Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un ilustrador para un autor

Sampedro, Pilar - jueves, 13 de febrero de 2025
Neira Vilas veu como os seus libros foron ilustrados polos mellores artistas como Seoane e Isaac Díaz Pardo, aínda así, o debuxante que máis imaxes lles puxo ás súas criaturas foi Xosé Vizoso.

Vizoso é o gran cartelista das festas; unha das súas últimas exposicións vai diso, de Un ilustrador para un autormostrar unha parte dos cartaces cos que divulgaba cada unha delas, dende as San Lucas de Mondoñedo ás de Santa Minia de Brión. Centos de carteis que forman parte da imaxe do país. Da súa faceta de muralista dá fe o que atopamos no Banquete de Conxo cada vez que paseamos ou celebramos aquel brinde feito por poetas.

Certamente tamén deseñou pezas para Sargadelos, a fábrica na que comezou a traballar sendo case un rapaz. Toda unha vida á beira do Laboratorio de Formas, traceando os cacharros (como dicía Isaac) e ilustrando os libros de ediciós do Castro. Entre todas as publicacións estaban as dos premios Arume (de poesía para a infancia) e Estornela (de teatro para rapazada) que se convocaban dende a Fundación Neira Vilas. Aí están os poemarios Lúa de pan de Pepe Cáccamo, A praia dos lagartos de Helena Villar, Abracadabras de Marica Campo e Os cantos da rula de Concha Blanco coas súas imaxes para demostralo, así como moitas das cubertas de libros de Neira Vilas como aquela tradución que fixera de O camiño de Santiago de Alejo Carpentier.

Se fixeramos un repaso por ese traballo de Vizoso confirmaríamos que poucos artistas teñen realizado tanto deseño e ilustracións coma el. A súa ligazón a Ediciós do Castro é algo moi especial, como vivir na casa, como unha marca indeleble. Nunca tal cousa sucedera: Seoane e Díaz Pardo poñendo en pé unha industria de cerámica coa que alimentan outras menos rendibles como unha editorial que comeza a publicar os libros da Memoria Histórica e que para iso contan con algúns traballadores absolutamente indispensables que entendían o sentido da historia e a apupan para erguela. Vangardas disfrazadas de humildade. De aí sae un Vizoso que, como di o seu apelido, é fértil e produtivo, quen o pode poñer en dúbida?

Deténdonos na obra de Neira Vilas, son da súa autoría as edicións 12ª e 13ª de O cabaliño de buxo, as edicións 2ª e 3ª de De cando o Suso foi carteiro, a 1ª e 2ª edicións de Chegan forasteiros en O Castro e, a maiores, Semente galega en América de Bolanda, Aquel neno de Embora, Cantos de sol a sol de Galinova, Cantos que veñen de lonxe de Sons de Galicia e parte dos Cantos de lembranza de edicións Fervenza.
Non podemos esquecer que eses nenos que semellan velliños en pequeno, forman parte do noso imaxinario e da estética dun tempo determinado. Coñecemos nenos así, vestidos coa roupa dos maiores en miniatura porque esa era a súa vida: facer o mesmo que os adultos ao seu nivel (que sempre era máis do que podían). Teño na mente un rapaz así visto en Nebra (aquela aldea na que as mulleres mobilizadas pola Liga Agraria foran abatidas pola Garda Civil en 1916) e unha foto que se debeu perder polos camiños do tempo. Existiron os nenos que debuxou Vizoso, eran así, de verdade, e espertaban en nós unha tenrura que non puidemos esquecer na vida. Nenos traballadores que descansaban cando ían á escola onde lles debía caer a cabeza sobre o peito, a pesares das incomodidades e dos mestres coa vara na man dispostos a espertalos á mínima. Nenos de cando eramos tan pobres tan pobres, que lle facían dicir a alguén (que noutros tempos foi amiga e observadora) aquela frase de "que pobres eramos...!" vendo as fotografías de José Suárez. Así escribía Neira Vilas, lembrando aqueles días e a rapazada que os habitaba. Esa foi tamén a virtude de Vizoso, facérnolos chegar en imaxes, esas iconas que espertan as nosas emocións ao primeiro golpe de vista.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES