Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 28 de enero de 2025
Semente de Verzas

Mirei para a verza. Collina polo cañoto. Tirei. Arrinqueina. Así unha detrás doutra. Un cento. Miles. Ó mellor o que estaba arrincando era a culpa, os pensamentos, os pecados, todo o malo. Porque arrincaba con nervio, con forza, con carraxe. Aquel cañoto que se resistía, collía o fouciño e dáballe. Igualmente con ganas. Seguro que era para descargar a rabia.
Pingas de Orballo Que rabia? Ningunha. Son un punto e seguido no relato dos soños. Todo o anterior parágrafo foi para disimular, para dar a entender que logo da tempestade chega a calma. O que pasa é que o disimulo pagárono as verzas. Pobres verzas! Seguro que agora me compensan cunha boa pota de caldo e eu cun agradecemento eterno. Onde estean as verzas que se quite todo o demais.
Cando cheguei á derradeira verza penseino mellor. Nin a arrinquei nin a cortei. Si que a collín tamén polo cañoto pero para bailar ó seu arredor ó ritmo dun tema musical de Paula Fernandes. Ó mellor era de Carminho. Ou de Mariza. É igual; bailei tanto con ela, coa verza, que ó final non lle quedou outra que espallar, que esparexer a semente. Polo visto, xa rematara coa culpa, cos pecados, coa conciencia negra.
Agora quedaba estrado o terreo con novos soños, con grandes ilusións, con mellores perspectivas e con, seguro, magníficos resultados. Tempo ó tempo. Nun amén haberá máis verzas, máis ansia, máis desexos, máis aspiracións, máis cobiza.

Perdido

Entrei no coche. Acendín o coche. Arrinquei o coche. Marchei co coche. Levo non sei cantos quilómetros e xa ando perdido. Dá igual. A algún lado chegarei. Sempre me perdo e sempre acabo chegando. Oriéntome pola intuición. Outras veces polos propios sinais das estradas, aínda que, estes, ás veces, confunden máis que axudan.
Ando perdido, pero como vou só, pouco me importa. O caso é escoitar a música e loitar cos pensamentos. Por veces mesturo uns con outros; xa non sei cales son as cancións e cales os pensamentos. De cando en vez, baixo a ventá, boto a cabeza fóra e berro.
Berrar desde un coche é bonito, é glorioso, é purificador e é moi liberador. Se alguén me escoita, que máis dá; sen vergonza ningunha, ninguén saberá quen son. Como van saber se ando perdido, ando fóra da miña zona, da miña contorna.
Aínda que cruzo con xente, non pregunto onde estou. Para que? Gústame saber por min mesmo por onde ando. A ver se levo algunha sorpresa; se por un casual cheguei a algún sitio que nin imaxinaba. De cando en cando paro para examinar ben o lugar. Aproveito para facer o que haxa que facer. Se me coincide pararme ante algunha toxeira deixo que os meus ollos brillen ante a flor do toxo. Porque é bonita, é rechamante, e o toxo tamén é o gran símbolo de Galicia, da miña Galicia.
Xa perdín a conta dos quilómetros que levo e dos lugares descoñecidos polos que pasei. Porén, sigo. Coa miña música e cos meus pensamentos. Cos meus berros e, si, tamén cos meus silencios. Nestes, nos silencios, é dicir, cos pensamentos empezo a preocuparme polo regreso. Como ando perdido xa veremos se sei volver.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES