Este ano, por primeira vez, se lle dedica o Día da Ilustracións a un artista vivo e, diría máis, a un home que lle consagrou moitas horas da súa vida a ilustrar as cubertas e o interior dos libros.
Pódese discutir ao redor da opción de mirar para os vivos ou para os que xa non están. A ese respecto eu teño a miña propia opinión, que pode coincidir ou non coincidir con

quen toma as decisións e con quen decide o que facer ao redor dese día. Lembramos que é o 30 de xaneiro porque foi xustamente o día do nacemento de Castelao. Lembramos que aparece esta data recoñecida a raíz da Lei do Libro e da Lectura. Lembramos tamén que as autorías recoñecidas anteriormente foron Álvaro Cebreiro en 2017, Camilo Díaz Baliño en 2018, Federico Ribas en 2019, Cándido Fernández Mazas en 2020, Lolita Díaz Baliño en 2021, Reimundo Patiño en 2022, Mª Antonia Dans no 2023 e Chichi Campos en 2014. Certamente artistas aos que dedicarlles o día fixo que lembraramos a súa obra e a época na que foi realizada, artistas que permanecían no esquecemento porque non eran revisitados. E, tamén é certo que ningún deles ten ilustrado tanto como Vizoso.
Centrándonos nel, o artista ao que se lle dedica o presente ano, non podemos dubidar do seu "poderío visual e da profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega (...) o seu traballo, que se caracteriza por ter un estilo moi ligado á cultura, as tradicións e o rural galego" como afirmaron diferentes fontes. Un estilo que pode lembrar o románico polo hieratismo e frontalismo, pola maneira na que nos presenta en moitas ocasións as situacións que retrata. Sen dúbida ten moito de pegada tradicional, case de cartel de cego, de cómo vemos o mundo que nos antecedeu, ese universo de aldea e natureza que foron a esencia do país. A nosa paisanaxe na feira, nas festas de cada día, a nosa rapazada polos camiños, indo aos niños ou á escola (aquela á que non sabían que tiñan dereito a ir e moito menos obriga). É o noso pasado do que quedan vestixios e pegadas, lembranzas e fíos que nos unen e atan, amosando quen somos e de onde vimos.
Este estilo de Vizoso é o máis coñecido, pero tamén ten aquel outro no que estiliza e busca o que queda despois de despoxar a imaxe do accesorio, a esencia que permanece sen perder o barroquismo que nos define e que puidemos ver en obras como A figueira lingoreteira de Xosé Lois García.
Vizoso pode ser tan fértil como nos demostrou no libro Aquel neno de Neira Vilas, no que acompaña as lembranzas do neno que foi cuns debuxos feitos case polo aire, tamén a modo de recordos. Nesta obra na que as liñas son máis suaves e curvas e menos detalladas as figuras, os debuxos semellan ter máis movemento. Unha sorpresa abrir o libro e atopar para cada pequeno relato cunha imaxe sen que o ilustrador teña escollido aqueles textos que máis puideran atraerlle para acompañalos. Como se quixese demostrar que non era quen de deixar ningún atrás, fíxoos todos e entregou unha peza de colección. Así é Vizoso de farturento. Un traballador incansable sempre con varios proxectos en marcha, incapaz de permanecer inactivo.
Agardamos que este ano, con este motivo, as exposición ao redor da súa obra sexan abundantes e nos axuden a coñecela mellor e a que chegue aos lugares a onde só accederan aos seus carteis (pois eses si teñen acudido aos lugares máis afastados).