Din que, xunto á caída do Imperio Romano de Oriente e o descubrimento de América, o invento da prensa de imprenta moderna con tipos móbiles, foi un dos principais motores da modernidade. Para un servidor foi o máximo. Que sería eu sen a imprenta? Bendito sexa, polo tanto, o seu inventor, o alemán don Johannes Gutenberg (ou Gutemberg).

Hoxe, 3 de febreiro de 2025, fai exactamente 557 anos que ese artistiña nos deixou. Precisamente polo seu legado merece unha pequena homenaxe, esta pequena homenaxe que ledes impresa, precisamente, grazas a el.
Johannes Gutenberg naceu arredor do 1400 en Maguncia, á mesma beira do río Rin. O seu verdadeiro apelido era Gensfleisch, pero como en renano seica significa "carne de ganso", optou polo de Gutenberg.
Coñecedor da arte da fundición do ouro, Gutenberg destacou como ferreiro para o bispado da súa cidade. E debido a que a súa vida é relativamente descoñecida, intúese, quizais por tradición, que estudaría na Universidade de Erfurt, onde está rexistrado en 1419 co nome de Johannes Eltville. Ese mesmo ano faleceu seu pai, que era comerciante.
Pouco máis se coñece do inventor da imprenta ata que no 1434 reside como prateiro en Estrasburgo, onde cinco anos máis tarde estivo involucrado nun famoso caso xudicial, no que se descubriron detalles do seu invento, que ata ese momento estaba en segredo.
Foi en 1452 cando Johannes Gutenberg empezou coa edición da "Biblia en 42 liñas", aínda que quizais se coñeza mellor pola "Biblia de Gutenberg", pero non calculando ben o tempo, antes de que rematara tal edición, quedouse sen os cartos que lle emprestara un tal Johann Fust. Ó solicitarlle un novo crédito e, ante a desconfianza do prestamista, Gutenberg ofreceulle entrar en sociedade. Aceptou a proposta e delegou a vixilancia dos traballos no seu xenro Peter Schöffer, que axiña se puxo a traballar como aprendiz. Tras dous anos de traballo máis, Gutenberg quedou de novo sen cartos, o prestamista negouse a un novo crédito e, o peor, esixiulle o cobro inmediato das débedas. Insolvente por completo, Gutenberg perdeu o seu negocio. Tivo que ser Peter Schöffer quen realmente rematase o traballo que iniciara o seu mestre.
Cando Joahnnes Gutenberg faleceu o 3 de febreiro de 1468, enterrárono na igrexa de Maguncia, que era propiedade dos franciscanos alemás. A súa tumba perdeuse durante os incendios que devastaron a súa localidade en 1793.