Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os premios Peña Novo e a Galeguización de Galicia

jueves, 25 de junio de 2009
Desde hai ben anos teño a convicción de que o futuro da lingua galega vai depender de se somos quen chegarmos a ámbitos distintos do ensino e da cultura. De nada serviría termos grandes obras literarias se o noso idioma está ausente noutras actividades sociais. O galeguismo e o nacionalismo foron incapaces de implicar a outros sectores da sociedade da defensa da lingua galega. Faltaron estratexias para acadar ese obxectivo.E van aló moitos anos desque a Constitución, primeiro, e o Estatuto de Autonomía despois, estableceron a cooficialidade do galego e castelán.

A política lingüística, calquera que sexa o seu enfoque, debe ser desenvolvida con rigor, e, sobre todo, con procedementos pedagóxicos, con ofertas positivas; sen esquecermos a didáctica. Con propostas novidosas e atractivas, para chegarmos aos máis diversos sectores da sociedade, sorteando as dificultades no canto de trupar contra delas.

Durante todos estes anos a lingua galega acadou prestixio e espallou o seu uso no ámbito da administración, nomeadamente na local. Foi un proceso expansivo, plenamente aceptado polos cidadáns e partidos políticos con responsabilidade de goberno. Este balance podémolo facer agora, cando se cumpren vintecinco anos desde a celebración en 1984 da asemblea de concellos galegos que aprobou as primeiras medidas para normalizar a lingua galega. Neste tempo o proceso encallou nalgunhas áreas administrativas – policías locais e servizos xurídicos- que agora unha nova asemblea promovida pola Fegamp e Irmandade Xurídica Galega, tentarán dinamizar.

Pero hai outros ámbitos nos que hai que incidir: na sanidade e nas empresas, por citarmos dous. Ámbolos dous deben ser obxecto prioritario por parte dos usuarios, consumidores e traballadores. O empeño persoal que poñamos será decisivo para que a asistencia hospitalaria e o tecido industrial se galeguicen. Médicos, persoal sanitario e pacientes; empresarios, traballadores e consumidores, son determinantes no pulo galeguizador en cadanseu ámbito. Pero para iso cómpre o concurso de sindicatos, asociacións empresariais e cidadáns, e o esforzo e coherencias individuais.

A Fundación Lois Peña Novo premia este ano a tres exemplos de eficacia e implicación no proceso galeguizador: ao concello da Estrada, por ter demostrado na práctica que a galeguización da vida municipal é posible, desexable e agradable desde tódalas opcións políticas; ao “Estaleiro H.J.Barreras”, emblema da construción naval, que ten demostrado compromiso coa lingua galega. O prestixio internacional deste estaleiro, punteiro na aplicación de tecnoloxías de avangarda, é un exemplo para o resto das empresas do país; e a don Emilio González Fernández, médico-siquiatra, que ten a lingua galega como vehículo dun mundo cultural que o paciente leva dentro de seu, e que o acceso a ese mundo cultural é o único que permite establecer un diagnóstico certeiro e desencadear unha terapia eficaz.

O xurado que outorgou este ano os Premios Peña Novo apostou por dous sectores senlleiros -o institucional, o privado-, e a actitude patriótica e individual dun profesional da medicina de recoñecido prestixio internacional. O próximo día 25 o castelo de Soutomaior será o escenario para a ritualización da entrega destes galardóns, que lles recoñecen aos que os mereceron os valores da constancia, imaxinación e decisión de abrir para a lingua galega novos espazos.

* Presidente da Fundación Lois Peña Novo.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania