1. Algúns datos xeográficos e históricos sobre a parroquia de Santiago de Arriba e o Concello de Chantada
Este municipio amosa na súa paisaxe tres unidades morfolóxicas claramente diferenciadas: No Oeste, a Dorsal meridiana, que corresponde as terras altas cuia máxima altitude estaría situada no monte Faro (1187 metros). Logo, unha penechaira, situada ó redor dos 600 metros, onde se se sitúan a maioría dos núcleos de poboación. E finalmente, as terras localizadas na ribeira do Miño. Este río, cunha disposición Norte-Sur, forma vals encaixados de fortes pendentes e desniveis. Pois ben, nestas terras miñotas sitúase a comunidade parroquial de Santiago de Arriba, que é unha venta aberta a un profundo val onde descende dunha maneira moderada o río Miño nunha dirección Norte-Sur. Nas pendentes deste val proliferan os socalcos, moi importante para o cultivo das vides. Esta comunidade, dende unha óptica eclesiásticas, é unha freguesía rural, pertencente ao arciprestado de Chantada e a diocese de Lugo. E a efectos civís, é unha parroquia rural, que forma parte do concello de Chantada, do partido xudicial de Chantada, da comarca de Chantada, e da provincia de Lugo. Esta comunidade parroquial ocupa unha superficie de 2,96 km2 e posue unha poboación, segundo o I.G.E. do ano 2023 (1), de 49 habitantes, distribuídos nas entidades de poboación de Arriba; Bacelares; Couxeva; A Igrexa; O Pedroso; A Proba; O Reguengo; Vilar de Outeiro; Vilar do Mato; e Viñas (2). Os seus límites son os seguintes: polo Norte, coa parroquia de Camporramiro (Sta. María); polo Sur, coa da Sariña (San Vicente); polo Oeste, coa de Vilaúxe (San Salvador); e polo Leste, co Val do Miño. A nivel histórico, cómpre salientar dous datos de especial relevancia: No ano 1094, o conde Munio fixo unha doazón á catedral lucense na que se lee: "Sancto Iacobo de Ripa". Posteriormente, no

ano 1343, o bispo de Lugo D. Xoán anexionaba ao mosteiro benedictino de San Salvador de Asma -hoxe desaparecido- a igrexa de Santiago de Arriba. Este mosteiro foi de vital importancia na historia medieval de Chantada, debido ao influxo que exerceu en toda a bisbarra (3).
Por outra banda, este ámbito territorial está incluído no municipio de Chantada, que ten unha superficie de 177,5 km2 e consta de 324 entidades de poboación, distribuídas en 37 parroquias (4). A súa poboación, segundo o I.G.E. do ano 2023, é de 8006 habitantes (5). Os seus lindes son: polo Norte, co municipio de Taboada; polo Sur, co de Carballedo; polo Leste, co do Saviñao; e polo Oeste, co municipio pontevedrés de Rodeiro.
Ademaís, este municipio é parte da "Comarca de Chantada", situada no Sur da provincia de Lugo. Ocupa unha superficie de 462 km2 e dispón, segundo o I.G.E. do ano 2023 (6), dunha poboación de 12.473 habitantes. Esta se reparte entre os tres municipios que a integran do seguinte xeito: Carballedo (2080 hab.), Chantada (8006 hab.) e Taboada (2657 hab.).
NOTAS:
1. Instituto Galego de Estadística
2. EQUIPO "IR INDO". GUZMÁN LÓPEZ, Cristina; IGLESIAS PÉREZ, Montserrat e outros.: Galicia en Comarcas. Chantada e A Ulloa. Ed. IR INDO. La Voz de Galicia, Vigo, 2005, páxs. 134-136.
3. RIELO CARBALLO, Nicanor.: Inventario Artístico de Lugo y su provincia. T. I. Servicio de Publicaciones del Ministerio de Educación y Ciencia. Servicio Nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica, 1975, páx. 127.
4. Ada (Santa Baia); Arcos (Santa María); Argozón (San Vicente); Belesar (San Bartolomeu); Bermún (Santa María); Brigos (San Salvador); Camporramiro (Santa María); Chantada (Santa Mariña e outra); Esmeriz (Santa Mariña); Esmoriz (San Xillao); Fornas (San Cristovo); A Grade (San Vicente); A Laxe (San Xoán); Líncora ( San Pedro); Mariz (San Martiño); O Mato (San Xillao); Merlán (San Tomé); O Monte (San Miguel); Mouricios (San Cristovo); Muradelle (San Paio); Nogueira de Miño (Santa María); Pedrafita (Santa Baia); Pereira (San Mamede); Pesqueiras (Santa María); Requeixo (Santiago); Sabadelle (Santa María); San Fiz de Asma (San Fiz ); San Pedro de Viana (San Pedro); San Salvador de Asma (San Salvador); San Xurxo de Asma (San Xurxo); Santa Cruz de Viana (Santa Cruz); Santa Uxía de Asma (Santa Uxía); Santiago de Arriba (Santiago); A Sariña (San Vicente); Veiga (San Xoán); Vilaúxe (San Salvador).
5. Instituto Galego de Estadística.
6. Instituto Galego de Estadística.