De pesca
Hai dous días case afoguei. Aproveitando que a tarde se puxera boa, dixérame que era o momento de saír a pescar. Eu, que nunca pescara. Algunha vez tiña que ser a primeira. Coma todo.
Marchara á palleira na procura dos aparellos. De cana de pescar valía perfectamente a vara aguillada coa que tanguía as vacas. A sedela si que fixo días que a comprara e o anzol era máis ben para tiburóns ou peixes espada; a proba é que del tiña colgados dous touciños de porco a secar.

Tan axiña como chegara á beira da presa da Porfía, alá por Baños de Molgas, sentara nunha pedra para preparar o cebo, a carnada. Aí perdera moito tempo porque, para cebar ese anzol a base de piollos, tivera que catar ou espiollar media cabeza. Ó final conseguírao: quedara medio limpo e quedara medio cuberto o anzol.
Realizada a preparación, non perdera xa máis tempo. Impulsara a cana, é dicir, a aguillada e esperara a ver se picaba algunha troita ou, polo menos, algún peixe; para non chegar coas mans baleiras e coa cara chea de vergonza á casa. Para non aburrirme metera tal aguillada entre dous dedos (se o peixe ou troita picaba, aquela moveríase e notaría tal movemento), abrira o libro e lera unhas páxinas.
Como non acadara aínda ningún resultado, axiña lle acompañara ó cebo unha flor de toxo, por aquilo da súa cor rechamante, e a seguir esperando. Nada. Lembrara que alguén me dixera unha vez que había que meter a cabeza na auga para saber se habería realmente peixes. Fíxeno e, ó non ver ningún, estivera espera que te espera coa cabeza metida no río Arnoia, ata que caera na conta de que me estaba afogando. Sacara a cabeza coma un lóstrego. Que apurada!
O Rápido de Bouzas
Collín o metro de medir, non o de transporte, e optei por medir a distancia que vai de Baños de Molgas a Moscú, por exemplo. É pouca. Para o Rápido de Bouzas é pouca. Eu son o Rápido de Bouzas. Hai tempo xa que alguén me chama o Rápido de Bouzas porque seica me ve andar moito e, case sempre, ás présas. Sinceramente, ás veces son como unha chispa ou raio ou alustro.

Tamén é certo que, cando quero, só cando quero, son como unha estatua ou momia ou moble non movéndome. Poucas veces, certo. Se ando ás présas e moito é porque incluso nisto non me gusta perder o tempo e vou de aquí para alá cun ritmo subido do normal.
Un día pregunteille a esa persoa que por que lle saíu ese nome; que o de rápido entendérao, pero o de Bouzas non. E iso que a un quilómetros (metro arriba, metro abaixo) de Baños de Molgas está a aldea de Bouzas, pero coa que non teño practicamente ningunha relación e moito menos esa persoa que me chama desa maneira. Antigamente si tiña relación con esa aldea, que ía tornar a auga ós lameiros do Rigueiral e da Barxeliña. "Unha expresión". Foi o único que comentou.
Quixen saber algo máis e busqueina no que, hoxe, todo o sabe: a wikipedia. Tan só me aparecía o equipo de fútbol do barrio de Bouzas, en Vigo. Porén, e non sei por que (ó mellor porque xa o lera en algún outro lado), a min tamén se me vén algo dalgún tren rápido. É igual. Admito que tal expresión ou tal nome vaime ben, si.
Son tan rápido que, aínda sen estirar toda a cinta do metro, xa estaba no medio e medio da Praza Vermella de Moscú. O de Rápido de Bouzas xa se queda pequeno.