Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 05 de febrero de 2025
Mellor as batallas bonitas
Quixen meterme no fragor da batalla, pero non tardei en recuar. Para que me vou meter? Por que teño que matar? Por que teño que morrer? Nin tan sequera sei de que vai a contenda. Ás veces entramos en acontecementos, en asuntos simplemente porque nolo din ou soamente porque se mete a maioría. E a maioría non sempre ten razón. Por veces deixámonos guiar -mellor enganar- por cabezas pensantes que pensan mal ou que pensan para a súa comenencia. É certo aquilo de que somos coma ovellas: cando unha colle a cabeza, a fila, a ringleira, as demais seguen as súas pegadas.
Mellor fuxir do fragor da batalla e, en tal caso, armar a miña propia na cabeza e deixar de filosofar sobre actos, sobre feitos descoñecidos, mellor aínda, impostos. A batalla que armo eu é máis bonita. Non hai mortos, nin tan sequera feridos; hai, iso si, unha loita sen tregua comigo mesmo. Por descontado, as batallas que armo na miña cabeza son coma os soños en plan de soñar esperto. Armo batallas nas que sempre gano e, se por un casual perdo, será porque sei admitir ou meu propio erro.
Ante todo o dito e todo o escrito creo que son o maior antibelicista existente pola contorna. Non quero saber de guerras nas que, as batallas, son destrutivas, criminais, traidoras, pérfidas e, o peor, mortais. Quero armar as miñas propias batallas sobre unha almofada branca, nas que todo pode acontecer pero nada pasa, nas que a esperanza se impón sobre a realidade e nas que a realidade é tan efémera que me digo que si, que as miñas batallas son bonitas.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora