Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - miércoles, 05 de febrero de 2025
Os pequenos inconvenientes do tren galego
Hai tempo que El Consorcio, o grupo musical formado polos antigos compoñentes de Mocedades, cantaba aquilo de "al compás del chacachá, del chacachá del tren. ¡Qué gusto da viajar cuando se va en exprés!", lembran a canción? Pois ben, creo eu, e seguro que non ando moi equivocado, que a xente do Consorcio non pensaba no tren galego cando dicía iso de "qué gusto da viajar cuando se va en exprés". E non é que eu teña moitas queixas porque, despois de todo, prefiro o automóbil para desprazarme polas marabillosas estradas de Galicia, como a autoestrada de Lugo a Santiago, que seguramente rematarán algún século destes, ou esa AP-9 que estivo cortada non sei canto tempo porque veu abaixo un viaduto construído hai trinta anos. Non me explico como farían os romanos para que as súas obras durasen milenios. Canta razón tiña o bo de Obélix cando dixo aquilo de: "estes romanos están tolos"!!
Mas, como estaba dicindo, eu non viaxo moito en tren, pero meu amigo Balbino é un usuario case compulsivo do ferrocarril. Vai a diario de Coruña a Santiago e viceversa e, se ten que desprazarse a Ourense ou a Vigo, tamén prefire tomar o tren. Ou iso era o que pensaba ata o de agora porque, trala construción da estación provisional da Coruña, que foron levantala onde Cristo deu as tres voces, Balbino xa empeza a considerar seriamente a idea de vir ata Santiago a pé dende A Coruña. Leva menos tempo que chegar ata a nova estación e percorrer logo a interminable fileira de trens estacionados nas súas escasas plataformas. Iso por non mencionar a necesidade de pasar uns controis de seguridade que, pola contra, non che poñen cando colles o tren de media distancia en Santiago ou en Pontevedra. Cal é a razón disto? Seica a xente que se monta na Coruña é menos de fiar que os de Santiago?
Quéixase o meu amigo das demoras que ten que sufrir con demasiada frecuencia no tren que vén de Vigo. Non entende por que diaños non cambian o horario se o tren adoita chegar máis tarde do previsto. Se en lugar de poñer que a súa hora de chegada é as 16:38 din que arriba a Santiago, poñamos por caso, ás 16:50 sería máis puntual que o ferocarril suízo.
Outro problema é a carencia de prazas que hai a algunhas horas punta. O tren das sete da mañá de Coruña a Santiago vai tan cheo que, ás veces, Balbino ten que coller o billete con varias semanas de adianto. E isto entenderíase millor se estivésemos a falar do autobús porque os autocares teñen a capacidade que teñen e non é posible aumentala. Pero, se a certas horas os convois non contan con asentos libres case que nunca, por que non poñen máis vagóns? Se o bo que ten o transporte ferroviario é que é flexible como a goma de mascar, podes estender o tren poñendo os vagóns que fagan falla.
Hai unhas semanas Balbino quixo viaxar en AVE a Madrid
Ca! É máis doado ir á Lúa. O billete custáballe máis do dobre que ir e volver de alá en avión, e inda por riba leváballe máis tempo. Así non hai maneira de competir, e iso que a RENFE é unha empresa pública e as compañías aéreas son privadas. Isto teñen que explicarmo todos os que defenden sempre o público sobre o privado.
Tampouco se entende que, despois de prometer a alta velocidade a Galicia durante décadas, o AVE non pasase de Ourense porque alguén decidiu que aquí non se podía cambiar o ancho da vía. Os galegos ten que ter o ancho ibérico porque para iso son ibéricos -e perdoen a redundancia-, mentres que o resto dos españois deben de ser... non sei, xaponeses se cadra. Algún dos meus lectores pode dicirme quen foi o... (poñan aquí o cualificativo que prefiran) que resolveu marxinarnos e deixar a Galicia co vello ancho de vía? O único que conseguiron con esta decisión foi, ademais de retrasar a chegada da alta velocidade ata a maioría das cidades galegas, que non exista a necesaria competencia que baixaría os prezos do billete a Madrid posto que as compañías ferroviarias que non dispón de máquinas e coches coa posibilidade de cambiar a anchura dos seus eixos non poden prestar servizo aquí. E, para máis inri, acaban de levar tres dos nosos AVES para Cataluña. Está claro que o que manda, manda.
Pero todas estas cousiñas das que se lamenta Balbino non son máis que caralladas. O realmente importante é que o ferrocarril préstanos un servizo inmellorable. Non hai máis que ver o ben comunicadas que están as cidades de Lugo ou de Ferrol, dende as que podes coller un tren a calquera sitio a tódalas horas do día ou da noite. Iso sen mencionar a grandísima comunicación que temos con Portugal, e iso que ese país queda ben lonxe de nós. E o rápido que van as obras da liña ferroviaria á Meseta que se están a realizar en Ourense dende hai pouco tempo, poida que medio século ou algo así. Non sei, talvez deberiamos contratar ao romano que construiu a ponte sobre o Miño ou as murallas de Lugo para que se ocupe de rematar estas obras.

Curros Neira, Jesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora