Todo un camiño
Ollo de boi. Corazón de papel. Alma rota. Fouciño curvo. Berro seco. Toxo en flor. Lameiro enchoupado. A Perla Negra navegando. E todas as estrelas brillan moito máis alá do infinito. E todos os desexos bailan un tango sobre a pampa núa ou sobre o ventre espido. E todos os esperpentos caen sobre a eterna curva dunha circunferencia.
Tatuaxes sobre pel branca. Silva que engancha. Pés que danzan. Tinta azul que cae. Bolígrafo negro que baila. Soño que se soña.

Silencio que se acomoda no ruído. Ruído que racha o silencio. E todos os recordos se espallan por un papel cuadriculado, mentres a penumbra dunha habitación axita as ansias dun vivir sen vivir. E todas as miradas se quedan fixas na cuadratura do círculo. E todos os ruxerruxes se embarullan, se enlean nun tema irreal ou nunha novela barata.
Rabo de galo. Pedra de granito. Canella bonita. Auga da burga. Fonte da Lameira. Camiño cheo de coios. Ortigas esmagadas. Vestido azul. Camisón branco. Pixama verde. Melena ó vento. E todas as idas e voltas buscan o balcón da memoria. E toda esperanza se prepara para o que poida vir. E todas as materias se estudan para ter algo que dicir.
Piollo de can. Carracha do demo. Sapoconcho lento. Señardade preñada de romanticismo. Pota ó lume. Cabezas de nabos. Verso solto. Poema incompleto. E todos os camiños nos levan ó final. E todos os finais volven ó principio. E entre o principio e o final, entre o final e o principio hai todo un camiño.