As Eléctricas
Editorial - martes, 30 de junio de 2009
Están desaparecendo os monopolios, é verdade. Os tempos foron marcando esa necesidade e Europa foi decisiva.
Non hai tantos anos que os combustibles en España eran monopolizados por CAMPSA (Compañía arrendataria do monopolio de Petróleos, S.A.), só Fosforera Española fabricaba mixtos, Telefónica controlaba o sector das comunicacións e unhas cantas compañías eléctricas tiñan repartido o territorio a efectos de subministro.
O das eléctricas e o último dos sectores implicados, e para a inmensa maioría dos clientes foi unha sorpresa que a compañía que lle ven subministrando enerxía e facturándolla, lle comunique que moi axiña vai deixar de facturarlle porque deso se van encargar outras empresas, facilitando unha relación que ó usuario nada lle di, con arreglo a unhas tarifas que descoñece, e situándoo en último término suxeito á decisión tarifaria do goberno, do que tampoucose sabe a decisión, sempre dentro do máis profundo arcano que foron e son os recibos da luz onde figuran conceptos incomprensibles que xa nos afixemos a pagar sin rechistar.
O Goberno fixa agora a Tur (Tarifa último recurso), con nome que parece reflectir dificultades nos subministros ou no control da situación. Tarifa que, ó parecer, se vai aplicar de xeito xeral ós que non se coloquen baixo o paraugas protector das compañías facturadoras. Pero as compañías que o goberno autoriza para facturar con arreglo a esa tarifa final resulta que son cinco empresas que pertencen casualidades da economía!- ós cinco grandes grupos eléctricos, contra os que a Comisión Nacional de Competencia ven de abrir expediente.
Mañá, un de xullo, entra en vigor o novo sistema. E hai millóns de consumidores-usuarios que non saben o que van facer co seu consumo eléctrico. Quizais porque a alguén, ou moitos, non lles interesa que o saiban para que todo cambie pero o ritmo económico (que é o ritmo de moda) siga sempre igual.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora