Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - jueves, 13 de febrero de 2025
O pacifismo do señor Trump

Conta o meu bo amigo Balbino, que estivo en todas partes e leuse enteiras ata as instrucións dos electrodomésticos de casa -que xa son ganas de ler-, que os chineses comentan con bastante retranca cando oen a alguén soltando unha parvada que "o sabio non di todo o que sabe, pero o necio non sabe o que di".
Vén a conto esta reflexión por un comentario que fixo o señor Trump poucos días despois de estrear o seu novo mandato. Dixo o presidente norteamericano, medio de broma, medio en serio, que el merecía gañar o Premio Nobel da Paz pero era consciente de que nunca llo outorgarán, unhas palabras que moi probablemente están inspiradas pola envexa xa que ao seu colega Barack Obama si que llo concederon ao pouco tempo de ocupar ese despacho oval que sempre sae nas noticias.
A pregunta que nos facemos Balbino e máis eu é: de verdade merece mr. Trump ese tan devecido galardón? Quizais sexa un tanto inxusto xulgar os seus méritos agora, cando aínda leva unhas escasas semanas á fronte dos Estados Unidos pero, posto que este home tomou máis decisións nese tempo que outros ao longo de varios anos, imos tentar resolver esa dúbida que, estou seguro, corroenos a moitos.
Nada máis chegar á Casa Branca, o flamante presidente americano esixiu ao goberno danés que lle vendese Groenlandia, nada menos que a maior illa do mundo, un lugar moi pouco poboado pero enormemente rico en recursos naturais e un enclave estratéxico nas rutas que cruzan o océano Ártico. Mais non quedou aí a cousa, senón que Trump chegou a ameazar a todo un socio da OTAN, como é Dinamarca, cunha intervención militar se non atendía a súa petición. O primeiro que se me ocorre dicir ante esta postura é que con amigos así, non fan falla inimigos, pero como estamos a valorar os méritos dun candidato ao Nobel da Paz absterémonos de facer comentarios sarcásticos. Esa proposta de comprar un territorio sen ter en conta a opinión dos seus habitantes pódenos parecer sorprendente, se ben o certo é que ten varios antecedentes no pasado dos Estados Unidos, que adquiriron deste xeito a Louisiana a Francia, a Florida a España e Alaska aos rusos. Pero iso foi no século XIX, unha época algo afastada no tempo e na que a mentalidade era un pouco diferente da actual. Nos nosos días iso de comprar un país desprezando a vontade dos seus lexítimos donos, a xente que habita nel, non parece que sexa un mérito moi a ter en conta para gañar o Nobel.
Tamén ameazou o novo presidente norteamericano a Panamá coa intervención militar da canle se os chineses seguían presentes nesa infraestrutura estratéxica para o comercio entre a costa oeste e o leste dos Estados Unidos. Mesmo chegou a suxerir que podería ocupar a canle se o goberno panameño non entraba polo aro e cumpría as súas ordes… Home, se o analizamos en frío isto tampouco parece que sexa un merecemento para que lle dean o premio.
Insiste o mandatario americano en que Canadá tería que ser o estado 51 da Unión e, como non parece que os seus amables veciños do norte estean moi interesados nesta integración, o señor Trump enfádase e sóbelles os aranceis ata onde lle peta, sen ter en conta os tratados comerciais e as seculares relacións de amizade entre ámbolos dous países. Isto, Mr. Trump, e dígollo con todo respecto, non parece que vaia favorecerlle para obter tan prezado galardón. E mire que se non llo dan, veñen logo os desgustos, as discusións coa muller e as baixadas de tensión, que á súa idade hai que vixialas.
Acaba agora o presidente de facer unha proposta para pacificar Oriente Medio. Se o consegue, ese éxito ben podería anular os deméritos que ata aquí sinalamos, de modo que imos analizar esta iniciativa de paz como se merece. A idea do sr. Trump é quedar coa franxa de Gaza e construír alí o que algúns chamaron a Riviera do Mediterráneo. Esquecen estes últimos que a Riviera xa existe e está no Mediterráneo, é xustamente alí por onde caen San Remo ou Portofino. O que Trump quere construír é, máis ben, unha especie de Gaza D'Or Cidade de Vacacións mentres os gazatíes liscan con vento fresco onde queiran recibilos… Non deixa de ser un proxecto que non se lle ocorreu a ninguén, inda que temos que recoñecer que iso de propoñer que se envíe ao exilio aos habitantes dun territorio para quedar con el non parece que sirva para gañar o Nobel da Paz, como tampouco declarar guerras comerciais a todo fillo de veciño, dende China ata Europa.
Visto o visto, tanto Balbino como un servidor vémonos na penosa obriga de dicirlle ao candidato que, sentíndoo moito, temémonos que non fixo suficientes méritos para gañar o Premio Nobel. Con todo, como xa sinalamos ao principio deste artigo, os necios -entre os que meu amigo e máis eu sen dúbida incluímonos- non adoitan saber o que din, de maneira que é posible, aínda que non moi probable, que o Comité do Nobel acabe concedéndollo. Despois de todo, e como dixo un romano que sabía o que dicía, "se queres a paz, prepara a guerra".
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES