Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (3)

Otero Canto, Xosé - viernes, 07 de febrero de 2025
3.- "¡CEIBE!"

En ¡Ceibe! volvemos estar diante doutro soneto que ten as mesmas características que o anterior, xa visto, titulado "Meu deseio"; este tamén está composto por dous cuartetos e dous tercetos de rima consonante e seguindo os gustos de Petrarca: ABBA ABBA CDC DCD, con versos endecasílabos, tal e como impoñen os canons do soneto, sendo este un breve poema de 14 versos divididos en catro estrofas e procedentes de Italia da que se tomaron todas as métricas occidentais e grazas a Dante e a Petrarca adquiren esta estrutura formal e conceptual, sendo os verdadeiros introductores na Península Boscán e Garcilaso que seguen o modelo de Petrarca, modelo que continúa Avelino Díaz como un Devezo ou desexo do poeta a prol da liberdade con este novo soneto "¡Ceibe!"
PRIMEIRO CUARTETO
Ceibe vivín na miña xuventude
i-afeito á liberdade, non sei rén
de vivir sendo escravo, nin se avén
meu esprito a vivir na escravitude.

O contido desta estrofa está marcado pola contraposición de palabras:
Ceibe. Liberdade / Escravo. Escravitude.
Os dous primeiros versos do cuarteto están centrados na liberdade e os dous seguintes na escravitude, mais neste primeiro cuarteto dáse o comezo da problemática posto que se suscita esta dicotomía existencial e lévaa ao seu terreo propio, á súa vida, dicíndonos o autor que viviu ceibe na súa xuventude e está afeito á liberdade, por iso non se avén a vivir na escravitude. Partindo desta base, no primeiro cuarteto asentámolo como lugar onde se expón todo o que vai ter un tratamento posterior e que continúa no seguinte cuarteto.

SEGUNDO CUARTETO
Teño drento de min unha inquietude
que me leva e me trai cal lle convén;
escravo-dela son, de mais ninguén
nin siquera o serei por gratitude.

Volvemos a "Íntimas" ou ás intimidades do autor que se manifestan nestes sonetos e concretamente neste segundo cuarteto onde se vai desenvolver a contraposición: liberdade/escravitude, declarando o autor ser escravo, pero enténdase ben, ser escravo dunha inquietude súa, que non amosa neste cuarteto, e ser escravo dunha inquietude pero non escravo de ninguén; ademais, no último verso acláranos que non será escravo nin "por gratitude", segundo se facía na época de Avelino e aínda tamén na nosa porque se che alcatranaban a pista ou a entrada á túa casa eras escravo do político-cacique do momento e do seu voto caciquil, de aí que Avelino nos diga que non será escravo nin sequera por gratitude.

PRIMEIRO TERCETO
Quero ceibe vivir con dinidade
e, con elo, poder en consecuencia
facer Evanxelio, da Verdade.

No primeiro cuarteto formula o problema da liberdade ou escravitude, no segundo mantén que o poeta unicamente é escravo dunha súa inquietude, mais é aquí nos tercetos onde se estuda o problema, e a súa resolución total aclarárase no último.
Neste terceto exponse claramente que "Quero ceibe vivir con dinidade" e con elo "facer un Evanxelio, da Verdade". Que o que nos quere dicir Avelino? Avelino quere vivir con dignidade e facer un Evanxeo da verdade, mais cal é o significado de Evanxeo? Procede do grego "evangelion" que significa "boas noticias" e logo continúa en latín tardío na palabra "evangeliu(m)", da que procede o galego Evanxeo e a palabra castelanizada Evanxelio, tamén co significado de "verdade indiscutíbel" ou "boas novas". Avelino, logo, quere facer un Evanxeo da verdade e a verdade é vivir con dignidade.

SEGUNDO TERCETO
I-anque n-elo non teña comenencia
o remate, terei tranquilidade,
pois a naide vendín miña conciencia.

Neste segundo terceto é onde se resolve esa Verdade, con maiúscula, que supón "en liberdade vivir con digniade" pois aínda que niso, o noso autor non teña proveito propio ou comenencia por vivir libremente e dignamente, acadará a TRANQUILIDADE, que sería a verdade preconizada xa no primeiro terceto e que consegue non vendéndolle a propia conciencia a ninguén, por ser esta a que nos permite establecer xuízos morais dos nosos actos e poder distinguir o ben do mal.
Resumindo, o noso autor condena a escravitude, ama a liberade de vivir ceibe con dignidade porque a Verdade última está presente na Tranquilidade que reporta o non vender a conciencia a ninguén.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES