Unha chairega en Miranda
Barral Rodríguez, Ana María - viernes, 24 de enero de 2025
Non é casual a néboa da A8, é o camiño de Quita e Pon que nos deixa atrapados no real fantástico mundo de Miranda para logo recollerse no seu canuto de ferro. Así foi como aparecín a pasada fin de semana escoitando o silencio na pedra das rúas e das casas de Mondoñedo. Ollei o verdor da selva de Esmelle dende a Praza do Concello a carón de don Álvaro; mesmo acheguei a miña orella á súa por se puidese escoitar algunha historia de Felipe de Amancia, tal como María de Don escoitaba o mar na orella de Antón de Leivas. Na taberna Galiana quixo o mestre que puidese xantar na que fora a horta da súa casa. Como son persoa de fácil emoción, invadiume a alegría. Quen sabe se ía sentar no mesmísimo punto onde foi imaxinado o faladoiro de Mansur ou o raposo que lle falou a Barcas! Nada que ver tivo a tal horta co que eu imaxinaba. Cadrou que a inauguraban como novo espazo para xantares e había dj. Así que non atopei alí o Beato Alexis, o bebedor (se cadra porque non era sábado, ou porque non lle tocaba baixar do outro mundo para probar o viño). Malia todo, a situación non deixaba de ser ben cunqueiriana: unha visitante algo lunática, con ascendencia taberneira, na taberna Galiana, na horta de Cunqueiro, nunha sorte de Hard Rock café á galega, cun dj que fixo soar a todo trapo dende Camela a Ana Kiro, pasando por Dire Straits e My Sharona. Comer, comemos ben.
Xa pola tarde, mergulleime nos mares de palabras sabias que alagaron o Pazo de Santomé, os mares arábigos do Simbad, que piden conversación. Divinas palabras, a maxia das maxias. A maxia de Cunqueiro. A maxia do vello Simbad: Nunha carta que lle escribín a un piloto de Moara contándolle como cheguei ás neves mariñas levado pola balea, puxen "lume" como acostumo, e facía tanto frío naquela miña ousada navegación, e tan ben llo contaba eu, que o meu amigo, lendo o párrafo, arrimaba as súas mans á escrita "lume", por quentalas.

Barral Rodríguez, Ana María
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora