Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As escolas no franquismo (7)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 31 de enero de 2025
Toques da corneta franquista

Meu neno, nese estilo tan español de facer e desfacer, escombros á pedreira, ¡aquela Penélope!, aínda en plena depuración xa lle deron á corneta, amencendo, no ano 1938, coa alborada da Ley de Reforma de la Enseñanza Media. ¿Por onde empezaron a escombrar? Estorbáballes todo, pero maiormente a coeducación e o laicismo.

¿O pretexto na coeducación? Considerala inmoral... ¡Inmoral a coeducación no ensino, pero non a de traer musulmáns para face-la guerra, coa de violacións que deixaron por toda a pel do touro, e de paso, devolvelos a Covadonga, poñer a Mizzián de Capitán General nas terras de Santiago, etc., etc.!

A segregación escolar formaba parte de todo un conxunto de medidas tendentes á depuración de todo indicio de republicanismo. O control sobre os libros de texto, ¡e dos outros, tamén!, foise intensificando a toda velocidade.

De propósito, dúas anécdotas en terreos que che son coñecidos:

. Meu pai, teu bisavó, subiu ao faiado do cuarto novo, para escondelos, tódolos libros galeguistas así coma os que lle fora mandando a tía Ramona. Cando quixo ensinarmos, cando xa me convertera en "Mestre de a ferrado", un día collemos unha escada e axudoume a subir ao faiado. ¡Ouh sorpresa! Alí só quedaban os restos, o relo, comidos que foran polos leiróns.

. A outra: Cando os do cuarteliño de San Cibrao, gardas e falangistas, rexistraron a casa de Sarille do Campo, un dos gardas, mostroulle ao sarxento un libro de tapas roxas: -¿Mi sargento, que le hago? -¿Con esas tapas...? ¡Quémalo! Tratábase dun devocionario do Sagrado Corazón de Jesús! ¡Iso si, de tapas..., rojas!
-.-

Despois desta paréntese narratoria...


O segundo obxectivo do Ensino Primario segundo a Ley de 1945 era "formar la voluntad, la conciencia y el carácter del niño en orden al cumplimiento del deber y a su destino eterno". Pero o mestre non so debía mostrarlles aos alumnos a necesidade do principio da autoridade na escola senón, e tamén, en tódolos niveles da vida. ¡Como ves, igual que nos cuarteis de daquela, así que as escolas viñan a ser un noviciado de recrutas!

O pedagogo franquista Adolfo Maíllo García, nun dos seus artigos, explicouse así: "La escuela de España tenderá a formar héroes, con los resortes del alma tensos para dispararse hacia los blancos inmortales. Los hijos de una raza "que muere porque no muere" precisan de un modelo vital pletórico de eternas ejemplaridades. No artesanos, ni profesionales; ni incluseros del mundo; ni pioneros; nuestra escuela formará caballeros a la española. Caballeros andantes del ideal nuevo, Quijotes de la gran Caballería que se va a formar para dar la batalla definitiva a los credos abstractos, desustanciadores y esterilizantes que amenazan de muerte a las fuerzas eternas y divinas que mantienen, prolongan y acrecientan los maravillosos fenómenos de la vida y de la cultura". ¿Que diría hoxe, se vivise; que opinaría destas escolas, tan abertas, algunha xa desaforada, da democracia?

Outro dos ¿predicadores? franquistas, un de tantos naquela competición heroica, foi Antonio J. Onieva, (Antonio Juán Onieva Santamaría), que se pasou dos postulados da Institución Libre de Enseñanza aos do sistema educativo franquista. No seu manual Héroes (1938) predicou así:

"El que obedece se goza en dar gusto al superior, y esta satisfacción de complacer a otro es un modo de quererle, de amarle. Es más fácil obedecer que mandar. El que obedece no se equivoca; el que manda puede equivocarse. Quien da una orden tiene que pensar si es posible su cumplimiento; en cambio, está libre de tal preocupación el que obedece. (...) Sólo la disciplina hace grandes a los pueblos. Un pueblo donde todo el mundo cumple con su deber es un pueblo ideal. ¿Como se cumple con el deber? Acatando las órdenes de los superiores y llevándolas a la práctica". ¡Desobedecer a Deus non tiña importancia; deixar aos fusilados cheirando nas cunetas das estradas, tampouco; desobedecer aos tiranos, si! ¡Claro; era a fórmula do endeusamento ditatorial!

Para comprender aquelas carautas do franquismo recoméndoche que abras o dicionario galego polas verbas farisaico, fariseísmo, fariseo...,

Farisaico. 1. Propio dos fariseos. 2. Que finxe.
Fariseísmo. 1. Doutrina ou carácter dos fariseos. 2. Hipocrisía, falsidade.
Fariseo. Membro dunha seita xudaica que aparentaba un estrito cumprimento da Lei. 2. Hipócrita, falsario, que aparenta unha piedade ou devoción que non ten.

Para mellor entender aquelas mortes, acórdate de Caín. Está todo nas Sagradas Escrituras, pero daquela os segrares tiñamos prohibido ler a Biblia, que non se fixo asumible ata o II Concilio Vaticano.

-Avoíño, media España roubando e matando á outra media, e o resto do pobo caladiño?

-A República tamén se extremou, moito e en moitos aspectos. Sacudíndose abusos antigos ladeouse demasiado, así que o barco estivo a punto de irse a pique pola banda do comunismo, que o era todo, todo menos riqueza común. ¡Sómosche unha mestura de razas, unha mestizaxe que está verde, así que aínda non maduramos!
As escolas no franquismo (7)
-Avoíño, daquela chamábanvos nacional-católicos. ¿Era unha vinganza do clero, tal que contra os masóns?

-¡Xa; outra masonería, só que con outras insignias! Ti deduce: aquel ¿nacional-catolicismo? determinaba por completo o sistema educativo atribuíndolle á relixión católica aqueles programas educativos de tódolos niveles do ensino. Nunha orde de decembro do 1938 xa se dicía que había que "saturar de espírito religioso y patriótico la labor educativa donde deben resplandecer... los dos grandes amores: el amor a Dios y el amor a la patria". En canto aos "traficantes" xa falaremos noutra ocasión pois dos estraperlos e dos roubos franquistas non chega un día para informarte con algún detalle, pero diso, no entre tanto, non busques nos libros de historia pois non é certo que Historia sexa a "sucesión dos sucesos sucedidos sucesivamente na sucesión dos séculos". Os sucesos, si, pero o seu reflexo, non, pois os grandes segredos, os pecados grandes, son, e seguirán sendo, materia reservada, século a século.

-Ti, incorporado á Banca desde moi novo, e de seguida con cargos directivos, terías un bo fonendoscopio para as trapalladas, para aquelas extorsións monetarias, non si?

Se iso non fose un drama, houbéseme rido:

-Meu neno, despois da blasfemia, nada tan grave coma os latrocinios franquistas, pero nos confesionarios da Banca se non acatabas os segredos financeiros, logo te devolvían a Bergland, a cavar na touza; iso, como pouco! Algunhas, xa coa democracia, foron investigadas polos periodistas, pero eu coñézoas mellor..., porque coñecín as circunstancias concorrentes! Por certo, o Xuízo Final vai durar unha eternidade..., e iso que no Ceo non teremos Defensores, nin de pago nin de oficio!

En canto ás apropiacións indebidas vouche referir unha anécdota local, que che servirá para apreciar a extensión das mesmas: Daquela da guerra, que eu era moi neno pero contáronmo despois, recorreron as casas do Concello unhas rapazas, algunha delas sobriña do cura de Castroverde, facéndose "Madriñas de Guerra", e dicindo que pedían para as necesidades, para os socorros dos soldados. Meses, ou anos despois, nas feiras da bisbarra houbo quen as viu..., ¡con algunha daquelas xoias, así..., requisadas! Pero ninguén se atreveu a reclamárllelas!

Agora un episodio no que participei. Ano 1949. Eu en Madrid, de soldado. Levábamos unha década de posguerra, pero os amenceres seguían sendo miserentos, nebulosos. O estraperlo mandaba, maiormente nas cidades; ás estraperlistas que non se consideraban adictas, cando as collían cortábanlles o pelo "al cero".

No Ministerio dábannos unha barra de pan, e cando saíamos con ela, pola porta de Prim, unha cola de esfameados agardando que lles désemos, ou vendésemos, aquel As escolas no franquismo (7)pan. ¡Traxicomedia!

Un día, un domingo, estando eu no Banco de España, pabellón 20, que era o de meus primos, soou o teléfono: ¡Era meu tío de Pousadela que, co Pol de Villafrío, entraban en Madrid con un camión de..., ¡de fabas, debaixo, escondidas, por un cobertor de patacas! Traíanme un saquete de víveres de Bergland, da miña casa, e ordenoume que saíse rapidamente para o Ultramarinos "La Criolla", para darmo.

Diante da Criolla non tardou en aparecer o camión. Os dous ¿estraperlistas? Dixéronme que me ocupase de controlar a descarga mentres eles se ían para a tenda, para pesar e controlar aquel..., ¿subministro? Os mozos da Criolla deron en carretar os sacos das fabas; e nisto presentouse Alfonso da Cordeira, con un saquete ao lombo e..., ¡chorando! -¿Señor Alfonso, que lle pasa? -Tróuxome teu tío no camión, deitado enriba das patacas, que llo pedín para traerlle ao meu fillo algo de comida, e de paso, darlle unha aperta; pero nas señas que traio non estaba, xa non estaba, e non saben del. Viñen aquí para non perde-lo camión, para volver a Montecubeiro, que non teño cartos para paga-lo tren!

Nisto, cando os mozos aínda non retiraran tódolos sacos, apareceron, coma se fose un meigallo, dous ou tres gardas municipais, requiríndome para que retirase o camión, que estaban os tranvías detrás, agardando por ter a vía libre. ¡Foi un milagre da miña inocencia que lles pedise un instante de paciencia, que xa pouca mercadoría quedaba sen descargar! ¡Deus, se lles dera por pedirme a documentación, aínda que estaba de paisano, descubrirían que se trataba dun soldado, descargando estraperlo, fabas, e con iso, os etcéteras conseguintes!

¿Por que as patacas enriba, e as fabas debaixo? Para as patacas levaban "Guía", pero as fabas eran puro estraperlo, que por iso as cargaron debaixo. Aquela impresión, aquel transo, quedoume tan gravado, que nin os anos ma borran!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES