Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (2)

Otero Canto, Xosé - viernes, 31 de enero de 2025
"Meu Deseio"

Comeza Íntimas co poema "Meu Deseio" que leva inmersa a estrutura dun soneto. Os sonetos, desde sempre, están asociados ao amor e ao desexo e tratan desde temas amorosos ata temas satíricos, pasando tamén pola temática moral e metafísica, destacando a nostalxia tremente de Garcilaso, a paixón chea de tenrura de Camoens, a frenética e luxosa complicación de Góngora, o ímpeto vital e a salgada graza de Lope de Vega, a ferinte sentenza ou a poutada en Quevedo, segundo Dámaso Alonso (1) describe a historia do soneto e Lope (2) xa advertiu no Arte Nuevo de hacer comedias que o soneto "está bien en los que aguardan", por iso Avelino Díaz titula este poema como "Meu deseio"; é dicir, trátase dun desexo que se agarda. Como vemos, o noso autor tiña coñecementos de métrica e sabía que as estrofas eran ou estaban propostas para un tipo determinado de temática.

Estamos diante dun poema dos máis difíciles de compoñer por parte dos poetas, ten 14 versos hendecasílabos de rima consonante que seguen o esquema clásico do soneto, formado por dous cuartetos de rima ABBA ABBA e dous tercetos CDC DCD; os dous cuartetos con dúas rimas abrazadas e os dous tercetos con rimas distintas na súa disposición e a rima deles en Avelino segue o gusto da rima de Petrarca co favoritismo da rima CDC DCD, na que o segundo verso do primeiro terceto rima tamén co primeiro e terceiro verso do segundo.

Hai unha progresión temporal en todo o soneto que se observa na primeira palabra de cada unha das estrofas, sendo esta sempre un verbo:
PRIMEIRO CUARTETO.- Quero vivir (a vida dinamente)
SEGUNDO CUARTETO.- Seguir (o meu vieiro, dreitamente)
PRIMEIRO TERCETO.- Vivindo (en homildosa sinxeleza)
SEGUNDO TERCETO.- Io finar (o camiño) quero (a sorte)

Tamén observamos que o poeta mantén ese "Debezo" ou "Meu deseio" de vivir, mais de vivir a vida tratada como un camiño que nos trae lembranzas de Jorge Manrique ou de Antonio Machado ao tratar no segundo cuarteto a vida como un "vieiro" e no derradeiro terceto como un "camiño" que ten fin.

O contido das estrofas sería este:
CONTIDO - ESTROFA - VERBOS
Optamento ou desexo - 1º Cuarteto - Quero vivir
Continuidade e proposta - 2º Cuarteto - Seguir
Duración da proposta - 1º Terceto - Vivindo
Finalización do desexo - 2º Terceto - Finar

Os verbos das distintas estrofas manteñen esa progresión temporal empezando por un presente ou un aquí e agora "quero", prosegue con un continuar progresivo representado polo verbo "seguir" e logo fai que se demore o tempo no primeiro terceto cun xerundio durativo "vivindo" para rematar esa progresión temporal na última estrofa mediante o infinitivo "finar" que semanticamente fai rematar o contido e o tempo cando a Parca visite ao poeta.

PRIMEIRO CUARTETO
Quero vivir a vida dinamente
como viven os seres superiores
sin dobregarme diante dos señores
nin ter orgullo coa homilde xente.

O primeiro desexo de Avelino maniféstase nos dous primeiros versos porque son positivos e quere ter unha vida equilibrada e digna, tal e como a viven os seres superiores, para logo dicir o que non quere por medio de negacións, sin dobregarse diante dos señores, é dicir, sen manifestar símbolos de vasalaxe feudal que aínda quedaba en vida de Avelino e ao mesmo tempo sen renunciar á súa clase social, que é a dos humildes, por iso, aínda que Avelino ascendera socialmente, non por iso quere manifestarse cheo de orgullo con eles, senón ser un máis do colectivo.

SEGUNDO CUARTETO
Seguir o meu vieiro, dreitamente
sin que me ceguen outros esprendores
e, somente no altar dos meus amores
axionllarme calado e reverente.

Neste segundo cuarteto é onde se manifestan os seus desexos que veñen a ser como a continuidade do primeiro cuarteto "seguir o meu vieiro, dreitamente" sen que o ceguen a admiración polo luxo e a grandeza, mais despois, no terceiro verso aparecen unhas palabras clave, que son as seguintes:
"No altar dos meus amores/axionllarme calado e reverente".
O autor fai unha transposición do altar propio da relixión ao "altar dos meus amores", que vén a ser o altar dos meus desexos, onde se axionlla "calado e reverente", é dicir, respectuoso coa súa forma de entender a vida.
Diante dos altares e, especialmente diante deste que leva unha denominación tan bonita como o altar dos meus amores, axeónllase un para pedir algo, e ese algo explicarase logo nos seguintes tercetos.

PRIMEIRO TERCETO
Vivindo en homildosa sinxeleza,
quero que meu esprito se conforme
fuxindo da maldade e da baixeza.

En liñas xerais nos tercetos sempre se explica o que o poeta presenta nos cuartetos, así que aquí veremos en que consisten esas peticións diante do altar do amor ou dos seus amores, que vén a ser o altar dos seus desexos:
Primeiro: "Vivindo en humildade e sinxeleza"; é dicir, desexa que a súa vida sexa humilde e por se aínda non queda claro, que sexa tamén sinxela, sen ostentación e sen fachenda.
Segundo: "fuxindo da maldade e da baixeza". Neste verso as palabras máis importantes son negativas, a maldade e a baixeza, que se contrapoñen cos significados do primeiro verso: a humildade e a sinxeleza.

SEGUNDO TERCETO
I-o finar o camiño, quero a sorte
de me acoller ó seo da Natureza
sin que alede a ninguén a miña morte.

O autor neste terceto segue formulando peticións no "altar dos seus amores" e fai unha última petición cando chegue a morte visitalo, que sería:
Terceiro.- "sin que alede a ninguén a miña morte", o que significa non deixar feito ningún mal a ninguén nesta vida para así non ter inimigos cos que convivir na vida real e estes non tivesen desexos escuros e espurios da desaparición do poeta.
Resumindo, os desexos ou devezos de Avelino serían os de pasar a vida con sinxeleza e humildade e morrer a gusto por vivir unha vida digna sen facer mal a ninguén.

BIBLIOGRAFÍA
(1) QUILIS, Antonio(1975).- Métrica española. Madrid . Edic. Alcalá, 3ª edic, páx-141.
(2) LOPE DE VEGA.- El Arte nuevo de hacer comedias. Ed. Cátedra.
(3) NAVARRO TOMÁS, T.(1995).- Métrica española. Barcelona. Edit. Lábor, 2ªedic, páx 253.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES