Sérgio de Castro Pinto (João Pessoa, Paraíba-1947), poeta brasileiro, non descoñecido para os lectores galegos e peninsulares, através da "Antología de la poesía Brasileña del Siglo XX", edición bilingüe, publicada en 2001 por Edicións Laiovento e organizada por servidos. De Castro Pinto é autor dunha extensa obra estudada e escudriñada por varios críticos, poetas e filólogos. Nese amplo concurso de opinión favorábel ao proceso creativo deste destinguido poeta, esclarécense títulos como:

"Gestos lúcidos", "A ilha na ostra", "O cerco da memória", "A flor do gol", etc... até chegar ao título que estamos tratando. Todos eles revelan a excelente aportación a un proxecto que contemplamos na forma e na modernidade, que actualiza o sentido vangardista e as mudanzas que aporta Castro Pinto á poesía brasileira, perfilando os tránsitos e os dominios marcados nos seus tempos e espazos poéticos, no concepto que definiu Camões: "Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades". En toda parte a vontade en mudanza, repercutindo na creación poética, sen dúbida.
Poñerei de relevo a última entrega editorial, publicada nos últimos meses de 2024, titulado: "O brando fogo das palavras", da Editora Patuá de São Paulo. Un poemario de estrea, no que se contempla o alto ego das conquistas de Castro Pinto. Unha creación que nos leva ao misterio de concretas precisións, que me lembra as palabras de Federico García Lorca, sobre a prioridade creativa: "La creación poética es un misterio indescifrable, como el misterio del nacimiento de un hombre. Se oyen voces y no se sabe de donde, y es inútil preocuparse de donde vienen". Sobre o misterio da poesía, outros dos poetas españois da xeración de Lorca, como foi Dámaso Alonso, dixo: "La

poesía es una claridad por la que el mundo mismo es comprendido de un modo intenso y no usual". Insiste Alonso: "El poema es como un nexo entre dos misterios: el del poeta y el del lector". A dialéctica de Lorca e a de Alonso, resultan moi operativas e defensivas ante a opinión negacionista de Santo Agostiño e de seus acólitos, cando dixo: "A poesía é o viño do demo".
O "Brando fogo das palavras" lévanos a ese ímpeto exclamatorio que nos proporciona un anunciado, un interese primordial de poder entrar no texto, lelo sen apuros e escudriñalo apaixonadamente. Porque a poesía de Sérgio de Castro Pinto resúltanos dixeríbel, mais non podemos perder de vista esa magnificación metafísica que impregna o ordenamento da súa poesía, que non deixa de ser un clamor de claridades e fervores para desentrañar e comprender un mundo sólido, na plenitude de seus significados, en todos os impulsos de cada unha das instancias que emerxen do verso. Claro que a poesía non representa exclusivamente a unha única tendencia ou realidade temática, separada do conclave de instancias e vertentes desa multiplicidade misteriosa, onde a palabra poética mantén en alerta as súas certezas.
O contido unánime do "Brando fogo das palavras", mantén unha expresión renacida dun pensamento fértil e accesíbel a recursos imprescindíbeis que este poeta administra, admirabelmente. As palabras en todo o tecido verbal, tanto na liberdade como na "astúcia verbal", mostran ese potencial de descuberta dun espírito libre. Como sinala un dos máis recoñecidos críticos literarios do Brasil, como é Fábio Lucas: "Reconheça-se, do poeta, a astúcia verbal, capítulo especial das sutilezas do espírito". Nesta dirección, compre estar atento ás mencións e suxerencias de abastados poetas que teñen percorrido á poesía de Sérgio de Castro Pinto e, tamén, opinado como é o caso do recoñecido poeta Ferreira Gullar: "São poemas escritos com mestría e senso de humor". Gullar detecta un dos altos atributos que se mantén na poesía de Castro Pinto, tan fortalecida polo humor nesa súa utilidade sensíbel que aparece en toda a súa obra desde o A ao Z, nos seguintes poemas: "cremação (I) // quando eu for cremado, / o que será de mim, / serei pó-de-mico / ou de pirlimpimpim? cremação (II) // às cinzas do meu pai / quero-me junto / e misturado: // fomos farinha de um mesmo saco". Aínda outra concesión humorística, ben aderezada de metafísica, que excede á metáfora, é o poema: "meu rio // as águas desse rio / não saben nadar // escorrem fio a fio / e se afogan no mar". Aínda nestes mínimos de humor conmovido, polo que o poeta trata con severidade, non deixaremos de apreciar as singularidades que ofrece neste formato de clamor emocional, onde a palabra posúe ese predominio e individualidade direccional.
No encadramento sintético da súa poesía, non é fácil construír e protexer ese sintetismo sen anular ningún dos atributos e pertenzas orixinais que marcan a estrutura do poema, mais, de Castro Pinto consegue equilibrar esas atribucións e adherencias que connotan a perfección dos seus poemas. Sobre o temario de síntese, esclareceu o crítico e amigo, Fábio Lucas:
"Os seus poemas sintéticos qualifican-se inicialmente ppela economia de meios, pela sobriedade da linguagem, pela concentração de significados. Mas se apresentam regidos por um prindípio de desdobramento imagético, um proceso de vasos comunicantes que vai conquistando áreas contíguas, aderências semânticas". En toda esta articulación, o noso poeta, non deixa de ser un dos grandes mestres da poesía brasileira, no que interesa a ese economicismo estrutural e ao proxecto sintético tan presente na súa poesía vangardista; na transcendencia existencialista, humanista e en toda esa transversalidade posíbel, como activo da súa poesía. Hai anos que o poeta e crítico brasileiro, Salim Miguel, sinalou algo moi importante: "Sérgio de Castro Pinto é das novas gerações. Dono dun verso tenso e de uma linguagem muito pessoal, desde logo marca um lugar definido entre os nossos novos poetas. Mas não só o verso e sua busca de perfeição preocupan ao poeta: ele também se preocupa com o homem e a sua destinação". A opinión de Salim Miguel é anterior a 1993, data que esclarece a fértil madurez do poeta.
"Brando Fogo das palavras" é un poemario pedagóxico con enormes virtudes que evita caer en hermetismos. De Castro Pinto sabe moi ben que o pudor en poesía é o maior paracaídas para aterrar sen agredir a estrutura en que se mantén o verso. É así como Sérgio apuntala o lonxincuo concurso creativo e estrutural con a insistente depuración, que desbota as vaidades caóticas e dun lastre tan ordinario en uso, que moitos "poetas" ou versificadores, manifestan perderlle o respecto á poesía. A creatividade poética deste poeta paraíbano, constata excelsas emerxencias que pulsan nos seus formatos creativos, dunha maneira expansiva e lucida, como é o caso con que trata a súa lírica, tan determinativa nas súas solventes entregas. Unha lírica con raíces, que florece na árbore da súa poética. Neste espazo conmemorativo, polo nacemento desta grata crianza, que é este destinguido libro de poemas, que respira e pulsa nos tránsitos expresivos e de extraordinarias frecuencias que nos ofrenda Sérgio de Castro Pinto.