
Asistín á presentación da curtametraxe que Rubén Riós realizou sobre a historia da promotora dos Xoves de Comadres de Verín e que o mozo de Riós exhumou para darlle forma audiovisual nun pequeno telefilme no que a problemática do idioma non pasa, nin moito menos, desapercibida.
Aborda, o traballo de Rubén, o ambiente antigalego que se respiraba nun fogar pequeno burgués do Verín dos anos 40 e de cómo a rapariga que quería ser artista-, axudada pola criada da casa, aprendía a cantar nunha lingua que a súa nai odiaba.
Non tiven oportunidade de falar con Rubén sobre estes pormenores, pero estou seguro de que mal pensaba el, cando maquinou o proxecto, que o asunto da lingua ou da convivencia das linguas- ía estar tan fervente cando lle tocara a presentación.
E tan presente está que ata el mesmo tivo que facer exhortación a favor do enfriamento dun conflicto que non ten outro horizonte có precipicio cara o que inexorablemente camiñamos.
Pois ben, aínda sen saber que a curta ía abordar a cuestión, unha vez máis tiven a oportunidade de comprobar ata qué punto un gran número de galegos se enfrontan a esta problemática envolvidos nunha hipocresía que certamente dá noxo.
Velaí a estampa:
Eran tres ou catro mozas cuxas caras me resultaban coñecidas porque adoitan saíren en distintas series da TVG e que se concentraban nun recanto da sala de espera en amena conversación.
Arroupado polo anonimato da moitedume, achegueime a elas para saber en qué lingua estaban falando e, evidentemente, comprobei que se expresaban nun castelán propio de Lavapiés.
Entón fixen abstracción e imaxineinas asinando un posible manifesto dos artistas a prol da lingua que seguramente nalgún intre alguén sacará a colación.
¿Preguntouse algunha vez, querido lector, cántos dos que adoitan saír na televisión reivindicando seren o Cid Campeador do idioma, lle falan galego ós seus fillos? Eu direillo: ¡Nin dios!.