Todos os círculos da cidadanía
Pinto Antón, J.A. - viernes, 24 de enero de 2025
Cidadanía cidadán, cidadanía cidadá. A herdanza que cadaquén leva no lombo. A riqueza que se vai construíndo nunha tarefa interminable coa axuda dos outros. Que, ao fin, non somos illas senón arquipélago veciño e intercomunicado onde dúas ás, feminina e masculina moven a sociedade.
Cidadanía casa. O círculo máis estreito e achegado. Que senta ao redor da mesma mesa peles e vidas veciñas para comer o mesmo pan. E ti, ¿de quen ves sendo?. Di H. Arendt: "Nunca amei a un pobo ou colectivo. (...) O único amor que coñezo é o amor á persoa". Ás máis próximas e achegadas, a familia entretecida de lazos de quentura e sangue.
Cidadanía barrio, cidadanía pobo. Esa xeografía vital que acompaña polas corredoiras da vida. Tecida de clima e paisaxes, rúas e prazas. Colgada nos faiados da infancia. A veciñanza ou familia máis cercana. Cidadanía que nos identifica. O noso sinal de identidade. Somos de. Vivimos en. O barrio, o pobo, a cidade é o no a nosa segunda pel e o primeiro apelido. A patria chica a primeira patria.
Cadadanía nación. Somos españois, turcos, daneses, malienses, oxalá algún día portuespañois ou españugueses. Últimamente a nación estase a converter en algo antipático, excluínte. Somos contra.
Nacionalismos envelenados de xenofobia, identitarios e excluíntes. Esa cousa terrible de America First que condena ao resto a seren segundos, terceiros, últimos aparcados na roda de hámster de muros e medos. Agora este Putin, nostálxico do peor imperialismo reescribindo a historia para a mocidade nas escolas. Volven os nacionalismos que romperon a Europa do XX. Tamén é certo e bo que moita xente se identifica coa terra, a nación, a patria. Pero non esquecemos as palabras de Machado: "A patria non é a finca herdada dos avós. É algo que se fai a cotío e consérvase só pola cultura e o traballo. Que non é a patria o chan que se pisa senón a terra que se labra".
Do nacionalismo ao patriotismo constitucional que nos vacine contra a distopía daquela Iugoslavia: dun mundo multiétnico vertebrado a microcosmos nacionalista de uniformidade cultural. E ao fin, feudos monoculturais, monolingües, monorrelixiosos que se odian. Por xeracións.
Cidadanía mundo. Aldea global con fronteiras permeables e valados que tentan inútilmente illar. Recorda R. Ewald, astronauta: "Desde o espazo só se ve unha soa Terra. Non hai fronteiras nin relixións". O que se ve nas rúas e prazas mostra que o futuro é mestizaxe.
Como a pedra na auga a cidadanía vai abrindo espazos humanos cada vez máis amplos. Desde cidadá e cidadán ata o mundo. Nun planeta onde sobrevive unha soa especie humana. Homo sapiens, mulleres e homes sabios. Que copan, ocupan, constrúen e protagonizan todos os círculos da cidadanía.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora