do Caribe de Hans Zimmer. O público non tardou en subirse á Perla Negra e deixarse levar polas mansas augas do río Arnoia. Intuían que, máis abaixo da Pillamadoira, podían estar moi ben acazapados tales piratas.
Volveron os aplausos ó ritmo do primeiro tema e non tardaron en pedirnos máis coñecidos. A xente non quería experimentos raros. E quixeron que rematásemos co Himno Galego. Xa tiña medo a que non mo pediran. Puxémonos todos en pé e a Sinfónica de Detrás das Poulas soubo portarse.