A separación de sexos tamén implicou a introdución de sinaturas especiais para as nenas seguindo o criterio establecido nunha orde de marzo do 38: "En las escuelas de niñas brillará la femineidad más rotunda, procurando las maestras, con labores y enseñanzas apropiadas al hogar, dar carácter a sus escuelas, tendiendo a una contribución práctica a favor de nuestro glorioso ejército".
Aquela separación afectou ao profesorado, que só podían impartir clases a alumnos do seu mesmo sexo.
No preámbulo da Ley de 20 de setembro de 1938, que estableceu un novo Bacharelato, sinalábase como un dos síntomas de decadencia o "afeminamiento contrapuesto al viril heroísmo de la juventud en acción". ¿Viril heroísmo? ¡Máis ben heroísmo cainesco!
-.-
Meu rapaz, imos deixar algo para outro día pois o tema merece vacacións, coller folgos de novo; iso, ou saturarnos de franquismo, collerlle noxo!
-.-
Na II República a muller subiu en ascensor...
Para dicilo graficamente, así foi: Clara Campoamor, conxuntamente co noso paisano Manuel Cordero Pérez (natural de Riomol-Castroverde), un protexido de miña tía Ramona,

nora de Salmerón), lograron que na Constitución de 1931 se "concedese" voto ás mulleres. (Querido neto, suxíroche que repases os meus escritos sobre Cordero). Nisto as mulleres son unhas desagradecidas, pois poucos honores lles levan tributado aos seus "padriños".
Outro ascenso, outro piso: No ano 1972 a maioría de idade da muller pasou dos 25 aos 21 anos, equiparándoas cos homes. Ata esa data as mulleres menores de 25 anos non podían abandonar o domicilio familiar sen permiso de seu pai, salvo para casarse ou para ingresar nun convento (art. 321 do Código Civil), e despois de contraído matrimonio estaban obrigadas a presentar a "licencia marital" para traballar, exercer o comercio, ocupar cargos públicos, obter pasaporte, etc.
Estes altibaixos reforzaron os abusos machistas, ¡por xeracións!, que así ocorren, aínda agora, neste XXI, esas falcatruadas que nin entre as feras se practican. ¡Esta si que foi, e aínda está sendo, unha guerra civil, mundial, que moito ten que estar anoxando á Sagrada Familia de Belén, así que, axudemos entre todos, entre todos os que nos temos por civilizados, para firma-la paz doméstica, universal!
-.-
Aquel dogmatismo, tan artificial como artificioso...
¿Dogmatismo? Estaba presente en tódalas disciplinas, pero acaso era máis evidente, palpable, repugnante, no ensino da historia, supeditada a esta dobre doutrina: A dos FET y JONS, en paralelo coa Igrexa de entón, unha Igrexa deforme, deformada e vingativa, que se ben tiña algo, ou moito, de que vingarse, naquelas reviravoltas xurídicas, non lle era propio ese sadismo. O catolicismo é amor, pero naquelas predicanzainas de entón todo era temor, inquisición trasnoitada, ¡e menos mal que veu o Vaticano II para corrixir aquelas erratas!
Nas aulas, os materiais lectivos e mailos medios de expresión tiñan que pasar pola censura para evitar contidos que puideran ser considerados como liberais. Os libros de texto tiñan que ser fieis aos principios do Movemento, e por tanto, quedaban prohibidos aqueles aspectos relacionados coas correntes científicas e pedagóxicas europeas. A escola, como o resto de España, estaba, quedaba, inmersa nunha autarquía cultural controlada, extremada.
Unha anécdota persoal, miña, que che servirá de retrato do noviciado que nos fixeron pasar coas censuras. Cando publiquei o meu libriño "Castroverde. Bosquejo Histórico Geográfico", que o foi na imprenta AJA, Madrid, ¡tiña eu daquela 20 anos!, a imprenta non quixo aceptalo sen pasar primeiro pola censura; e como tardaban en darmo, visitei a Camilo J. Cela, que daquela era un Torquemada terrible, e dixéranme que seguía interferindo na censura, para pedirlle a súa recomendación. ¿Que tería que censurar un libriño dunhas elementalidades histórico-xeográficas? ¡Pois, foino!
Aínda que non veña moito a conto, para que calibres cal era o "calibre" daqueles censores vouche dar a fotocopia dunha ¿oferta? política do ¿patriota? Camilo J. Cela. Aquí a tes:
No comments!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.