Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (1)

Otero Canto, Xosé - viernes, 24 de enero de 2025
Proemio á segunda parte
O poemario nomeado Debezos de Avelino Díaz, publicado en Buenos Aires no 1947, está dividido en tres partes que corresponden, en primeiro lugar co apartado denominado "¡Terra a Nosa!" que consta de 32 poemas, dos que xa fixemos no ano 2020 comentario e estudo de cadanseu poema en Galiciadixital; en segundo lugar e como apartado seguinte aparece o que o autor titula como Íntimas, que abranguen 21 poemas e, por último, restan 13 poemas máis da terceira parte bautizada Recanto Nativo con referencias á serra de Meira, Meira e aos seus lugares de estancia e nacemento.
Segundo o seu poemario do 1947 abranguerían as seguintes paxinas e poemas:
!Terra a Nosa!............... 65 páxinas .......... 32 poemas.
Íntimas ......................... 23 páxinas .......... 21 poemas.
Recanto nativo ............. 19 páxinas .......... 13 poemas.
Total............................ 107 páxinas.......... 65 poemas.

Como podemos observar o poemario Debezos ten como apartado principal Terra a Nosa con 32 poemas e as dúas partes seguintes: Íntimas e Recanto Nativo con 34 poemas en total; constituirían os dous xuntos a segunda parte deste libro polo número de poemas e en canto ás páxinas, Terra a Nosa estaría con 65 páxinas e as outras dúas partes (Íntimas e Recanto Narrativo) 42 páxinas, o que nos vén indicar a importancia que Avelino lle deu a Terra a Nosa, sendo ademais os poemas cos que se empeza o libro.
Hoxe proseguimos a nosa andaina e principiamos co estudo dos seguintes poemas de Avelino Díaz no apartado que el denomina Íntimas e que segundo nos reza o título sería o encargado de abrollar como fonte a auga dos sentimentos máis puros, fondos e persoais porque segundo a RAG (Real Academia Galega) a palabra "Íntima" trátaa como un adxectivo cuxos significados están totalmente relacionados cos poemas que Avelino crea.
Vexamos os seus significados:
1.- "Que existe no máis profundo e interno dunha persoa". Este sería o significado máis adecuado sen despreciar aos seguintes
2.- "Que ten os seus elementos estreitamente unidos ou relacionados" cos feitos que irán acaecendo no proseguir dos seus poemas.
3.- "Que é mostra dunha grande confianza, unión, comunicación, etc., entre dúas ou máis persoas" e ás veces referido a outros campos como a natureza ou o mundo dos nenos.
4.- "Que está ligado a alguén con fortes lazos de amizade" como ocorre co poema "¡Fogar, doce fogar!" ou "Sabeliña" onde os lazos ademais de todo son amorosos.
5.- "Que pertence a un individuo en particular e que, xeralmente, permanece oculto aos demais", é dicir, que son teimas ou sentimentos propios do autor e ocultos ata que saen a luz dos seus versos.
6.- "Que permite unha relación íntima ou se produce entre xente íntima" como son os seus recordos dunha Galiza que aínda está no seu corazón.
Segundo a RAG tamén pode ser substantivo masculino plural, "íntimos" ao que dá o seguinte contido
7.- "Persoas con quen se ten unha relación íntima", mais no caso de Avelino trata tamén Íntimas como un substantivo feminino plural e referido a aqueles sentimentos que chaman a atención do autor como se fosen cousas intimas ou intimidades, como poden ser os seus desexos, a liberdade, o fogar, a fortuna, a dor, as lembranzas, os bicos, etc., que iremos degraendo como se fosen espigas da súa finca poética e con semente degraída e despois sementada e abrollada en poesías únicas e sinxelas que van caendo no cesto poético das lembranzas do noso Avelino.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES