Eu descubrín a Abel Tomé a partir dos libros infantís (Liliam Strawberry e o paxaro da mortee o que resultou premio Merlín: Milú e o edificio das persoas extraordinarias). Isto é así ata o punto de que cando me tocou saudalo persoalmente e lle dixen que tiña lido os seus libros, tiven que aclarar que me refería á obra para rapazada pois non o coñecía como autor de literatura para maiores. Esa chegou a min máis tarde e resultoume interesante que os tres libros publicados teñan uns títulos moi coincidentes: A noite do corvo, A noite do lobo e A noite do oso.

Igual que sucedeu co premio Merlín, o primeiro deles (A noite do corvo) resultou finalista do premio Illa Nova de Galaxia, o segundo acadou o premio ao ano seguinte e o terceiro obtivo o premio García Barros en 2024.
Comezo lendo a última obra; 'A noite do oso' e atopo un libro distinto no noso panorama. Unha novela orixinal, construída tal como explica o autor que é o seu gusto: frases curtas, sinxelas e intuitivas (di). Semella doado, verdade? Pero non vos deixedes enganar, non é así porque a novela ten varios niveis, nela mestúranse diferentes campos polo que temos que movernos con coidado.
A narradora da historia é a protagonista; o ano 1984 (unha homenaxe a Orwell) e o espazo un emprazamento no norte norte, lonxe da capital, máis alá da meseta, nun lugar de acantilados. A toponimia creada ao caso (Caim dentro de Galataz...), os versos de SylviaPlath dándolle título aos capítulos e a súa presenza constante como interlocutora á que Alexandra se dirixe -unha e outra vez- para enfrontar a agresividade contra si mesma ou contra os demais. Toda a rabia dentro da botella con mecha que o mozo de Bansky podía levar na man en vez do ramo de flores.
O comezo enfróntanos a unha situación violenta na que a narradora saca toda a súa artillería fronte ao mundo masculino porque ata son donos do dicionario, di. Hai un misterio que se irá desvelando pouco a pouco para que podamos entender ese personaxe que se mostra con tan pouca empatía. A volta á casa familiar non é un regreso ao noso concepto de aldea, porque ese ano da antiutopía móvese nas areas movedizas dunha orixe mitolóxica que permanece ata a actualidade e nos introduce nun imaxinario entrecruzado no que os rituais de fronteira nos sitúan ante o corvo, o lobo e o oso.
A narración está chea da poesía profunda que che fai pensar como pode verse nestas dúas frases (case collidas ao chou) separadas por un punto e aparte: A casa familiar é un lugar onde refuxiarse. A casa familiar é un cárcere ou neste outro fragmento Así é Galataz. Tamén hai un silencio que estremece. Unha ausencia dura de asumir. Non sei quen carallo se foi,pero debeu de marcar porque dende aquela nada volveu ser o mesmo, se pensamos que Galataz é Galicia, como confirmamos seguindo as descricións, xa me diredes se non fai pensar...
A novela pódese situar en dous grandes ámbitos de violencia, dentro das relacionadas coa memoria histórica porque asistimos á represión da familia do alcalde republicano pero tamén de violencia de xénero, da resolución violenta dos conflitos como se non se puidese confiar na lei e na xustiza, como se cada un tivese que amañar os seus asuntos salvándose a si mesmo ou vingando aos seus.
No tempo que Alexandra permanece na aldea irá desvelando historias que van máis alá do xornalismo ou do estrato familiar, entrará no mito, na memoria, nas casas habitadas por case pantasmas nas que uns personaxes de realismo máxico se deixan ver entre aqueles outros que simplemente viven facendo o que sempre fixeron para manter a casa en pé, para que a vida continúe... A un paso do impenetrable acantilado que o traga todo, está o cotiá: os surfistashippies na Area Branca (ou era Area Longa?) avisando cando chegan os cadáveres, a avoa debullando as espigas de millo, dándolle de comer ao gato, a naizurcindo os calcetíns... mantendo o tempo ocupado.
A orixe da aldea nun asentamento de xente peixe que vive no acantilado, gobernados por unha femia, un pobo que vai evolucionando na loita contra forzas irreais e crea a asentamento no interior sen perder de vista o mar.
A xente depende do día, porque teñen momentos de lucidez e outros nos que amañecen sen cordura, a vella que segue a coidar do neto corentón que só sabe recitar documentación nada acaída, porque ese neno vello foi criado en catividade para defendelo do medio, sen unha nai que levou a guerra. Depende de como o atopes, de como a atopes, contestará as túas preguntas ou estará ausente ou mostrarase agresiva. A xente nese lugar é así... Aquí é todo herdado, todo pertenceu a outros, é o seu froito que vai pasando de man en man, de persoa en persoa, de tempo en tempo.
A lectura móstranos que a cor dos dentes e o olfacto poden ser un pistas que acheguen información. Igual é que algo cheira a podre en Dinamarca.