Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - lunes, 27 de enero de 2025
O turismo e a turismofobia

Xa comentei que a Balbino, o meu amigo da infancia, gústalle viaxar. E agora que xa ten uns anos é moito máis doado atopalo en calquera cidade de Europa que na súa propia casa, na que para o tempo xusto para preparar unha nova viaxe e facer as maletas. E por iso mesmo, por esta afección a recorrer o mundo, o home non termina de comprender esa actitude que adopta algunha xente rexeitando o turismo como se se tratase dunha praga contra a que temos que loitar.
Hai algúns anos víronse por certas rúas de Santiago carteis que advertían dos danos que trae consigo o turismo. Mesmo hai quen clamaba que os turistas estaban a destruír Compostela. Tamén puideron verse pegatinas nas que dicíanlles aos visitantes: 'Tourists go home', que é un xeito bastante pouco afortunado de pedir a esa xente que liscase de aquí. O curioso é que os que se manifestan deste modo non se privan logo de viaxar, todo o contrario. Balbino ten atopado a moitos deles en bastantes cidades e pobos do estranxeiro, seguramente porque pensan, e con razón, que eles non amolan á veciñanza deses lugares, eles non comen, non fan ruído, non mexan... en fin, que están feitos doutra pasta.
Pero o certo é que esta actitude ante unha actividade económica que é fundamental para o noso país, e da que gozamos moitos de nós, vén de lonxe. Hai xa moito tempo que Balbino acudiu a un congreso de cidades históricas no que coñeceu a un sabio profesor da universidade de Córdoba que afirmaba, todo campanudo, que "o patrimonio non se fixo para ser visitado" e que "están a converter ás cidades históricas en parques temáticos", fraseciña ben pouco orixinal que todo o mundo no congreso repetiu como papagaios. Pero nestas apareceu o meu amigo e comezou a súa intervención dicindo:
“Estase a afirmar aquí que o patrimonio non se fixo para ser visitado. Pois ben, eu veño dunha cidade que recibe peregrinos dende o seu nacemento e que construiu a que era no seu tempo unha das meirandes igrexas da Cristiandade para recibilos, porque se só estivesen a pensar na poboación que tiña Compostela no século XI seguramente chegaría con erguer unha capela. E esto mesmo pode dicirse da praza de San Pedro en Roma, do museo do Prado en Madrid ou da Torre Eiffel en París."
Non é preciso engadir que o sabio profesor de Córdoba cortou de inmediato a intervención de Balbino e non lle deixou falar de novo. Xa se sabe que hai algúns que non soportan que se lles leve a contraria. Pero, gústelle ou non ao fulano de Córdoba e aos que andan por aí berrando 'tourists go home', o certo é que Santiago naceu en torno a unha tumba que atraeu visitantes dende o século IX, que levantou unha fermosísima e gran catedral co fin de recibilos a todos e que mostra nas súas rúas -a praza de Praterías, a rúa Acibechería ou a rúa Concheiros- que boa parte da súa actividade económica xirou en torno a este turismo relixioso. Por iso me temo que aqueles que din que os turistas están a destruír a esencia da cidade non terminan de comprender que a esencia de Santiago está en que é unha cidade nacida para recibir xente de fóra, xa sexan peregrinos ou estudantes da súa universidade. E cando os forasteiros faltan, a cidade está morta. Eu mesmo puiden comprobalo os primeiros días que permitironnos saír de casa tralo confinamento da COVID-19. As rúas do casco vello compostelán estaban naqueles días sen vida, tristes, con todos os locais pechados. De verdade é iso o que queremos que volva? Por outra banda, os que ten esta actitude tan crítica esquecen que a masificación que vemos ás veces nos lugares turísticos é consecuencia da democratización desta actividade, que antes estaba ao alcance dos máis podentes e que agora, grazas á existencia de voos de baixo custo e de aloxamentos económicos, pode ser gozada pola maioría da poboación.
Esto non quere dicir que non existan cousas que están mal e que hai que correxir. Está ben que se regulen as vivendas de uso turístico e que declaren os seus beneficios como o resto das actividades. É preciso evitar que estes negocios poidan molestar aos residentes habituais e que non causen o aumento dos alugueres ou a escaseza de vivendas para a veciñanza. Inda que aquí quero engadir que non creo que os establecementos turísticos teñan a culpa da actual crise da vivenda senón as administracións públicas, que non promoven a construción de suficientes pisos, e a insaciable Facenda do Estado, que non perdoa o dez por cento de IVE nin para a compra da vivenda habitual. Pero iso é outro cantar.
Tamén está ben que se evite que os negocios de hostalería ou de venda de recordos enchen as rúas e que desaparezan as tendas de toda a vida, as que dan servizo á poboación. E tampouco está mal que se evite, na medida do posible, a concentración de xente en certos puntos das cidades. Como se consegue esto? Aproveitando a riqueza das nosasvilas, dando a coñecer todos os seus atractivos ou proxectando rutas que leven aos turistas a lugares dos que non oíron falar pero que ben merecen unha visita. Ou dúas. É comprensible que a xente se amoree na contorna da Torre de Hércules na Coruña, pero é unha pena que os turistas non visiten a extraordinaria rede de museos da cidade. É lóxico que os que vén de fóra percorran a muralla de Lugo ou a catedral, pero deberían reservar algún tempo para visitar Santa Eulalia de Bóveda ou a Domus Oceani. E non ten nada de estraño que os visitantes ateiguen a catedral de Santiago e as rúas que chegan ata ela, pero por qué esa xente non sube á Cidade da Cultura? Precisamente estes días os responsables dese complexo andan moi ledos porque o ano 2024 pasaron polo Museo Centro Gaiás duascentascorentamil persoas, sesenta mil delas para ver a exposición "Unha vida viquinga". No mesmo período de tempo o museo Guggenheim de Bilbao recibiu un millón trescentas mil persoas. E iso que está en Bilbao, unha cidade que practicamente ningún extranxeiro visitaba antes da construción dese centro. Pero, en fin, abofé que hai quen se conforma con ben pouca cousa.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES