4. O período americano
Respecto a esta última etapa só teño coñecemento del a través de escritos e dalgúns encontros que tiña cos antigos alumnos e amigos cando viña a Galiza: Lugo, Santiago, Pontevedra, Gres, foron lugares onde coincidimos con este profesor polo que todos sentíamos unha profunda admiración.
Dino Pacio viviu a maior parte da súa vida e Nova Iorq. Marchou cuns 32 anos para os Estados Unidos e alí botou os restantes 58 da súa vida.
No tempo que estivo alí secularizouse e casou ca colombiana Cielo Manzano ca que tivo dúas fillas: Silvia e Raiola. Esta última deulle un netiño chamado Lugo que era a súa ledicia.
Exerceu a docencia en varias universidades americanas: Fisher, Rochester, Fordham, Cuny e Suny. A súa labor docente centrouse no estudo da Socioloxía da mocidade americana. Moi pronto despregou o seu enxeño cara os mundos marxinados dos drogadictos e dos emigrantes hispanos.
Sendo profesor da Universidade de Rochester, funda polo 1971 a chamada "Escola dos apartamentos". O gran atranco que tiñan os hispanos para atopar un traballo digno era o idioma.

Sen poder falar en inglés so podían obter traballos na limpeza, na construción e outros similares. O inglés era imprescindible para obter un posto de traballo ben remunerado. Entón Dino, lembrando o traballo comunal da súa terra, ocórreselle a idea de intercambio entre estudantes que falaban ben inglés o os hispanos. O trato consistía en que os estudantes lles aprenderan gratis inglés aos hispanos a cambio de pernoctar nos apartamentos. E iso funciona porque Dino pon un método novo "a letra con música entra" e "todos ensinan e todos aprenden". Como afirma Xosé Manuel Malheiro: "Os seus estudantes eran ao mesmo tempo profesores e alumnos: aprendían e ensinaban contidos buscados en problemáticas sociais, económicas e políticas da súa realidade cotiá partindo da propia lingua, seguindo o lema: todos ensinan, todos aprenden" (1)
Logra inicialmente que os hispanos poidan alfabetizarse no seu idioma orixinario durante un período transitorio mentres aprenden e se afianzan en inglés. Iso dálles pe para ir podendo facer os estudos no seu nivel. A CUNY implícase no programa e facilítalle locais e medios e créase a Universidade de barrio para alfabetizar en inglés.
En 1975 fúndase Solidaridad Humana ca participación de alumnos universitarios de Socioloxía da SUNY. En 1977 consolídase un programa de formación universitaria bilingüe nun amplo edificio cedido pola cidade de N.Iorq. Dino foi profesor e director dese programa bilingüe. Polo 1980 Solidaridad Humana é un grupo moi amplo que conta con preto duns 2.000 alumnos e uns 70 profesores. A maior parte dos alumnos son hispanos cun nivel de renda baixa. Grazas ao apoio da SUNY (como di Malheiro, artigo citado), a partir de 1977 impártense estudos para graos de catro anos e de aí saen mestres bilingües para ensinar nas escolas de N. Iorq. O impacto que isto supuxo na cidade de N.Iorq foi moi grande. Tanto a Fundación como Dino Pacio recibiron importantes premios, como Dissemination para Solidaridad Humana ou o Premio Nacional de Servizo á Comunidade concedido persoalmente a Dino polo seu traballo ca educación de adultos.
Dino tamén impartiu cursos de Doutoramento na universidade de Málaga durante catro anos. Alí acudiu varias veces ao encontro co se alumno e amigo Ramón Díaz Guerrero e alí se hospedou no último viaxe que fixo a España.
Dino abandonounos definitivamente a comezos do 2025, pero a súa imaxe de home rexo, intelixente, inasequible ao cansazo, esixente consigo antes ca cos demáis e solidario; esa imaxe permanecerá alén do presente.
NOTAS:
1. Malheiro, X.M., Dino Pacio Lindín, Nos diario, 12/01/25.