1. Innovador na educación
En Mondoñedo estivo relativamente pouco tempo, pero a experiencia foi moi intensa. En liñas xerais pode dicirse que colleu un centro formativo de mentalidade escolástica-tridentina -como no resto de España- e cando se marchou deixouno cambiado cunha mentalidade moi renovada e aberto a Europa máis alá do que era esperable no réxime pechado da ditadura franquista. Sería inxusto pensar que só Dino levou a cabo unha labor titánica para cambiar tanto as estruturas formativas. El foi capaz de aglutinar un nutrido grupo de Profesores entre os que destacaría: D. José Mª Díaz, D. Edelmiro Bascuas, D. Alfonso Gil, D. Uxío García, D. Eugenio Núñez Ríos... Algúns outros, que non compartían de todo as novas vías educativas, non se opoñían e mesmo as secundaban dende a sombra porque o entusiasmo e idealismo dos novos estaba apoiado nun intenso traballo, na coherencia e nunha conducta sen tacha, que daban unha garantía. Iso permitiu levar adiante importantes cambios en estudos e costumes para uns mozos de entre 16 a 19 anos que inicialmente parecían impensables.

A nivel do ensino Dino xa ensaia en Mondoñedo- dalgún xeito- novos métodos e novas formas educativas que logo desenvolverá en USA.
Dende o punto de vista metodolóxico, o método imperante estaba baseado en textos en latín -alumnos e profesores falaban e expoñían na lingua do Lacio- e estruturados en teses que se defendían ferreamente con argumentación. Os argumentos de filósofos contrarios despachábanse moitas veces con respostas dabondo simplistas sen afondar nada no seu pensamento. Daba a impresión de ser un mundo dogmático e pechado.
Na etapa que estou a comentar hai uns cambios importantes. O latín é substituído polo castelán -o galego aínda tardaría uns anos en chegar- e os libros de texto son cambiados por outros actualizados, como a Etica de Gregorio Yurre, a Historia de la Filosofía de Hirschberger, Psicología de Alvarez Villar etc., todos eles eran libros que nada tiñan que ver con aqueles esquemas ríxidos de teses escolásticas. As clases de Socioloxía non tiñan ningún texto, era preciso coller apuntes e ler algúns libros e artigos para ampliar os que se collían na aula. Dun deses libros había que dar conta no exame oral final.
Ao marxe das aulas había toda unha labor formativa con representacións teatrais -lembro Historia de una escalera- con compañeiros que despuntaban como pequenos actores, actuacións musicais -crease o grupo dos Preukas (Caruncho, Xulio Leal, Suso Piñeiro- batería- e Paco Conde) que traen as novas cancións ao Seminario-, aprendizaxe de idiomas, nomeadamente inglés a través de libros e discos e tamén o alemán para os que andaban máis sobrados de tempo. Pero foi sobre todo a nova literatura francesa, que periodicamente iamos comentando seguindo o libro de Charles Moeller, a que nos deu motivo de charlas e discusións. Di Ramón Díaz Guerrero que Dino era " un home pegado a un libro. O libro era a súa compaña. Ese afán de fomentar a lectura plasmouse na adquisición de libros da colección Austral, dispoñible na aula de actividades lúdicas que chamabamos "fogar". Aquí pasabamos os tempos libres e de recreo"..., el lia:" Verne, Pereda, Gironella, Van der Meersch, Gheorghiu, ...Camus, Gide, Mauriac, Pardo Bazán, Palacio Valdés, Fray Luis, Tolstoi, Laín Entralgo, López Ibor, Laín Entralgo, Cervantes, Xeración do 98, Chesterton..." (1).
Abandonase unha pedagoxía ríxida e con moita carga memorística e imponse unha nova forma de ensino que ten moi en conta a nova situación e as novas ideas que chegan alén dos Perineos. Aquí había que resaltar tamén a chegada de D. Darío Balea, recén licenciado en Pedagoxía que trae novas ideas e novos métodos de aprendizaxe sobre os que nos da un breve verniz. Nas clases de Socioloxía é frecuente a alusión que Dino fai ao atraso no que está sumida España e Galiza, ás novas ideas e movementos que están circulando por Europa, sobre todo Francia, Inglaterra e Alemaña, e aos novos tempos que nos agardan e para os que é preciso prepararse. Nas clases de Socioloxía intercalaba con frecuencia anécdotas da súa estancia estival no estranxeiro, nomeadamente en Francia e Alemaña. Falounos do movemento hippie que empezaba entón, dos blousons noir que estaban en contra da cultura oficial... Era rara a clase que non había algunha referencia aos novos problemas que se daban na sociedade, novos movementos culturais, literarios ou outras noticias da prensa. Todo iso facía as clases moi vivas e suscitábanse diálogos e debates entre compañeiros que conducían a completar a información que de xeito parcial se captara na aula.
O Curso 1965-66, o último que impartiu antes de marcharse a EE.UU. explicou Ética e Socioloxía. O programa de Socioloxía tiña dúas partes: a primeira constaba de 9 capítulos ou temas onde falaba da aparición da Socioloxía en la era industrial, desarrollo da Socioloxía no s. XX, qué é a Socioloxía ? terminoloxía e método, a vida social, a cultura como factor social...Na segunda parte expoñía a organización social, a familia, economía, asociacións na vida económica moderna, institucións educativas, sociedade internacional...Todo un programa que aínda hoxe contaría con moitas achegas de interese.
Paralelamente aos estudos oficiais de 3º de Filosofía preparamos materias específicas para o exame de Preuniversitario ao que finalmente so se presentaría un compañeiro que superou a proba sen dificultade. O resto, xa moi avanzado o curso, optamos por preparar a Reválida de sexto. Foron varios os profesores que desinteresadamente nos deron clases de Bioloxía, Francés, Latín e Grego (Odisea-Eneida), a Literatura española contemporánea... Duplicábanse horas de traballo e de esforzo, pero había entusiasmo e non recordo que ninguén se queixara. O problema xurdiu cando a final de curso nos atopamos de súpeto co problema económico: había que abonar 5.000 Pesetas para satisfacer os dereitos de convalidación, como paso previo para presentarse a exame. Unha deficiente información fixera crer que iso sería gratuíto, pero agora era preciso pagar esas taxas. Non todo o mundo dispoñía desa cantidade de cartos. Dino, lonxe de arredarse, botouse a buscar diñeiro debaixo das pedras, onde fixera falta. Foron varios os profesores compañeiros seus e el mesmo que xenerosamente puxeron moito diñeiro do seu peto. Todos puidemos presentarnos ao exame que, por certo, foi un éxito para alegría nosa e dos benefactores que tiveron fe en nós. Éramos conscientes de que moitos receosos estaban pendentes daquel experimento e non todos desexaban que saíra airoso. Pero as boas noticias déronlle unha satisfacción a Dino que pouco despois emprendeu a viaxe rumbo á América, supoño que mirando con fachenda o último desafío gañado.
2. Promoción social dos desfavorecidos.
Non lle abondaban as tarefas docentes. O profesor Dino tamén exercía como crego na parroquia de Galgao. Alí sucedeu unha curiosa anécdota o día da celebración do Patrón, que tamén era día de romaría. Deixo que sexa o ilustre escritor e xornalista Carlos Reigosa, veciño e amigo seu quen narre o acontecido:
"Era aquel un Dino Pacio infatigable, gran camiñante, que xa comezará a ollar o mundo coma o seu campo de actuación. O mesmo Dino que asistía á romería de San Cosme de Galgao (Abadín, Lugo), a onde peregrinabamos os crentes de moitos concellos veciños con agasallos para o Santo (pitas, ovos, lacóns, patacas etc.), que amontoaban na igrexa para os curas que concelebraban a misa solemne. Así fora sempre no pasado. Ata un ano en que Dino, convidado a tomar a palabra entre os asistentes, proclamou: "¡Os santos non comen!" E pediulles aos veciños que volvesen para as súas casas cos seus agasallos "porque o que traen failles máis falta a vostedes que ós que estamos aquí". Frase inesquecible que quedou gravada en moitas memorias, como puiden comprobar ao longo do tempo, porque entre os asistentes estaban, por exemplo, os meus pais, que acudían a aquela romería con cestas de comida , que compartiamos nas xesteiras próximas. Unha celebración a que me levaron de neno e que lembro como unha grande xuntanza veciñal, festiva e relixiosa, onde acudían xentes de Ribadeo, Foz, Viveiro, Mondoñedo, A Pastoriza, Vilalba etc." (2).
Según creo recordar, comentando isto nunha clase de Socioloxía, ao final, unha muller que ouvira as palabras achegóuselle e díxolle: Señor, Vostede ben falou, pero cando se enteren os seus compañeiros, van adoecer". Non lle faltaba razón á humilde muller porque algúns -non todos, por suposto- pareceulles moi mal semellante actitude porque supoñía a ruína do seu "negocio". É ben sabido que nalgunhas romarías recadábase moito. Por ese motivo foi intimidado por algúns clérigos da Diocese por romper cas vellas costumes.
Coherente co que dicía fixo unha gran labor de promoción social naquela zona. Buscou bolsas de estudo, axudas oficiais e mesmo privadas e apartamentos e residencias para que nenos e nenas da comarca puidesen facer o Bacharelato e nalgúns casos cursar estudos na Universidade e poder ter desempeñar un importante posto de traballo. Así era el, un home desprendido para quen os cartos so servían para mellorar a vida das persoas. Sinala a este respecto a Dra. Sonia Villapol que Dino "decatouse do potencial latente en moitos nenos e nenas dos montes de detrás da Corda, atrapados en circunstancias familiares con poucos recursos que lles impedían desenvolver as súas capacidades. Empregou toda a súa enerxía para apoialos, e o seu labor deixou unha fonda pegada: máis de cincuenta estudantes que, grazas a el, sacaron carreiras, que doutro xeito non terían tido" (3).
A pesar do traballo docente e pastoral que tiña en Mondoñedo, el e o seu gran amigo Edelmiro Bascuas López sacaron tempo para estudar e fixeron a licenciatura civil na Universidade de Madrid: Dino en Filosofía e Edelmiro en Filoloxía clásica. Dino vaise á Universidade de Harvard a estudar Socioloxía con Robert Merton e Talcott Parsons, os pais da Socioloxía modera, e Edelmiro opositará tempo despois e gañará a cátedra de Grego exercendo no Instituto Ramón Menéndez Pidal de A Coruña.
3. A accidentada defensa da tese de Doutoramento.
Polo ano 1968 Dino fai unha escapada a Madrid. Xa tiña data para presentarse a defender a súa Tese de Doutoramento no mes de marzo, na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Complutense. A tese levaba por título: "A nova linguaxe da poesía rock". O título non parecía moi ortodoxo para unha tese de Filosofía e menos naquela España da ditadura. Pero non hai que esquecer que o 68 é o ano das protestas estudantís. Algo xa se empezaba a mover en Europa e tamén nos campus da universidade española. Dino defendeu con brillantez as súas ideas e a tese foi aprobada por unanimidade polo tribunal. Como recolle nun artigo o poeta Álvarez-Koki:
"Na fin da defensa atronou a sala con aplausos da xente. Toda aquela mocidade, en pé, encontrara alguén que os entendía. Pero naquel Estado de lei marcial, naquela España, aqueles aplausos eran unha provocación. A policía, que tiña tomadas as universidades, entraba nas aulas ante calquera ruido sospeitoso. Foi entón cando os axentes invadiron a sala e se puxeron arredor da xente sen diciren nada" (4).
Como era lóxico había que celebrar o éxito dese traballo. Acordaron reunirse pola noite nun piso duns galegos en Cea Bermúdez. Ao anoitecer xuntáronse no lugar acordado como ben relata Alvarez-Koki- e Dino que levaba os folios da tese consigo, colocounos enriba dunha mesa. E entón chega a gran sorpresa:
"Cando xa pasara un anaco de tempo, un tipo levantouse, achegouse ao lugar no cal estaba a tese de Ximil, sacou unha pistola e púxoa enriba das follas. Mirou fixamente para Ximil e díxolle:
-Mira agora para esta pistola e para estas follas. Agora son miñas, pero como te volva a ver, a pistola é para tí.
Aquel tipo colleu as follas, a pistola e marchou. Aquela era a única copia que Ximil tiña da súa tese, xa que o orixinal quedara na Universidade" (5).
Foi un momento curto pero dunha gran violencia concentrada. Dino sabía que a ameaza daquel policía ou parapolicía do réxime non se podía tomar a broma. Era seria e a súa vida corría perigo.
Dino intenta publicar agora (1968) o contido da súa tese nun libro que leva por título Juventud radical, pero a censura non llo permite e terá que agardar ata 1976 cando aparece prologado polo seu veciño e amigo Carlos Reigosa en Ediciones Felmar.
Ante os feitos, Dino dáse conta que en España non ten cabida. A liberdade está asfixiada e baralla entón a posibilidade de quedarse en Europa ou marchar a EE.UU. Optou entón por Manhattan, que xa coñecía e porque veo moitas posibilidades de traballar cos hispanos.
NOTAS:
1. Díaz Guerrero, R., Mondoñedo, formador de lectores, en Rivas García, M., o.c., páx.107.
2. Reigosa, C., Dino Pacio Lindín, o camiñante-guía, en Rivas García, M., o.c., páx.210-11.
3. Villapol, Sonia, A solidariedade de Dino: de Xemil a Manhattan, El Progreso, 15/01/25.
4. Álvarez-Koki, F., O pé do meu camino, en Rivas García, M., o.c., páx.21.
5. Álvarez-Koki, F., o.c.,páx. 22.