A parroquia entre a existencia e a desaparición
Santalla, Iago - miércoles, 19 de febrero de 2025
Sendo de aldea, recoñezo que por vontade propia migrei á cidade. Para min, era algo desexado e algo do que non me arrepinto 12 anos despois. Entón, teño que asumir a miña parte de culpa na despoboación porque son dos que me fun por vontade propia. Agora ben, tamén son dos que regresan cada fin de semana e dos que procuran non perder o apego ao pequeno berce que me fixo medrar en contos de agarimo.
Como sabemos, o concepto de parroquia en Galicia vai moito máis alá de eclesiástico e define unha forma de organización territorial: unha parroquia é un grupo de aldeas que comparten unha igrexa, un teleclub e un monte comunal. A parroquia pode equivaler no resto do estado ao que chaman "pedanía" pero, dende logo en Galicia alén do territorial ten unhas connotacións culturais moi fortes: festas, traballos comunitarios, teleclubs...
Dende pequenos sabíamos perfectamente as implicacións que tiña ser de. Agora, a parroquia enfróntase a despoboación rural e iso é unha ameaza para o seu patrimonio material e inmaterial. No material, temos principalmente a igrexa e o cemiterio pero no inmaterial fica a toponimia, as festas que se celebraban, os santos que se honraban, o nome das casas, o nome dos camiños e todas as historias polas que rescatábamos o rastro xeracional.
Debéramos coidar máis a parroquia, difundindo o seu significado e promovendo que as persoas saiban de onde veñen, de quen veñen e o porque do que teñen o seu redor. Só así, se conserva unha identidade propia. A mesma que outros tratan de expropiar con proxectos sen alma de futuro incerto. Igual os mesmos que aqueles dos que dicía Manuel María que "rin por diante e foden por detrás".

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora