Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Violoncellos con madeira de caiuco

Pinto Antón, J.A. - viernes, 31 de enero de 2025
Rapazas e rapaces sorrintes con seus coloridos instrumentos na foto do xornal. E iso que na música clásica son raras cores tan vivas. Haberá que seguir a noticia para ver o que esconde a foto. Ou de como, da man do xigante da música Ricardo Muti, na illa de Lampedusa a traxedia fai soar notas musicais de beleza, harmonía e solidariedade.
Sons do mar contra os costados dos caiucos. Chamativas cores das barcas dos náufragos que pagaron ben cara a súa 'visa para un soño'. Como a poesía é arma de futuro que ve máis fondo e máis lonxe, foi un poeta, Arnoldo Mosca Mondadori o impulsor da fermosa idea: crear severos instrumentos clásicos coa madeira de caiucos que ían ser queimados e aínda conservan o cheiro a gasóleo e o arrecendo do mar. Creados por presos que traballaron no cárcere con e como lutieres, violíns, violas, violoncellos teñen un timbre máis apagado que os que saíron dos talleres de Stradivarius, Amati ou Guarnieri. Mais, soan con dignidade e xeran emocións que chegan ao corazón do público.
Nace a Orquestra do Mar. Madeira coas feridas da vida, da morte e da música, mestura de beleza e esperanza. A orquestra actúa na illa asociada coa traxedia, Lampedusa, Porta de Europa aos grandes, atraíntes valores da liberdade con igualdade, estado de dereito e de benestar, laicismo, valores democráticos e dereitos humanos que recoñecen o dereito a migrar. Ademais, de pouco serviron muros separadores ao longo da historia. A Gran Muralla chinesa e o Muro de Adriano, o do sur de EEUU que no norte non é necesario, os de Ceuta e Melilla. Tampouco o muro de auga do Mediterráneo frea as urxencias dos desesperados que saltan de África a Europa. Con migrantes e caiucos tratados como lixo. E iso que aquí, dos 48 millóns de españois, oito son de orixe estranxeira. A viaxe do ADN sempre foi azarosa e ao fin, todos somos inmigrantes: 'nacer é chegar a un país estranxeiro'.
A música que soa en Lampedusa ou na Scala de Milán é linguaxe universal que chega ata o cerebro e percute no corazón nese idioma compartido de beleza e xenerosidade, de instrumentos de madeira pintada pola vida e polo auga salgado da traxedia. Idioma de medos e brazos abertos porque xamais poderemos poñer portas ao mar.
O concerto remata co Stabat Mater. "Estaba a nai dolorosa / ao pé da cruz na que pendía o fillo…". Toca a orquestra dirixida por Muti. Canta o coro. Dor inconsolable da nai pola morte do fillo. A dor das nais polas fillas afogadas no mar, polos fillos que pagaron unha durísima peaxe para entrar no paraíso. Remata o concerto cunha nana. Anainan as nais corpos dos fillos mortos co ritmo do corazón, coa poderosa percusión do mar que cantan as voces, que interpretan instrumentos feitos coa madeira pintada dos caiucos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES