Co que me ensinara meu pai, e algo que engadín...
cheguei á conclusión de que ao neno hai que instruílo basicamente en catro cousas:
. Pasar os ollos polas cousas moi engorde, para que nos queden retratadas, para entendelas e non esquecelas.
. Se non entendemos o que nos digan, pedir que nolas repitan, que nolas expliquen, sen avergoñarnos diso.
. Fixarnos nas consecuencias que nos sexan visibles, ou apreciables, para aprender a distinguir o ben do mal.
. Convencernos de que a humildade das persoas fainas máis gratas, tanto ante Deus como ante o próximo.
E por engado, ler; ¡co pouco que había daquela para ler, iso non era fatiga!
-.-
Un distingo notable, outro, entre as escolas de a ferrado e as públicas. Nas privadas nunca se aceptou, e por tanto, nunca se exerceu, aquela friaxe inquisitorial de que "A letra con sangre entra".
-O coñecemento, a familiaridade, entre o mestre e mailos seus contratantes, a proximidade xeográfica, convivencial, etc., imprimíanlle un carácter máis comunicativo, máis familiar en definitiva, ás escolas do "ferrado", tanto para o mestre como para o educando; así resultaba un aproveitamento cordial, satisfactorio, co que si entraba a letra, a letra e mailos coñecementos prácticos para a época e para o medio xeográfico. A friaxe do funcionario, chegado, xeralmente, das urbes, ¡doutro mundo!, aquela si que ¿precisaría? sangue..., ¡e nin con esas! Tiñan máis coñecementos,

pero tamén máis distancia na súa aplicación práctica.
-.-
Contratempos daquel tempo. Por exemplo: como para mostra chega con un botón, aqueles desprazamentos no rural...
Campo versus cidade
¡Que pouco se leva escrito acerca deste paralelo! Ten a súa explicación: Os do campo sénteno pero cústalles dicilo, pois aínda están no purgatorio os que aprenderon a escribir; en canto aos da cidade, desertores do arado, ou fillos dos tales, pasaron do pizarrín ao teclado en dúas xeracións, así que aínda están..., ¡construíndo na súa torre de Babel!
O campo sempre oficiou de convento de Clausura: Os escándalos eran de temer pola súa divulgación no entorno familiar; a misa en latín non se entendía, pero o púlpito estaba aló arriba, simbolizando o reino dos Ceos; aos enterros acudían tódolos inimigos, non para que dixesen que o ausente fora modélico senón para que dixesen daqueles inimigos: ¡Esta si que é boa xente, que xa lle perdoaron tódalas que deixa feitas!
-.-
O CALVARIO da incorporación dos labreguiños na segunda metade do XX, da súa aldea ás cidades.
O meu espertar tíveno en Madrid, a mediados do XX, xa cho teño dito, un día na Estación Príncipe Pío, no que vin apearse do tren correo ao señor Neira de Vilar, que entraba en Madrid..., ¡en zocas!
Desde aquel día non parei de fixarme nos altibaixos dos nosos trasplantes aldea-cidade, pois o que é á inversa pouco movemento tivemos, salvo algún mestre, médicos, ou especialistas en mecánica.
Aquela España de despois da guerra franquista, tanto no económico como no cultural, foi outra; da noite á mañá...; ía dicir que nos colonizaron, pero será máis expresivo opinar "que nos invadiron", comezando polos estraperlistas. Parou a emigración para América, case por completo, ¡porque non nos admitían!, e comezou o éxodo para as ciudades; iso, paradoxicamente, a pesar da fame que se pasaba nelas pero..., calzaban zapatos!

A "nosa guerra" foi un purgatorio; Deus queira compensarnos librándonos do outro, do das ánimas. ¡Volveunos, volvéronos, á Idade Media! Fusilados, presos, mortos en campaña, mutilados, no paro ¡pero sen paro!, orfos, viúvas..., e para colmo tornando á incultura, ao medievo, coas escolas baleiras ou máis desfeitas cá torre de Babel!
¿Para que serviron aquelas escolas de mediados do XX, de "a ferrado" en case tódalas parroquias? ¡Máis ben de equipaxe para fuxir a Exipto, séxase ás ciudades! Aquel éxodo...? Inexplicable: para contemplar "pirámides antigas", casas desfeitas polos bombardeos, cárceres, campos de concentración (aquel invento do xeneral Weyler, na guerra de Cuba), mendigos en tódalas esquinas, colas das cartillas de racionamento, e..., ¡moi tesos!, excombatentes que se quedaron no Exército, ou ingresaran na Policía, ou na Guardia Civil..., desertando do seu arado!
¡Pobres mulleres, escravas "a perpetuis", que pouco lles durou aquel honor, aquela igualdade, de poder votar! Primeiro, a falta de homes, rogas de mulleres; co leite e co carro da leña, tal que para Lugo; coa cesta na cabeza, ¿para a feira de Castroverde?
Os ex-combatentes tivérona doada para casar, pois a metade dos seus rivais ou morreran ou estaban perseguidos; con aquela coresma, con aqueles ayunos, aqueles casamentos tardíos, emocionáronse coa proliferación, así que..., como mínimo, seis! ¡Máis pobreza, máis emigración!
-Avoíño, algo máis da emigración...
-Para falar da nosa emigración, primeiro América, e despois, Europa, hai que facer unha enciclopedia, ¡e non chega!, así que, por hoxe, punto final, que necesito, e coido que merezo, descansar!
-Dime tan só en relación co ensino, coas escolas...
-Pois, que levaron, con todo ser pouco, máis do que trouxeron. Ao terminarse a guerra, ansiosos de ver aos seus parentes, ¡o que deles quedase!, retornaron, de toda América, moitos emigrantes; algúns incluso fixeron, ou restauraron, edificios escolares, pero aquí, naquelas circunstancias, aguantaron pouco, que pronto volveron a marchar, case todos, moitos deles levando consigo a parentes ou veciños. ¡Levaron, ou apadriñaron, aos mellores; e sempre escolados; aquí quedaron os morgados, e pouco máis!
-.- Gómez Vilabella, Xosé M.