Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 12 de febrero de 2025
Unha carabuña de Esperanza

Deixo caer unha carabuña, unha semente de esperanza a ver se xermina, se agroma e brotan froitos de realidade. A esperanza é o cabalo de batalla que nunca se rende. É o sorriso que asoma e a gargallada que chouta. É o soño esperto e a conciencia bailando ó ritmo dun latexo. É a carreira que nos leva ás leiras de trigo. É o silencio no que crece un pequeno ruxerruxe de anhelos e desexos e degoiros e devezos e ansias e cobizas. A esperanza é o afán, a ambición de recuperar o perdido.
Pingas de Orballo O que se perde, se se busca, atópase. Non queda outra que buscar polas cores do arco da vella, polas pingas de suor ante certa ansiedade, polos balcóns que dan á posta do sol, polas canellas que baixan coa señardade ás costas, polas algarabías nas que pode haber o amén dunha pausa e polos espellos nos que o reflexo dunha realidade amosa o poder de toda unha figura sinfónica, celestial e auténtica.
Rego a esperanza mentres sigo buscando por ese universo sen fin as ladaíñas diarias, os réquiems polos asuntos perdidos e os instantes nos que todo foi, nos que todo aconteceu. E toda a ecuación xunta irá o recanto máis útil da memoria para, nun alustro, buscar e recordar.
Buscar e recordar é como analizar e coser e xunguir e atar esa esperanza para que non se volva efémera, para que non se sinta estraña ou rara. A esperanza será sempre o clímax da ansia. Onde hai ansia hai esperanza. Onde hai vida hai esperanza. Onde hai agarimo hai esperanza.

Sen un óso do pescozo

Levo tres meses e catro días mirando para o chan. Falloume un óso do pescozo e non me deixa erguer a cabeza. Non sei se o ceo segue azul, se as estrelas brillan na noite e en que fase está a lúa. O que si vexo con moita frecuencia, insistentemente, constantemente son cagadas dos cans. Iso hai a esgalla. Menos mal que como miro sempre para a abaixo, véxoas e evítoas. Por veces, aínda me costa evitalas... pola cantidade existente nas rúas.
Notei que me faltaba o óso do pescozo cando, nun amén, este se me derrubou sobre o peito. E por moito que o intentei, por moita forza que fixen, non houbo maneira. Só se me sostiña se empurraba cunha man polo papo. Non tardei en dicirme para que. Para o que hai que ver. E levo xa tres meses e catro días coa cabeza gacha, mirando para o chan.
Algúns pensan que ando así pola timidez, por apoucamento. Outros cren que é para non mirar para eles (aquí recoñezo que algún leva razón). E outros, o lóxico, que non estou ben da cabeza. E non estou, claro que non estou. Está dependurada porque me falta un óso do pescozo.
Vou ter que comprar un espello e colgalo precisamente ó pescozo para poder ver e saber se o ceo segue a ser azul. Tamén sempre me gustou mirar para a lúa, porque ás veces sorrime e chíscame o ollo esquerdo. E como lle coñezo as fases, quero saber en cal estamos.
Hai uns días chamei e visitei a un especialista en ósos, a un ortopédico deses e non lle me atopou solución ó mal. Así é que xa me vexo o resto da miña vida mirando sempre para o chan. Segue o ceo a ser azul? Seguen a voar os paxaros? Seguen sucando o ceo os avións?
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES