Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hai esperanza para a trata de persoas

García Cadiñanos, Fernando - martes, 11 de febrero de 2025
Cada 8 de febreiro celébrase a Xornada Mundial de Oración e Reflexión contra Trata de Persoas. É a memoria de santa Josefina Bahkita, unha santa sudanesa que, na súa infancia, foi vendida como escrava e foi vítima de trata. O seu proceso de sufrimento e de liberación preséntase como luz de esperanza para tantas persoas que hoxe seguen sufrindo procesos de trata, a nova escravitude do século XXI. Esta realidade, en palabras do papa Francisco, convértese nunha "chaga no corpo da humanidade contemporánea, unha ferida na carne de Cristo". Hai esperanza para a trata de persoas Sen dúbida, unha ferida terrible, dramática, que é preciso sandar e ante a que non podemos pasar de longo.

Estamos nun ano xubilar. Abriámolo solemnemente hai pouco máis dun mes. O ano xubilar continúa a tradición aberta polo propio Cristo que, na sinagoga da súa cidade de Nazaret, identificou a súa misión como un "ano de graza" para dar a liberdade aos cativos, dar a vista aos cegos, poñer en liberdade aos oprimidos... Este proceso de liberación e de esperanza, que continúa ao longo dos séculos, é o que está presente durante este ano xubilar como graza persoal e social.

Precisamente na vontade de xerar estes signos de esperanza no medio do noso mundo, a nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol elixiu, en unión con todas as Igrexas de España, a realidade de trata de persoas como signo xubilar. Preténdese que durante o ano xubilar coñezamos, acompañemos e apoiemos o proxecto que as Oblatas teñen na cidade de Ferrol con persoas que están en situación de trata. Ao longo destes meses realizaremos algunhas colectas de apoio, pero tamén coñeceremos mellor o proxecto que esta congregación ten preto de nós para xerar unha nova cultura que nos faga combater a trata de persoas e erradicar as causas que a producen. Neste sentido, invítovos a visitar a exposición sobre a prostitución que se desenvolverá no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, e a participar noutras iniciativas que se anunciarán.

Habemos de recoñecer que nos enfrontamos a unha realidade escondida na nosa sociedade pero, tristemente, moi presente. A explotación de persoas que son utilizadas principalmente con fins sexuais é un enorme drama. Aproveitan a súa vulnerabilidade e a súa dependencia, principalmente económica, para utilizalas ou controlar a súa vontade. Trátase, sen dúbida, dun atentado á dignidade infinita que toda persoa posúe. Por iso, visibilizar ás persoas que sofren trata e os seus procesos de instrumentalización é xa un camiño para erradicar o problema.

Afortunadamente hoxe existen moitas realidades, principalmente eclesiais, que acollen, escoitan e acompañan integralmente a estas persoas nos seus procesos de curación e recuperación. Convértense así en lugares e signos de esperanza para estas persoas que tanto o necesitan. Son espazos capaces de procrear nova vida, atreveríame a cualificar de resurrección, e convértense así en prolongación da presenza do Resucitado entre nós.

Ademais, estes proxectos, como o que temos na nosa diocese, están chamados a sensibilizarnos sobre dinámicas e propostas legais e culturais que transformen esta cultura pansexualizada, na que a pornografía deformou substancialmente as relacións persoais. Trátase, en definitiva, de traballar pola dignidade de todas e cada unha das persoas, por poñer a súa dignidade no centro das nosas relacións para que nunca sexan utilizadas nin cousificadas. Oxalá que o noso apoio a estas iniciativas durante o ano xubilar sexa unha pequena luz que nos axude a levar esperanza a este mal que ten rostros concretos.

O voso irmán e amigo,
Hai esperanza para a trata de persoas
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES