O meu Cangas
Santalla, Iago - miércoles, 05 de febrero de 2025
Hai unhas semanas perdemos ao poeta do mar: Bernardino Graña. A Bernardino tiven ocasión de coñecelo no Instituto de Monterroso. Nunca o tratei nin o volvín ver pero lembro aquela charla onde nos recitou maxistralmente dous poemas que ficaron no meu corazón. Un foi "Mariñeiros de Cangas" e outro "O gato da tasca mariñeira". Foi moi emocionante aquel remate onde Bernardino erguía a súa voz rexa de paz para berrar Mariñeiro de Cangas, meu amigo".
Aquel home, do que conservo un agarimoso autógrafo, falaba da súa familia e de como os seus antergos o impulsaban a ser poeta por riba de todas as cousas. Aquel home viña dun pobo que quero moito e que sempre significará e dará nome aos veráns de infancia, eses veráns discorrían por unha vila na que ninguén era alleo e que tiña en cada esquina un amigo co que falar do divino e do humano e descubrir soños salgados da xente do mar. O meu Cangas leva os nomes do señor Cándido ou do señor Claudio que contaban as súas experiencias alén do mar e, tamén, o recordo da igrexa do Espírito Santo onde a Virxe do Carme tiña unha barca que se iluminaba aos seus pés.
Coñecendo Cangas é fácil imaxinar que vivindo alí, un faise amigo de todos os mariñeiros. Tamén comprendemos porque o poeta viviu "case morto" na chaira seca de Castela. Quizais, alí, empezou a amar a salitre que deixou impresa en cada verso. Nesa salitre eu tamén volvo á infancia e recoñézome enchendo os pulmóns de aire limpo nas praias de Cangas.
Bernardino quizais voe para sempre polos cons e as praias do Morrazo; elas saben o que o turista ignora: a súa area é a única no mundo que leva dentro de si os versos de Bernardino Graña.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora