Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As escolas no franquismo (8)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 04 de febrero de 2025
-Xa te irás decatando, meu neno, de que o sistema educativo franquista foi de temón ríxido, ¡avante toda!, contra vento e marea. O réxime pretendeu eliminar, a toda costa, anulando todo tipo de discrepancias, a obra educativa da Segunda República, difundindo nas escolas os ¿principios? ideolóxicos dos vencedores, e establecendo para iso un ideario pedagóxico farisaico, séxase, un nacional catolicismo, depurando previamente ao persoal docente denunciado como oposto ao réxime. O himno anunciaba: "... que en España empieza a amanecer", pero a realidade era que estorbaban as luces, os criterios, así que o mandato foi tiránico, imperialista: "Firmes, ¡ar!". Firmes nun ideario pedagóxico, supostamente baseado no nacional catolicismo, séxase, nun catolicismo militarizado, bélico, máis fiel a Franco que a Roma, tan mandón que ata o Caudillo se inmisciu na elección dos bispos, ¡con un terzo das votacións!

Agora, querido neto, permíteme un taco, un taco venial: Aquí en Lugo, nesta cidade do Sacramento, preguntáronlle a José Manuel Vilabella, tido por masón, cal era a razón, o privilexio, de que don Francisco entrase e saíse baixo palio..., cando iso, tradicionalmente, era un acatamento á Divindade. Aquel parente de miña nai seica lles contestou, con toda audacia: "Iso é, iso pasa, porque Franco é..., a rehostia!".
As escolas no franquismo (8)
Pero o neto tamén tivera uns profesores de Historia meticulosos:

-Avoíño, non sempre, pois aló nas Palmas de Gran Canaria, cando lle anunciaron a visita ao bispo Pildaín, ese mitrado pechou a catedral, e para disimular foise de peregrinación a Terror...

-A terror, non; con terror, si; a Teror, ao Santuario da Virxe do Pino. ¿Sabíalo?

-.-

O ultranacionalismo español

-Avó, e daquel ultranacionalismo que, que referencias me das? ¡Diso pouco hai, pouco está escrito!

-¿Non che chegan os dramas, e queres que pasemos aos melodramas? Abreviarei: Aquilo tamén foi unha das pedras angulares do noso sistema educativo. Como para mostra, un botón, volverei a Ley de Enseñanza Primaria de 1945, na que se lexislaba, no seu artigo 6º, sobre a "Formación del espíritu nacional", e no seguinte, no 7º, sobre a "lengua nacional". Isto: Artigo 6º.- Es misión de la educación primaria, mediante una disciplina rigurosa, conseguir un espíritu nacional fuerte y unido e instalar en el alma de las futuras generaciones la alegría y el orgullo de la Patria, de acuerdo con las normas del Movimiento y sus Organismos".

(¡Miúda alegría, que xa non tiñamos unha estrada, unha cuneta, sen enterramentos dos mortos que morreran daquela pandemia, daquela enfermidade, da fusilería franquista!).

No 7º.- La lengua española, vínculo fundamental de la comunidad hispánica, será obligatoria y objeto de cultivo especial, como imprescindible instrumento de expresión y de formación humana, en toda la educación primaria nacional".

Na ambición franquista pretendíase colonizar América de novo, pero alí, na maior parte dos países, ríanse de nós, da nosa petulancia, aínda que tamén se compadecían, como pasou con aquel regalo do café, 600 toneladas, de Brasil, que as revendeu o propio don Francisco para obter un beneficio persoal, que, segundo cálculos, hoxe equivalía a 85 millóns de euros. ¡Aquilo si que era paternalismo, ultra nacionalismo!
-.-
Comprensión e convivencia

A escola durante o franquismo volveu a separar aos nenos das nenas, volveu a ser segregada. No caso da muller esta educación obedecía ao papel que se quería conseguir, ou manter: darlle o monopolio no coidado dos fillos, e que fose o soporte do home, a educadora das novas xeracións. Esquecíanse de que o papel da Eva fora superado, perfeccionado, na Virxe María. Tendentes a esa fin creouse a Sección Femenina, unhas Evas sometidas ao Adán..., para que non volvesen a descarriarse!

Un retrato ben explícito da época que estamos repasando foi este aserto de José María Carandel, que deixou dito que, "El objetivo único de tanta liturgia, manual y mental, era sólo distraer a la gente, apartarla de otras cosas". Séxase, ¡ditadura!

Aquela afección ao palio, aquel catolicismo de formas, que non de fondo, farisaico, serviulle á ditadura para encubrir as súas tiranías; así, no artigo 5 da Ley de Enseñanza Primaria de 1945, puxeron: "La educación primaria, inspirándose en el sentido católico, consubstancial con la tradición escolar española, se ajustará a los principios del Dogma y de la Moral católica y a las disposiciones del Derecho Canónico vigente". Pero a Igrexa, no 45, tamén estaba necesitada de que nos aplicasen un Concilio renovador, máis apostólico, tal que se fixo, con todo éxito, no 1962. ¡Os curas volveron a misar dándolles a cara aos fieis, predicando co exemplo!

Matizando, explicando: O sistema educativo franquista era sexista a máis non poder pois establecía a estrita separación dos nenos e das nenas, diferenciando a súa formación. Nunha Orde do 1º de Maio de 1939 dicíase taxativamente que: "... el sistema pedagógico de coeducación era contrario enteramente a los principio religiosos del Glorioso Movimiento Nacional y, por tanto, de imprescindible supresión por antipedagógico y antieducativo para que la educación de los niños y las niñas responda a los principios de sana moral y esté de acuerdo con todos los postulados de nuestra gloriosa tradición". ¡O contrario do que fixo Deus con Adán, que lle adxuntou unha muller: "E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, creounos varón e femia. E bendíxoos así: Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea" (Xénese 27, 28)!

O artigo 14 da Ley de Enseñanza Primaria de 1945 volvía a insistir no mesmo: "El Estado por razones de orden moral y de eficacia pedagógica, prescribe la separación de sexos y la formación peculiar de niños y niñas en la educación primaria". No seu artigo 11 establecía a educación diferenciada: "La educación primaria femenina preparará especialmente para la vida del hogar, artesanía e industrias domésticas".

As escolas no franquismo (8)Xa en plena guerra civil, José Pemartín, Jefe del Servicio Nacional de Enseñanza Superior y Media del Ministerio de Educación, dixera que as mulleres que fixesen o bacharelato e fosen á Universidade debían ser "la excepción, y su destino el hogar".

A socióloga Subirats destacou que, "la escuela franquista estuvo marcada, desde sus orígenes, por su antifeminismo profundo, que hay que entender en relación al papel atribuido a la mujer y al conjunto de rasgos ideológicos del régimen".

Da Subirats: A educación das nenas nas escolas franquistas caracterizouse por un nivel educativo inferior ao dos nenos, por unha educación diferente, encamiñada a que asumisen o seu rol de amas de casa; pola desvalorización continua da súa espontaneidade e do seu modo de ser, posto que, fixese o que fixese, a nena era considerada, por definición, inferior ao neno, que constitúe o modelo xeral do individuo.
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES