Plácido Castro e Castelao
Ríos, Xulio - viernes, 31 de enero de 2025
Nunha ocasión, Plácido Castro dixo de Castelao: "En ningunha outra persoa que coñecín notei tanta harmonía constante entre a fondura íntima e a comunicación externa"...
A admiración de Plácido por Castelao curtirase na militancia común no Partido Galeguista (PG), ao que el se sumaría dende o mesmo momento fundacional ao pouco de chegar do Reino Unido tras completar a súa formación na universidade de Glasgow.
Castelao, no Sempre en Galiza, sinala dous tributos importantes protagonizados por Plácido. No Libro Primeiro, cando argumenta a condición de nación de Galicia, lembra o seu recoñecemento como tal no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, un fito que, tamén dicía daquela Castelao, "hainos que non o queren creer". Plácido foi o noso representante naquel evento.
A seguir, na III Asemblea do PG celebrada en Ourense é elixido secretario de relacións internacionais e resulta o candidato máis votado para a Secretaría Executiva, obtendo máis sufraxios que o propio Castelao a modo de recoñecemento daquela inclusión no congreso de Berna. Deixaba entón a secretaría de organización que retomaría Alexandre Bóveda.
Na II Asemblea do PG (Santiago, 1932), co gallo da preceptiva renovación do Consello Executivo e da Secretaría Executiva, ascendera de simple vogal do primeiro a entrar no cumio do partido ocupando a Secretaría de Organización, en substitución de Alexandre Bóveda que pasaba á Secretaría Xeral.
A partir de aquí tivo nas súas mans o órgano decisivo para a consolidación e o crecemento do nacionalismo, instrumento clave na consecución da autonomía. E polos resultados conseguidos tanto nunha cousa como na outra fíxoo francamente ben, como ten lembrado o profesor Justo Beramendi.
Neses anos trinta, Plácido comparte importantes comitivas con Castelao e outros galeguistas que por Galicia adiante tentaban explicar o ideario nacionalista, celebraban homenaxes ou facían propaganda do Estatuto, un tema ao que Plácido contribuiría activamente tamén dende as páxinas da prensa.
En efecto, quen daquela apuntaba como unha das novas promesas do nacionalismo galego, prodigábase para argumentar a necesidade de que Galicia non quedase atrás respecto de Cataluña e País Vasco ou tamén a conveniencia de superar as diferenzas partidistas e localistas.
Unha segunda evocación faise no libro Terceiro, cando destaca as achegas de Plácido arredor da saudade, "esa sede insaciable de algo que, ás veces, non se sabe o que é". O "instinto da vida", como Plácido a define, en conexión co lirismo celta, é, para Castelao, un elo que nos xungue espiritualmente con Portugal, unha acepción compartida polo universalismo militante de Plácido.
A carón de Castelao, Plácido posicionouse nos debates sobre as alianzas do PG con outros partidos coincidindo en que naquel momento, a única vía para conseguir a autonomía de Galicia pasaba por unha alianza coas esquerdas españolas que volvese a cambiar o signo político do goberno central. Así o entendeu a dirección do PG que, con Bóveda e Castelao á cabeza, decidiu abandonar a equidistancia "centrista" coa que se garantira a paz interna e iniciar unha viraxe cara a esquerda, aínda que iso soliviantase ao sector católico, por outra parte cada vez máis en minoría. Plácido Castro, tan liberal por definición como agnóstico, non puxo reparos en aliñarse coa esquerda do partido nesta cuestión fundamental.
En 1950, nunha das súas alocucións no Galician Programme da BBC emitida nunha homenaxe póstuma, Plácido lembraba en Castelao a "completa fusión física e espiritual do home e da terra en que naceu", destacando a "intensidade da súa presenza que se mantiña viva e quente durante meses, anos, de ausencia -e ha manterse namentras a nosa memoria exista...".

Ríos, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora