Crónica dunha guerra (16)
Ávila Soto, Federico - viernes, 31 de enero de 2025
13-05-1999
Xa pasaron bastantes días sen escribir nada aquí, e iso que o asunto está que arde coma ao principio, o malo é que traballar, as cousas da familia, o descanso necesario, e o ordenamento das ideas, así coma ler, ver as noticias que van caendo, e sobre todo, falalas coa esposa, que é quen máis atenta está a todo este batifondo, vendo sobre todo a CNN, que pouco a pouco vai entendendo o inglés, de tanto oílo dende que empezou o conflito. En todos estes días déronse un sen fin de acontecementos, irei escribindo os que mellor lembro e que máis impacto provocaron na opinión pública. Seguen a bombardear os OTANOS e seguen matando xente inocente. No principio dicían que os seus obxectivos eran os militares e estratéxicos, hoxe é todo as fábricas de todo tipo, os barrios de vivendas normais, e volven a bombardear un autobús cheo de xente kosovar. Bombardean a televisión serbia porque seica fai propaganda, non queren opinións televisivas que non sexan as súas, iso é a liberdade democrática da Europa e América, os adaís dos dereitos humanos, das liberdades. Nun principio protestaron as asociacións internacionais de prensa, hoxe xa nin se lles oe, menos mal que nos periódicos (O Mundo e A Nosa Terra) que eu leo, aparecen bos artigos. Ignoro o resto da prensa, supoño que haberá de todo, para min é significativo, a fotografía-debuxo crítico enxertado na páxina 22 do 22 de abril da "Aldea global" de "A Nosa Terra" de Daniel, vese ao Solana co escudo da OTAN ao fondo, e nun texto coma expresando o seu pensamento lese: "Non mo explico, temos un exército de televisións, varias divisións de radios, e toda a infantería da prensa ao noso favor, e nin así conseguimos convencer á opinión pública, de que os bos somos nós" Eu digo que o pensamento da xente de momento é difícil expresalo, aínda que están a facer sondaxes e os van publicando. Todo é manipulable, o que para min non vai ser manipulable será, a reacción sobre todo dos europeos no caso probable, de que indo a máis este conflito, Rusia invada Hungría, ou en caso de confrontación, empecen a caer sobre as cidades europeas bombas. Das que sexan..., ¡bombas! Entón, só entón os europeos espertarán do soño no que nos meteron os americanos. A partir de ese momento, si se expresará o pensamento europeo no seu conxunto, e eu penso que os primeiros e máis afectados de esa probable expresión, van ser os dirixentes de todos os países que sen contar co pobo, meteron a Europa na boca do león americano que todo o quere devorar.
Un dos acontecementos máis importantes dos últimos días foi, o bombardeo da embaixada china, matando a catro persoas e uns 20 feridos. As embaixadas americanas en China foron apedradas, tiráronlle ovos e todo o que se podía tirar. China non acepta desculpas, e acusa á OTAN e aos americanos de xenófobos, e quere que se lles xulgue porque din que o fixeron a posta, e pide o cese inmediato dos bombardeos, pero de isto, nin caso. Chernomirdin o ex-primeiro ministro ruso, está a mediar no conflito indo dun país a outro pero, polo momento os americanos nada de nada. Hoxe ao ministro alemán de exteriores Fischer (dos verdes) tiráronlle unha bolsa con tinta, e houbo moita barafunda con 60 detidos pola policía no Congreso. Coma se sabe, están no goberno xunto cos socialistas do SPD, teñen tres ministros e acordaron propoñer á OTAN un paro nos bombardeos para dar opción a conversas políticas. Unha parte significativa dos verdes, querían que se propuxera un alto definitivo da agresión.
Onte Yeltzin o presidente ruso, destituíu ao primeiro ministro Primakop coma represalia á ameaza, a súa destitución coma Presidente pola Duma rusa, (o Parlamento) e hoxe empezou o proceso para levar adiante as acusacións que lle imputan os comunistas. A prensa e televisións de todo o mundo, xa están a falar e a escribir dabondo sobre o asunto ruso.

Ávila Soto, Federico