Xeralmente, cando calquera ser humano inicia un proxecto, o máis normal é que nin se imaxine que pode chegar a triunfar. Ou si. Porque tamén é certo que, cando iniciamos algo, facémolo coa intención, coa ilusión de ser os mellores... o mellor xogador, o mellor actor, o mellor escritor, o mellor político, o mellor no que cadre.
Tanto nunha opción como na outra tamén se atoparía Elvis Presley tal día coma

hoxe de hai 69 anos. O día 27 de xaneiro de 1956 grava, en Estados Unidos, o seu primeiro disco. Estaría ansioso. Seguro que tería medo. Non se imaxinaría ata onde chegaría, aínda que gravase precisamente coa intención de ser o máis grande.
Non creo que fose o máis grande de toda a historia da música, pero cando o catalogaron como o rei do rock, como un das iconas culturais do século XX por algo sería, por algo será. Naceu en Tupelo (Mississippi), aínda que ós 13 anos a familia mudouse a Memphis (Tennessee). Cando estaba no instituto animárono a participar nun concurso de canto, logo de impresionar á súa mestra durante os rezos matutinos cunha interpretación da canción de estilo country, "Old Shep", do cantante Red Foley. Tivo que subirse a unha cadeira para alcanzar o micrófono (tiña tan só 10 anos) e quedou en quinto lugar. Meses despois recibiu un agasallo polo seu aniversario: a súa primeira guitarra. Os rapaces non tardaron en burlarse del porque seica tocaba música "hillbilly" (denominación que describe ós habitantes das zonas rurais montañosas de Estados Unidos, os Apalaches, como a súa música).
Non foi ata o terceiro ano da educación secundaria cando empezou a sobresaír entre os seus compañeiros, en gran parte pola súa aparencia: patillas, peiteábase con aceite de rosas, vaselina e lubricante, ou sexa, ó estilo topete, que se fixo popular entre os mozos da época. Nunca recibiu clases de música; estudaba e tocaba de oído. Bebeu practicamente de todos os xéneros musicais; desde o country ó blues, desde o gospel á música espiritual afroamericana.
Cando o 27 de xaneiro de 1956 se lanzou a canción "Heartbreak Hotel" foi cando se iniciou a carreira dun cantante inmenso, cos seus éxitos e cos seus problemas que xa todos coñecemos. Sen el, a música, en xeral, e o rock and roll, en particular, non serían o mesmo. Por certo, o rei do rock and roll, pero cunhas baladas inmensas.