A mellor representación daquel ambiente, sen prexuízo de que ti localices fotografías,

¡se é que as atopas, que o vexo difícil!, tela / témola, neste cadro de Julia Minguillón, "A escola de Doloriñas".
Libros, poucos, como moito as enciclopedias Álvarez e Dalmau, pois o más utilizado era a pizarra de lousa, con pizarriños tamén de lousa, na que o mestre escribía frases, números ou contas, sobre o que facía traballar; e de concluída a tarefa, ¡a borrar!, así fose co pano das mans!
Niso tiven eu unha certa responsabilidade: Naquel curso incorporáranse moitos nenos, nenos e nenas, así que un día, don Jesús, explicando no encerado, díxonos que había un instrumento moi axeitado para aprender a contar, que seguramente o tiñan á venta en Lugo, nas librerías; colleu unha tiza e fíxonos uns debuxos para que tivésemos unha idea de como era aquel invento.
Tanto falou dese aparello que conservo na memoria aquela descrición: Que se di que foi inventado en Asia; que aumenta a comprensión numérica, que favorece o cálculo mental rápido, que axuda a comprender os conceptos matemáticos abstractos,...
¡Toma! ¡E nós, aquí en Maxide, sen ter esa ferramenta! De posto a descorrer, lembreime desas boliñas, ou lupias, que lles saen aos castiros vellos, así que..., o domingo, tan pronto volvemos da Misa funme á Regueira de Maxide, cun martelo e un saco, que o enchín de boliñas, das pequeneiras. O luns carguei co saco, ¡cento e pico de bolas!, e díxenlle a don Jesús:
-Se tivésemos un carpinteiro que as limpe e que as perfore, para metelas, de dez en dez, nun arame..., podíamos ter un ábaco sen necesidade de ir a Lugo!
Don Jesús levoullas ao Manuel de Vilabella de Vilar, e..., así tivemos un ábaco de artesanía!
-.-
Unha vez acadados os coñecementos elementais, básicos, o profesor "de a ferrado" esmerábase en facerlles practicar, xeralmente con letra inglesa, cartas familiares, instancias e documentos, pesas e medidas, cálculo de áreas, medición de árbores, e demais tarefas de aplicación práctica no medio rural.
Non se pode omitir, porque foi unha realidade histórica, que os mestres de a ferrado beneficiáronse, beneficiámonos, á vez, dunha autoformación espléndida, estimulados precisamente por aquela ansia de saber, de saber ensinar!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.