Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A malla: exemplo de festa e traballo cooperativo

Río, Raúl - martes, 11 de febrero de 2025
O pan foi, e sigue sendo, o alimento mais esencial de case todas as sociedades. PAN é o título dun libro que Neira Vilas lle dedicou e por iniciativa da Irmandade Manuel María, Lucho Penabade, Nazaret López, Carlos Santiago e X,H, Rivadulla convertiron a malla nun acto teatral, interpretado, entre outros, por Mini, Mero e Pepe Penabade, pero moitos escritores e historiadores dixeron cousas marabillosas deste alimento universal.
Na Galiza era maiormente de centeo, que sementábamos nas nosas leiras e nas chousas do monte, que cavabamos e logo queimabamos os terróns sen ter que pedir permiso para facer lume, pois daquela non había perigo de incendio porque aínda non había eucaliptos. Tamén se botaban algúns regos de trigo para cocer os días da festa patronal ou noutra ocasión moi especial. Agora case non se sementa ningún deles e desapareceron as paspallás que nos aledaban os días cantando nos nosos agros.
Despois segábase e levabámolo en carros para a aira, onde se poñía en medas ata que viña a máquina de mallar pola aldea e separaba o gran da palla. Lembro que un ano, A malla: exemplo de festa e traballo cooperativo cando eu era neno, os meus parentes da casa de Rato da Tiñaz degraérono con mallos: unha vara longa que tiña enganchado na punta o mallo tamén de madeira, mais curto pero mais gordo, co que se lle daba ao centeo ou o trigo para degrañalo. Daba gusto ver ós malladores e malladoras acompasando os mallos, todos ao mesmo tempo, pero logo viñeron as degrañadoras, ou malladoras, movidas por un motor de gas oíl e unha limpadoraque separaba o gran da muña, mediante unha manivela da que tiraban un ou dous homes, dependendo do tamaño da limpadora, que ía do 1 ao 3, fabricadas pola familia Ajuria, da comarca vitoriana de Aiara, pero que vivía daquela en Ajuria Enea, onde reside actualmente o Lehendakari do País Vasco. Esta familia, que montou os primeiros fornos altos de Euskadi en Aiara, tamén fabricaba degrañadoras de gran calidade que pisaron as nosas airas.
Ao principio o motor Diésel, inventado en 1893 polo enxeñeiro alemán Rudolf Diesel, eran moi rudimentarios. Acendíanse mediante unha manivela e tirando pola polea e os primeiros iniciaban a combustión por medio dunha mecha que provocaba a ignición e todos se refrixeraban mediante auga que se arrefriaba nun bidón duns douscentos litros, no que se metía tamén unha coroa de pallas para que non salpicara aquela auga quente ás persoas. Os mellores eran os que producía o fabricante de automóbiles francés, Dion-Bouton, e os paisanos miraban moito que o motor fora potente, pois un ano pasou pola miña aldea unha equipa que viñera de Lugo con un motor cativo, que os veciños alcumaron “O Petón”, e na casa de Estanqueiro, que tiña catro medas ou medeiros moi grandes, estivo petando todo o día porque non daba mais de si e non os volveron chamar.
Sempre nos cualificaron aos galegos e galegas de insolidarios, sen embargo as rogas de cavadores, os carretos, a malla e moitas mais faenas son exemplos de traballos cooperativos. A malla era un traballo colectivo moi duro que convertemos en festa; nela había bromas e competicións entre quen o facía mellor e mais rápido.
Os mollos dos medeiros tirábanos os rapaces para a malladora, onde outro llos pasaban aos que os desataban e espelían antes de pasala pola malladora. Os homes carretaban a palla para os palleiros, despois de que outro a separara entre gorda e miúda, para poñela en palleiros diferentes; arredor dos palleiros estaban outros homes que coa forcada botábanlla aos que a repartiran e colocaran arriba, de xeito que non entrara a auga no palleiro. Unha ou dúas mulleres facían as “cañufas”, que eran unha especie de feixes da palla mais miúda que non ía para o palleiro e que no inverno o dono da casa daríalla ás vacas.
Outras mulleres, e as veces homes, carretaban o gran cuns canastros na cabeza, que votaban na limpadora, onde outro home, que maiormente era un asalariado dos donos da máquina, espelía o gran nas cribas con unha pequena vara gallada, para que se separara da muña o antes posible e cada un fora polo seu lado.
O número de persoas en cada posto dependía do que bulían a equipa formada polo motor e a máquina de mallar.
Si a malla era moi grande e duraba moito pasábase de vez en cando o porrón e bebíase o viño á catalana, para refrescar e animar un pouco á xente. Ao final había comida popular de cacheira, queixo duro feito na casa e, as veces, un guiso de conexo de entrante.
Agora, en moitas romarías galegas lembran esta festa ancestral e penso que se debía levar a cabo en todas as festas populares, polo que animo aos meus veciños dos Vilarespara que arevivan todos os anos na Romaría Labrega da Chaira, porque temos que lembrar o noso pasado para crear un futuro mellor.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES