O pasado día 9 deste mes de xaneiro de 2025 abandonounos para sempre o que fora noso profesor e formador nos tempos mozos en Mondoñedo. Sobre el hai escrito un libro que eu coordinei e no que participaron 15 persoas entre alumnos e amigos amais de do pintor Antonio Rivas Pol que fixo a contraportada co debuxo do hórreo da casa de Dino, e o pintor e escritor Siro López a quen lle pedira algunha ilustración para a obra, pero xenerosamente se ofreceu a facer unha por capítulo.
Con maior ou menor acerto, nesa obra vaise debuxando o semblante do noso prezado profesor e educador nos anos claves da nosa xuventude en Mondoñedo. Neste escrito pretendo traer ao presente a súa figura exemplar que é digna de perdurar na memoria colectiva como exemplo a seguir polas futuras xeracións.
1. As orixes
Dino Pacio Lindín ven ao mundo en Xemil -ou Ximil, como el afirma sempre- na parroquia de Bretoña, concello da Pastoriza o 18 de novembro de1934.

Aí comeza a vida nese esquecido lugar da xeografía galega ese neno que co tempo adquirirá unha talla xigante e finará aos 90 anos rodeado do calor da súa benquerida familia . Pero el non é a única estrela que brillou na Pastoriza. Houbo no pasado e hai no presente personaxes de recoñecido prestixio a nivel internacional que fan coñecido no mundo este recóndito lugar da provincia de Lugo.
O lugar onde nacemos e os primeiros anos da nosa vida deixan unha pegada indeleble para o resto. Dende Rousseau déuselle máis importancia á infancia e á educación infantil porque os nenos son como esponxas que necesitan empaparse de todo o que os seus sentidos perciben. As terras que el veu na infancia son as da Pastoriza, verdes e fermosas, pero tamén montesías e neboentas, que non lle poñen as cousas doadas aos labregos que as viñeron labrando dende hai séculos. Dino foi moi consciente diso cando describe o seu Xemil e sinala como os xemilegos tiñan que labrar os montes comunais que estaban lonxe das súas casas e costa arriba. Preto das casas a penas tiñan 2 quilómetros cadrados para cultivar, mentres que no monte común dispoñían duns dez. As dificultades para plantar e carrexar os nabos neses montes comúns que fornecían de alimento casas e animais fixeron deles un pobo rexo e laborioso. Din que a mellor madeira de carballo, a máis dura e prezada é a que medra nas partes altas, onde hai menos auga e nutrientes. Tardan máis tempo, pero a madeira é máis dura e resistente. O maior esforzo para obter os froitos, que noutras partes se colleitaban con menor dificultade, deixou pegada nos xemilegos:
"Unha testemuña dramática daquiles tempos é o nome dun sitio, perto das louseiras: 'Os nabás': cómo pode un monte tan lonxe das casas, selo sitio de botalos nabos? Os nabos bótanse sempre nas chousas e nas agras, perto das casas; facelo tan lonxe foi un esforzo horrible, costa arriba: faciano deste xeito xa que logo tiñan mui pouca terra privada; tiveron que usalo monte comunal, lonxe das casas, para producir nabos e rabizas; iso deberíalles dicir ós de fora que ises montes fican cheos de suor e vida humana; non teñen dereito a profanalos" (1).
Xemil, que tan polo miúdo describe en "Ximil Comunal" dende a filoloxía, a historia ou a produción económica, é ese anaco de terra que, como el di, a "case mil légoas" exerce unha atracción telúrica sobre el, o ata por unha especie de "cordón umbilical" e o atrae, pese á mar océana que se interpón. É a chamada da terra que sempre tira e á que sempre quere volver todo emigrante.
Di Rof Carballo a propósito disto que "a paisaxe está moito antes do pensamento. Non é o ser humano quen crea a paisaxe, senón ao revés, a paisaxe é a que fai ao ser humano. A paisaxe fainos moito antes de que sexamos capaces de pensar e mesmo de que sexamos capaces de ver. Xa nos nosos limiares da percepción do mundo, cando os nosos cinco sentidos principian a se abrir como floriñas na alba da vida. E quen sabe?, poida que moito antes. A paisaxe quizais estea xa en nos mesmos antes de nacermos" (2).
Aprendeu as primeiras letras na chamada escola do ferrado, cun mestre republicano, D. Eladio Iglesias:
O cantautor valenciá Raimon fixo un canto fermoso que comeza así:
Fun a escola de neno,
Xamáis o nome das arbres
Da miña terra
Nin o nome das frores que ollaba,
Nin o nome dos paxaros que voaban,
Nin puiden estudar a lingua
Falada na miña casa.
A vida e o aprender ficaban
Fora da porta de fora
Daquela pequena escola (3).
Iso era o que Dino chama "pedagoxía cadavre" alá polos anos 40 e 50 do século pasado. Paulo Freire chamáballe pedagoxía opresora. En cambio a escola de D. Eladio Iglesias é a "Escola libre de Cadavedo": "alí, naquela escoliña pequeniña i escondidiña, aprendín eu tanta xeografía facendo mapas mudos, que xamais me perdín polo mundo adiante; tamén era moi importante o estudo das cousas: se non aprendemos as cousas que imos saber, e pra que val o saber?" (4). Aquel mestre, perseguido polo réxime franquista, tivo que marcharse a Arxentina, pero antes de partir falou co pai de Dino e fíxolle prometer que o enviaría a estudar.
2. Etapa formativa.
Máis tarde marcha ao Seminario de Mondoñedo onde cursa Latín e Humanidades e os tres cursos de Filosofía, o equivalente aos estudos actuais de Bacharelato, aínda que se potenciase máis o Latín -esencial para o clero de entón- e pouco as ciencias. Hai que ter en conta que nestes anos existía un Bacharelato elemental común para todos e un Bacharelato superior (5º e 6º) dividido en ciencias e letras que remataban cunha proba de reválida que, unha vez superada, permitía pasar ao curso Preuniversitario que abría as portas da Universidade e estudos superiores. No caso dos Seminarios, había 5 cursos de Humanidades, 3 de Filosofía e catro de Teoloxía. Os alumnos máis avantaxados pasaban á Universidade: Comillas, Pontificia de Salamanca ou Gregoriana de Roma. Dino pasou á Universidade dos xesuítas en Comillas onde se licenciou en Teoloxía e logo continuou na Gregoriana de Roma. Contaba el que en Comillas fora compañeiro de curso do futuro Duque de Alba, don Jesús Aguirre y Ortiz de Zárate, predicador de gran sona na Igrexa da Compañía en Salamanca e posteriormente casado con Cayetana, Duquesa de Alba. Ambos -Jesús e Dino- rivalizaban por alcanzar o número un. Dino mereceu o número 2 porque o un parecía reservado para o futuro Duque.
Finalmente Dino concluíu os estudos de Teoloxía na Gregoriana de Roma, a onde ía o máis selecto -moi poucos- do clero diocesano. Estudou tamén nas Universidades de Friburgo e Oxford. En 1960 foi ordenado sacerdote na igrexa parroquial de Bretoña e pouco despois tivo como destino o de Profesor e Prefecto (Educador ou Formador) de Filosofía no Seminario de Mondoñedo. Alí permanecerá ata o verán de 1966 en que marcha a EE.UU.
NOTAS:
1. Pacio Lindín, D., Ximil comunal, en Rivas García, M. (Coord.), Dino Pacio Lindín, o guía dunha vangarda cultural, Ed. Lar, Viveiro, 2021, páx. 258-9
2. Rof Carballo, J., La emoción del paisaje en el hombre gallego, Grial, 11, Vigo, 1966, páx.24.
3. Pacio Lindín, D., Pedagoxía do lugar, en Rivas García, M., o.c., páx.265.
4. Pacio Lindín. D., Pedagoxía do lugar, o.c., páx. 267.