A pesar do frío
Pola sombra tremen os paxariños. Polo sol tremelican os gatiños. Vai frío por todos os lados. Non se conxelan as ideas porque estas sempre ferven. As boas e as malas. Hai ideas para dar e tomar, e para espallar mesmo por entre as toxeiras da nostalxia.
Hai ideas que bailan sobre un xergón de palla e acompañando a unha xunta de vacas. Hai ideas para berrar e quedar en silencio, para oulear e queixarse, para asubiar e cantar. Mesmo hai ideas para sentilas e deixalas pasar. Hai ideas que se desenvolven, con parsimonia ou ás présas, estomballados nun sofá.

Hai ideas culturais, deportivas, sociais, económicas, políticas, nacionalistas, fascistas, filosóficas, arquitectónicas, románticas, preñadas de desexo, cinematográficas e ideas a darlle cun sacho. Hai ideas que te alegran e que te funden, que te fan chorar e estourar en gargalladas. Hai ideas tormentosas, calmas, rústicas, urbanas, olímpicas, universais, de camisón branco, rosas, negras, escuras e da Galicia profunda.
Hai ideas que asoman diante dun café e detrás dun amieiro. Hai ideas nun libro co que agasallas a alguén ou nunha canella pequena pero que non ten fin na morriña, ou nun tema musical de Morricone, ou nunha canción do rei do rock. Hai ideas esperpénticas e refinadas, barrocas e góticas, cheas de tronos e alustros.
Hai ideas que, a pesar do frío, furgan por entre as entrañas dos recordos e asoman, con lentitude ou rapidamente, á realidade do presente, da actualidade. A pesar do frío, hai ideas que buscan a ocasión, o momento, o instante para caer sobre un papel en branco e deixar constancia de que, a pesar do frío, seguen aí, están aí, seguirán aí.
Ás cinco da madrugada
Indiferenza no andar. Paso a paso camiñei. Para non quedar quieto. Os espíritos malignos non me deixan descansar. Os benignos quedaron enterrados baixo lápidas do cemiterio parroquial. Mateinos contra un paredón ás cinco da madrugada cunha xeada branca e radiante como unha noiva. Ás cinco da madrugada pensei en ser malo, en ser un espírito maligno e niso estou, niso ando.
Quero acariñar o ruído con pingas de orballo para, nun amén, insultar ó silencio por ser tan tenro. Hai silencios ós que se lles poden achegar moitos adxectivos sentimentais, salientando, iso si, que tamén hai adxectivos de carraxe, de xenreira. Quero simular unha labazada baixo a candidez dun bico porque, a maldade, ás veces, vístese de tenrura con catro versos escritos sobre un corpo nu.
Os espíritos malignos que asomaron ás cinco da madrugada andan xa ó seu albedrío por entre os outeiros da señardade e as devesas da conmiseración. Agora toca esperar a que a conciencia colla os camiños trillados. Camiñante, non hai camiño, faise camiño ó andar; dicía aquel. Eu digo que camiño desde as cinco da madrugada co espírito maligno sobre o meu lombo e deixando que cheguen as cinco da tarde do día seguinte para cantar unha misa de réquiem polos benignos que xa enterrei.
Mentres, deixarei que as cores do arco da vella me amosen a curva da señardade, onde a verde da esperanza se mesturará coa amarela dos pensamentos e onde a azul da seguridade se xunguirá coa gris da neutralidade. Os espíritos malignos abranguen xa todo o meu tempo.