5. As máscaras en Santiago de Arriba
Dende a antigüidade a máscara foi para o ser humano un instrumento básico para levar a cabo rituais de diferente índole: funerarios, belicosos, de protección da comunidade e do ámbito familiar, de fecundidade, de arredar os malos espíritos... Segundo Caro Baroja as mascaradas de inverno suponen unha representación de carácter festivo de feitos propios do universo social coa finalidade de garantir a boa marcha do grupo ao longo dun ano, que comeza agora unha vez superada a gran noite invernal. No intre actual este instrumento ritualista quedou únicamente relegado a expresións de carácter festivo como a do Entroido. Nesta festa a máscara é un medio relevante de transformación e de cambio da propia identidade. Malia as influencias da globalización, do turismo, dos cambios sociais... aínda se conservan no ámbito rural algunhas máscaras, que seguen posuíndo os seus trazos singulares e vistosos.
Así temos, as pantallas de Xinzo de Limia (Ourense); os xenerais do Ulla (A Coruña-Pontevedra); os peliqueiros de Laza (Ourense); os cigarróns de Verín (Ourense); os felos de Maceda (Ourense); as madamas e os galáns de Cobres (Pontevedra); os volantes e maragatos de Santiago de Arriba; os troteiros de Bande (Ourense); os curruvellos de Moaña (Pontevedra); os boteiros de Viana do Bolo e Vilariño de Conso; os foleiros e bonitas de Sande (Ourense) etc... (1)
Na provicia de Lugo, ademaís dos volantes e maragatos de Santiago de Arriba (Chantada), cómpre distinguir aos foliqueiros do Val de Francos (Castro de Rei); ás madamas e os galáns de Salcedo (A Pobra de Brollón); ao Oso de Salcedo (A Pobra de Brollón); as choronas dos diferentes enterros da Sardiña (Lugo, Mondorte, Burela, Viveiro, Vilalba)...
Nesta comunidade parroquial seguen utilizándose dende os seus inivios as seguintes mascaradas:
5.1. Os Volantes
Trátase da máscara do Entroido maís vistosa da provincia de Lugo e unha das máis relevantes de Galicia e, tamén, de España. Para unha análise pormenorizada e didáctica desta máscara imos sinalar os seguintes elementos:
5.1.1. A Indumentaria do volante.
5.1.1.1. Vestimenta da súa parte superior.
Hai anos a vestidura do volante era de cor branca, estando formada por unha camisa de liño e uns calzóns longos, que recibían o nome de "cirolas". Co paso dos anos empezaron a levar unha camisa branca por riba da cal colocaban senllos "panos marinos", traídos polos emigrantres de Ultramar, que ían cruzados en cada ombro. Na actualidade, debido a súa escasez foron substituídos por uns panos dunha gran variedade cromática, que recibiron o nome de "portugueses", que van cruzados polo peito e atados na parte detrás. Ademaís, a cabeza vai cuberta por unha tea de gran cromatismo, que une os seus bordos na parte posterior.
5.1.1.2. Vestimenta da súa parte inferior
A vestidura inferior está formada por un pantalón, que nos seus inicios era un calzón de cor branca, e paseniño coa chegada das teas comerciais foise cambiando por un de cor amarelo e vermello. Logo, leva unha especie de calzas ou medias, que cobren as pernas dende os nocellos ata os xeonllos, e que se abrocha dende o exterior.

Como remate, uns zapatos novos. "As vestiduras consisten en zocos (agora zapatos), polainas marróns de enrolar, que cobren dende o nocello ata a metade da parte inferior da perna, e un mono de teas a dúas cores verticais: amarela e vermella" (2). Á vestimenta do volante engádeselle un caxato de cana, que ten como función que o volante poida camiñar dunha maneira axeitada polos camiños e tamén para soster "ao pucho" nas paradas.
5.1.2. As Caraútas
Os volantes levan na cara unha caraúta artesanal, que se realiza seguindo os seguintes pasos:
1º. Faise unha mestura líquida de fariña e auga.
2º. Prepáranse follas de periódico que teñan poucas fotos e cor.
3º. Logo, cunha brocha (pincel grande) úntase a masa, resultante da mestura, a dúas capas de periódico, que van superpostas.
4º. A continuación, colócase por riba destas dúas capas de periódicos un farrapo, que antano era de liño, ao que se lle bota tamén masa liquida.
5º Posteriormente, poñense dúas capas de periódico enriba do farrapo (especie de tea), unha con masa e outra sen ela, para que non se pegue "a forma" ou "molde"
6º. Seguidamente, poñense uns carolos de millo ("carozos") na parte dianteira da potencial caraúta para que vaia collendo a forma do nariz e dos ollos. Logo, enrólase cun cordón, que ten que ir moi presionado "a forma" ou "molde", e introdúcese no forno.
7º. Xa no interior do forno, vaiselle dando algunhas voltas para que a cocción sexa o máis completa posible. Esta soe durar uns vinte e cinco minutos, sempre e cando o forno esté moi quente.

8º. Rematada a cocción, sácase a caraúta do molde e realizanselle cun ferro moi quente ("ao roxo vivo") os diferentes buratos para os ollos; boca; e nariz, así como para colocarlle a goma, que suxete a parte posterior da cabeza á caraúta.
9º. Despois, cóbrese cunha capa de ovo batido para que a carantoña teña un aspecto de vellez.
10º. Como remate, cada volante ornamentaa como o considera máis adecuado;no obstante, sempre usando tonalidades negras Non se permiten outros cores.
A elaboración das caraútas corre a cargo de Xoán Carlos González (3), quen nos comentou a súa realización do seguinte xeito: "A máscara empézase preparando un papel de periódico. Canto menos debuxo e color teña mellor. Logo, prepárase unha amasada de fariña e auga, que quede ben líquida, que era o pegamento que había antiguamente. E comeza a facerse por capas, normalmente poñense dúas capas de periódico, que levan a masa líquida; a continuación, ponse unha tea, que antes era de liño. Cada capa, que se utiliza leva masa, menos a última, que non pode levar masa, senón pegaríase "a forma", que vai levar a máscara. Dúas capas e a tea con masa; logo, outra capa con masa e a última sen ela. Van preparadas "a forma", que ten que estar ben quente no forno para que se poida adaptar moi ben o papel a ela. Logo, o molde axustase ás capas de periódico. Poñense uns carolos de maíz para facerlle a feitura da nariz; despois, envólvese cun cordón que ten que ir ben apretado á forma para que conforme se vai cocendo no forno quede o máis perfecta posible. Dáselle varias voltas no forno para que quede ben cocida por todas as partes. Cando o forno está ben quente a cocción leva duns vinte a vinte e cinco minutos. Logo, quítase a máscara do molde, e comezan a facerse os buratos para colocarlle o que é a goma no tensado: un, na parte darriba; e outro par de buratos nos laterais. Despois, co mesmo ferro ao roxo vivo, faise o formato dos ollos; os buratos do respiro da nariz, e o burato da boca. Finalmente, bátese a yema dun ovo e repartese por toda a careta para darle unha sensación de vellez".
Inicialmente, Xoán Carlos usou dous moldes antiguos de madeira, propiedade de Primitiva, que llos cedera mentres se celebrase o evento festivo. No obstante, na actualidade, construiu outros moldes de madeira, algúns de tamaño máis pequeño coa finalidade de elaborar caraútas axeitadas aos cativos, e desta maneira poder levar a cabo "talleres" con eles sobre o Entroido. Ademaís, é mester disponer de varios repostos de carantoñas por mor da humidade e do suor das persoas, que ponen as caraútas, o que provoca a súa deformación e, polo tanto, que haxa que cambialas no transcurso do festexo. De aí, que Xoán Carlos, soía utilizar un forno grande, onde podía introducir ao mesmo tempo dous moldes e deste xeito, realizar dúas caraútas ao mesmo tempo.
Antano, os volantes tiñan a súa cara tapada coa caraúta; isto daba lugar a que ninguén, agás os maragatos, que acompañaban a cada volante, soubese a súa identificación (4). Hoxe, os volantes poden levala adherida á cara, ou tamén por riba da cabeza. Por outra banda, ademaís desta caraúta artesanal, no Entroido úsanse outras que se mercan nos bazares. Trátase de caraútas moi sinxelas e finas, e case sempre de cor branco. Utilízanas as "choronas" no "choro do pucho", e tamén "os mecos", que participan nos distintos oficios. Neste caso, estes decóranas en función dos diferentes persoeiros, que van escenificar.
NOTAS:
1. COCHO, Federico.: Ob. cit., paxs. 95-96.
2. COCHO, Federico.: Ob. cit., pax. 96.
3. Expresidente da Asociación do Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba, que pasou ao seu fillo Iván Gonzalez Rei o testigo.
4. Isto era debido a que daquela o Entroido non estaba permitido oficialmente, e desta maneira non se sabía quenes eran os volantes, que participaban.