A publicación do monográfico sobre "O barallete" realizado pola moza investigadora Laura Fentanes no número correspondente a 2024 de "Unión Libre. Cadernos de vida e culturas" pon de manifesto o perdurable do interese pola dita fala gremial, mesmo entre a mocidade actual, máis aló do progresivo desuso daquela. Neste caso, tal interese foi suscitado pola tradución ao "barallete" do meu poema "A cabeleira (Fragmentos)" por parte do polímata José Manuel Bouzas, quen ma ofreceu como "algo ourensanísimo". En efecto, precisamente a citada Laura Paz Fentanes presentou en 2023 o recital multilingüe de tal composición, no que se estreou publicamente a versión en "barallete" na cidade de Ourense. E despois leuna ela mesma nos sucesivos recitais realizados en Lugo, Vigo e Pontevedra no dito ano e no seguinte, como pode verse e escoitarse en vídeo na web de "Unión Libre": https://www.acabeleira.com/a_cabeleira_multilinge.html

As xergas ou xirias, en canto que variedades lingüísticas especializadas dun grupo social que as usa de maneira endóxena e moitas veces esotérica, aínda que algunhas outras tamén lúdicas, adoitan ser conglomerados mestizos das linguas dominantes ou dalgún xeito influentes nos seus contextos. Tradicionalmente, polo seu carácter eminentemente popular, estas modalidades gremiais apenas teñen cultivo literario específico, pero poden rexistrarse incrustadas en escritos das máis variadas épocas e culturas.
Neste sentido, tiveron especial fortuna escrita as xirias de grupos sociais marxinais asociados á delincuencia, como a "jerga", "jerigonza" ou "germanía" na literatura castelá; o "jargon" ou "argot" na francesa; o "furbesco" ou "gergo" na italiana; o "cant" ou "slang" na inglesa e o "rotwelsch" ou "gaunersprache" na alemá. E o mesmo podería dicirse da "langue verte" belga, da "cobertanza" sarda, do "pachuco" costarricense e mexicano, do "lunfardo" arxentino e uruguaio ou do "coa" chileno. A novela picaresca europea, a obra de Cervantes, "Les Misérables" de Victor Hugo ou "Pygmalion" de George Bernard Shaw son algúns dos monumentos literarios que as rexistran.
Convén advertir, a este respecto, que algunhas das palabras que designan variedades relacionadas coa delincuencia incrementaron co tempo o número das súas acepcións, como é o caso da "jerga" no ámbito hispánico ou do "argot" en case todo o mundo occidental, que pasaron a identificarse con toda clase de xerga ou xiria, sexa da "hampa" ou de calquera outro sector ou situación social. Tamén o "caló" dos xitanos ibéricos pasou a denominar algunha xerga gremial, pois non en van algúns dos termos das xirias ibéricas son de orixe romaní ou pertencen ao "caló" cigano.
Aínda que con menor incorporación á literatura que a maioría das citadas, existen variedades lingüísticas gremiais da Península Ibérica que tiveron certa atención filolóxica, como a "pantoja" dos canteiros do val de Trasmiera (Cantabria), a xerga dos "erguinas" dos canteiros do val de Valdebezana (Burgos), a "gacería" ou "briquería" dos fabricantes e vendedores de apeiros agrícolas de Cantalejo (Segovia), a "migaña" dos tratantes de gando, arrieiros e tosquiadores de Milmarcos e Fuentelsa (Guadalaxara) ou a xerga ou caló dos arrieiros de Quintanar de la Orden (Toledo).
Máis próximas a Galicia e de base astur-leonesa, pero con palabras procedentes do éuscaro, naceron o "mascuencie mansolea" dos zapateiros de Pimiangu (Ribedeva); a "xíriga" de "tamargos" (telleiros) de Llanes e "erguinos" (canteiros) de Ribeseya; o "cascón" ou "varbéu" dos "goxeros" ou "maconeros" (cesteiros) de Peñamellera; o "bron" dos "xagós" (caldeireiros) de Miranda (Avilés), este conectado coa xerga dos caldeireiros do val de Fornela (León) e co "broun" dos reputados caldeireiros de Auvernia que trouxo o Camiño de Santiago; a "tixileira" dos cunqueiros, fabricantes e vendedores de cuncas e outros utensilios de madeira de Ibias e Degaña, dabondo identificable co "macuneiro" dos cesteiros do Rebollar (Degaña), e o "burón" dos albardeiros e vendedores de tecidos de Peranzais (León), os dous últimos con moi notoria influencia galega. Lembro que meu pai utilizaba coloquialmente a expresión

"suai, suai" para pedir calma ou tranquilidade, rexistrada no chamado "ergue", variedade específica da "xíriga" dos canteiros de Ribeseya. Probablemente derive dunha adaptación da fórmula árabe para dicir pouco a pouco en Marrocos (senón da española suave, suave), pero non só se ten documentado en ámbitos castelanfalantes, senón tamén euscaldúns.
E tamén hai confluencias das xergas de Galicia coas do veciño Portugal, como estudou Jorge Rodrigues Gomes no seu documentado tratado tipolóxico e comparativo "Falas secretas. Estudo das girias gremiais galego-portuguesas e ibéricas", onde dá conta de numerosos "criptolectos gremiais portugueses": "verbos dos arguinas" de pedreiros de Oliveira do Hospital, "latín dos canhoteiros" de pedreiros de Viana do Castelo, "galramento" de albaneis de Viseu, "lainte" de vendedores de tecidos de Leiria, minderica ou piaçao de Ninhou de cardadores e vendedores de la de Minde, "quadrazenha" de contrabandistas da raiana Quadrazais e mais outra xiria de contrabandistas de Aveiro etc. Á parte dos mencionados falares gremiais do Norte de Portugal, eu tiven tamén noticia de xirias utilizadas por oleiros de Barcelos e por "marujos" do litoral lusitano, así como, polo devandito José Manuel Bouzas, dunha xerga de cordeleiros que puido existir en Galicia e Portugal.
En Galicia, estas variedades crípticas adoitan denominarse "fala", "verbo" ou "latín" dos usuarios dos que se trate. Ademais, unha das máis coñecidas, de base galega e tamén con préstamos éuscaros e calós, o "barallete" dos traballadores ambulantes de certas terras ourensás, estendeu o seu significado, polo menos en galego, ata designar calquera lingua incomprensible para a maioría social, segundo recoñece o propio "Dicionario da Real Academia Galega".
Mais nas provincias do sur de Galicia rexístranse outras xergas á parte do mencionado "barallete" dos afiadores, paraugueiros e outros oficios ambulantes de Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín, A Peroxa, Paderne, Esgos, Maceda, Caldelas, Trives e a propia capital de provincia de Ourense á que pertencen os concellos citados. Entre elas sobresae o verbo ou verba dos "arguinas" ou, pronunciado con gheada, "arghinas" (tradicionalmente escrito "arginas"). Trátase do dabondo estudado e recompilado "latín dos canteiros" de Terra de Montes, Taveirós, Cotobade, Moraña, Soutomaior, Cuntis e Caldas de Reis e incluso Cabana de Bergantiños e Cela da Terra Cha. Celso Emilio Ferreiro incrustou algunhas verbas del na composición "Gabanzas dos canteiros" do poemario "Longa noite de pedra" (o que, por certo, eu mesmo analicei no artigo "A dignificación literaria da xiria na poesía de Celso Emilio Ferreiro", recollido no meu libro "Acometida atlántica").
Outras xergas galegas son o verbo dos "cabaqueiros" (telleiros) ou "daordes" (compañeiros) dos fabricantes e vendedores de tellas de Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia (chamóuselle "jalleira" por confusión coa súa denominación de Galicia como Galleira ou Ghalleira con gheada); o verbo ou latín dos "chafoutas" (albaneis) de traballadores da construción de Gondomar e Tomiño; o lapizarro ou verbo dos "bogardeiros" (cesteiros) dos artesáns da cestería de Mondariz; a "lafrada" dos albaneis de Bueu; o "barallete dos grañudos" dos vendedores ambulantes da Graña (Covelo); o verbo dos "xingreiros" (músicos) ou "barallete dos xingros" de cultivadores da música da comarca de Celanova e do Ribeiro, ou a "garisma", "barallete dos cegos" ou latín de certos invidentes galegos asociados á picaresca e á música. Na Galicia exterior, rexístrase o "burón" dos comerciantes do val de Fornela (O Bierzo).
Moitos foron os investigadores, con algún dos cales teño departido persoalmente sobre o tema, que deron noticia e reuniron léxico das xergas de Galicia, sempre pertencentes a gremios laborais ou comerciais formados por homes. Por tanto, resulta ser unha novidade normalizadora que a aqueles analistas e compiladores se sume agora, acaso por primeira vez, unha muller, a escritora carballiñesa Laura Fentanes. E máis que isto aconteza nun número de "Unión Libre" ilustrado con debuxos de rodas de afiar por outra muller, a artista luguesa Sara Lamas, cuxo pai, natural de Nogueira de Ramuín, falaba "barallete". Todo este material lingüístico, artístico e literario, disposto por Cristina Fiaño no número 29 dos cadernos que coordinamos Carmen Blanco e mais eu, está libremente accesible en rede: https://www.unionlibre.org/artigos/artigosbarallete.htm
Por suposto, no devandito monográfico faise xustiza ao pioneiro e entrañable polígrafo ourensán Xosé Ramón e Fernández-Oxea, máis coñecido polo seu pseudónimo de Ben-Cho-Shey, de quen se exhuman manuscritos en torno a diferentes xergas e se reproduce o seu fundamental estudo e o seu abondoso vocabulario sobre o "barallete", procedentes da súa benemérita enciclopedia etnográfica "Santa Marta de Moreiras. Monografía dunha parroquia ourensán (1925-1935)", equivalente individual á colectánea "Terra de Melide" que elaborara o Seminario de Estudos Galegos e que publicara a Editorial Nós en 1933. Estes traballos aparecen así mesmo complementados con oportunas contribucións dende o ámbito da música recollidas por Laura Fentanes a Loren Tabarés e a Ramón Rodríguez Conde, quen tiña elaborado todo un dicionario deste "barallete" dos músicos que el prefire denominar "verba dos xingros".
Laura Fentanes inclúe tamén na súa reportaxe o meu poema "A cabeleira" traducido ao "barallete" polo citado amigo Pepe Bouzas, quen tivo a iniciativa de agasallarme con tan imprevista versión coa dedicatoria, en "barallete", "Para o mutilo do raleireiro" (Para o fillo do muiñeiro), sabedor de que son neto e fillo de muiñeiro e autor do libro, alusivo a esta xenealoxía, "O muiñeiro misterioso".
O propio tradutor explicoume por correo electrónico en 2023 o complicado proceso de translación do galego ao "barallete", dada a xeneralizada ausencia de abstracción nesta e na maioría das xergas: "A base do poema, obviamente, non podería ser outra que o galego, pero, ao ser unha lingua gremial, algúns termos non existen: puntos cardinais, abismo, raíz, fluír, soamente etc. A cuestión está en buscar frases completas. Aí a combinatoria e o enxeño son esenciais". Así, por exemplo, malia que existen termos para algunhas cores, como "gaurro" (negro) ou "albeiro" (branco), non existe o verde, polo que tivo que procurar unha aproximación, como tamén para telúrico ou para naufraxio.
Para os termos abstractos de carácter colectivo recorreu ás súas concrecións máis aproximativas no contexto galaico, tal como me explicou: "Respecto aos termos país, mundo, patria, estado, traducinos, respectivamente, país por xemba: xente; mundo por Castela: a ancha; patria por Galicia: galleira; e estado por xerma: xente (a outra acepción). Non existe o termo rabaño, así que utilicei moitos, abundantes: "largaños". Igual para melereira no título e no último verso. Pelo é meleo, por tanto, cabeleira: melereira".
Mais Bouzas valeuse tamén de afortunados axustes fonoestilísticos por tratarse dun texto poético: "En canto ao primeiro verso, quitei o eu: menda e engadín unha coma. En barallete sóame mellor sen el: Esgueilei nunha xemba verdoca, acabanta chaira que vaqueteou enguellante tras largaños de lirias (Eu nacín nun país verde fisterra que vagou errante tras manadas de vacas). Lúa é a da gaurra, así que para evitar a aliteración cacofónica: melereira da a da gaurra suprimín o primeiro da e o a. E no penúltimo verso non se pode eliminar a aliteración, senón di da noite, en vez de da lúa, así que traducín Pero intervanei o norte no meio do bornaxio fluindo asuante da melereira da gaurra (Pero eu recuperei o norte fluíndo sensualmente da cabeleira da lúa)".
Trátase, pois, dunha versión lúcida e creativa que para min resultou tan fascinante como emocionante. Fascinante, pola mestizaxe de linguas que convoca, pola sonoridade que esta provoca e por conter verbas poeticamente tan evocadoras como "lirias" co significado de vacas ou "lirios" co significado de bois. E emocionante, pola honra de ser traducido a unha xerga de creativos traballadores itinerantes galegos que rodaron moito polo mundo e dos que sempre me sentín solidario. Ademais, esta esforzada versión non está exenta de diversión, en consonancia coa actitude de moitos dos falantes de "barallete", especialmente da "verba do xingros", como lembra o mesmo Bouzas: "Asistín a algunhas conversas de xingreiros (músicos) e eles mesmos pártense de risa".
Agora ben, o "barallete" dos afiadores da Terra da Chispa, como por eles se coñece a Ourense, non é un caso único neste gremio en Europa. Por exemplo, no val Rendena do Norte de Italia, os afiadores e caldeireiros usaron e aínda usan a xerga chamada "taròn" ou "gàim", cuxa base é a lingua de transición entre o lombardo e o véneto que se fala nesa zona trentina, pero contendo influencias do ladino dolomita e, sobre todo, do alemán, que no seu contexto lingüístico a dota da dimensión críptica similar á que habitualmente aportan o éuscaro e o caló ás xergas do Norte de España.
Non casualmente, a familiar figura do afiador traballando coa súa roda de afiar aparece nun monumento en bronce na localidade rendenesa de Pinzolo, esculpido polo frade franciscano Silvio Bottes, e equivalente ao realizado polo escultor Buciños que se encontra na localidade ourensá de Luintra, capital de Nogueira de Ramuín, co seu característico chifre para avisar da súa chegada á veciñanza. Outro escultor de afiadores, Florencio de Arboiro, creou un museo da roda de afiar reunindo máis de duascentas cincuenta pezas procedentes de España, Italia ou Francia na súa Casa da Roda de San Xoán de Río (Terra de Trives), boa parte da cal vin e fotografei con María Lopo nunha exposición temporal no mosteiro de Ribas de Sil.
E igual que o son de tal chifre foi recollido polo etnólogo e musicólogo Alan Lomax e acabou inspirando ao músico de jazz Miles Davis, o "barallete" foi recollido por toda clase de investigadores e acabou inspirando a creadores como o propio Ben-Cho-Shey na "Muiñeira do afiador" do seu poemario "Berzas" ou a recreadores como o mesmo José Manuel Bouzas na súa versión de "A melereira (Caleiros)", que non en van remata cun verso que aquí me gustaría dedicar a todos os amantes das xergas: "E a largaña melereira é o pildro no que arromano a quen caranto" (E a inmensa cabeleira é labirinto no que só falo a quen eu amo).