5.1.3. As Campaíñas.
Dende sempre houbo dous cintos: o cinto grande e o cinto pequeño. O "cinto grande", levado sempre por un volante veterano, consta de dúas bandas de coiro de marrán ou xabarín, das que colgan vintecinco campaíñas. O "cinto pequeño" posue o mesmo material que o grande; no obstante, consta de vinte campaíñas. Na actualidade, debido a que saen varios volantes, realízanse cintos, que van provistos de vinte. dazaoito, e dazaseis... campaíñas, segundo a idade do volante. Ademais, dende hai uns quince anos fanse uns novos cintos de pel de becerro e cabalo, dos que penduran de catorce a dez campaíñas. Estes van destinados aos cativos, que fan de volantes, segundo a súa idade. Baixo o cinto, o volante leva un tecido de saco para protexerse dos golpes das campaíñas. Por riba do tecido viste unha faixa vermella ou azul. As campaíñas producen sons diferentes, o que motiva diferenciar entre dous tipos: os machos, que orixinan un son grave, e as femias, un son agudo.
Noutrora, nos días previos ao Entroido as campaíñas, xa dispostas nos correóns (cintos), soaban todas as noites pola parroquia, xa que conviña que encaixasen ben no cinto, para que nos días do festexo soasen dun xeito adecuado. As campaíñas boas colocanse no "cinto grande", que vai portar un volante veterano. O resto vai para outros cintos en función da veteranía, idade, capacidade física etc. Importantes coñecedores dos sons, que emiten as campaíñas, foron os Pataco de A Proba (Santiago de Arriba). Un descendente deles, que tiven a sorte de coñecer, nomeado Pepe do Pataco, encargouse desta tarefa ata hai uns anos, que finou, e abofé que sempre dunha maneira moi positiva. Este home deixou un bo discípulo, chamado Xoán Carlos González, que acadou de seguido o saber discernir entre os diferentes sons como moi ben indica Oscar J. González (1) cando nos dí: "Se da el caso de que cuando nuestro informante Juan Carlos se dispuso a hacer un nuevo cinturón, localizó más de cuatrocientas campanillas de las que solo utilizó seis, que para él eran las que sonaban adecuadamente".

Esta persoa un mes denantes da chegada do Entroido vai na procura de campaiñas a diferentes parroquias dos concellos de Carballedo (Lugo), Oseira (Ourense), Carballiño (Ourense), Cea (Ourense), Rodeiro (Pontevedra)... Logo, ao rematar a festividade devólveas o máis axiña posible. Desta maneira, pode garantir que nos anos vindeiros llas sigan deixando (2).
As máscaras con campaíñas ao cinto utilízanse nalgunhas localidades de Asturias, Cantabria, León, Navarra... Tamén, en Alemania, Grecia, no Paris medieval... de tal maneira que podemos consideralas como un elemento común e moi antiguo do carnaval europeo (3). Tamén, se aprecian semellanzas desta mascarada coa dos volantes da localidade Navarra de Valcarlos e "cos volants" da comarca barcelonesa do Vallés (4).
No ano 2002, Sabela Díaz Regueiro compuxo o seguinte poema dedicado aos volantes:
"Volante" rexo o abandeirado / que ó son das campaiñas / bailas e campas. / ¡As colonias ó vento / contigo danzan! / ¡E coas túas reviravoltas / as cores xiran e cantan! / ¡Que espectáculo / que abraio de estampa! / Baila-las campás / e as colonias danzas / en retrincos de cor / os oídos estalas..."/.
5.1.4. O Pucho
Dende a miña óptica, trátase do aparello máis peculiar e vistoso do Entroido de Santiago de Arriba. É portado por un volante veterano, que teña resistencia física e vigor, xa que ademaís de soster os trinta kilos do pucho e das campaíñas, ten que estar danzando a un ritmo uniforme tanto pola mañá como pola tarde. "O volante adoita ser un mozo forte, pois ten que mover as pernas durante moito tempo a un ritmo especial, que faga soar as campaíñas, soportando á vez o peso do conxunto da vestimenta, que pode chegar a ser superior aos trinta quilos" (5).
Este utensilio está composto dunha serie de elementos que lle dá ao conxunto unha visión rechamante.
1º. O seu sostén é un armazón de arames e vimbios, que asemella a forma do camarín da Virxe do Perpetuo Socorro de Santiago de Arriba. Antano, o pucho facíase con ramas de vimbieira, que eran delgadas e flexibles.
2º. Ao entramado ou armadura van adheridas moitas flores de diferentes cores, realizadas con papel pinocho. Hai anos as flores eran realizadas con berzas secas e follas de millo rizadas.
3º. Neste armazón tamén van fixados cinco penachos de plumas de diferentes cores. Dous a cada lado do pucho e un no centro. Noutrora, collíanse do camarín da Virxe. "... Cos plumachos houbo enredo / roubabámosllos ó cura / despois de dicir a misa / pero había que volvelos á noite.../ (6). Hoxe, úsanse uns traídos de Ultramar.
4º. Ademaís, o pucho porta dúas bonecas: unha colocada na parte frontal e a outra na súa parte posterior. Hai anos, eran de trapo.
5º. Como remate, cómpre sinalar as colonias, tamén chamadas cintas ou fitas, que penden dos extremos desta armadura semi-esférica e que chegan ata o chán. Antano, as colonias eran fachos de palla. "No ano 2014, o pucho levaba dúas bonecas: unha situada na parte frontal e outra na parte posterior. Cinco plumachos: dous na parte frontal, de cor amarelo; dous na parte posterior, de cor azul; e un, de cor fusia. Tamén, moitas flores fixadas ao armazos como as bonecas e os plumachos" (7).
6ª. O pucho tamén leva no interior da armadura unha cavidade na que o volante pode introducir a súa cabeza. Ademaís, leva uns largueiros de madeira, que o volante vai empregar co bastón pra aguantar mellor o armazón.
7º. Feitura ou realización.
Na actualidade, a única persoa que sabe elaborar as flores do pucho, segundo a tradición parroquial, é Marisé Rei (8), que aprendeu inicialmente a técnica de Fina da Tenda, No obstante, as flores que facían non se correspondían, segundo as persoas de idade, coas que houbera na parroquia. Polo tanto, Marisé, utilizando como guía as fotos antigas acadou paseniño realizar as auténticas.
Finalmente, o volante co pucho por riba da súa cabeza vai brincando e movendose cunha adecuación entre ambas as dúas pernas, que posibilita un constante e ritmico son nas campaíñas, mentres que as colonias, de diferentes cores, voan polo aire. Hai a tradición de que un bo volante non debe deixar tocar no chán as cintas ou colonias (9).
Na actualiade, e como unha homenaxe á parroquia da Sariña (10) o "pucho mediano" conserva a estructura do da Sariña, e dicir unha especie de barca vista ao revés. Isto era debido a que a barca era un medio de vida indispensable para as persoas da parroquia, cando chegada a vendimia.
NOTAS:
1. GONZÁLEZ, Oscar J.: Mascaradas de la península Ibérica. Imp. Gráficas Eujoa S.A, 2014, páx. 178.
2. Traballo de campo do autor: "A busca de campaiñas cada vez ocasiona máis problemas debido a escasez existente e a que no intre actual non hai quen as faga como se fixeron antano".
3. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Guía de festas populares de Galicia, Vigo: Galaxia, 1997, páx. 48.
4. COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia. Vigo: Xerais, 1992, paxs. 102-103.
5. BLANCO PRADO, X.M. e GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: "O Entroido na Ribeira Sacra e Salcedo. O Volante, o Peliqueiro e o Oso", en Tempos de Festa en Galicia. T.I. Entre os Reis e o mes de Maio. Fundación Caixa Galicia, 2006, páx.129.
6. ARAUXO, Emilio.: Ob. cit., páx. 281.
7. Traballo de campo do autor.
8. É a dona de Xoán Carlos González e a nai de Iván Gonzalez Rei, actual presidente da Asociación do Entroido de Santiago de Arriba.
9. VÁZQUEZ RODRÍGUEZ, "O entroido nas ribeiras de Chantada. Apersistencia da festa", en Boletín do Museo Provincial de Lugo. T. VII. Vol. 2, 1995, páx. 250.
10. Antano, ambas as dúas parroquias fixeron algúns anos o Entroido xuntos.