Crónica dunha guerra (8)
Ávila Soto, Federico - martes, 21 de enero de 2025
09-04-1999
Día 17 do comezo do esperpento do ridículo mundial. Esta é unha obra que eu non teño a capacidade literaria para podela escribir e plasmar. Día a día vaise escribindo ela soa, e hoxe alcanzou un dos puntos culminantes da parodia; os actores compren á perfección seus papeis. Apoteósico: pola mañá a esposa estaba a ver no tele-diario, e ían pasar unha información sobre Rusia, cortaron esta información e seguiron con outras dicindo, que logo a darían. Terminou o tele-diario e non a deron. Estivo logo atenta ao programa "Medag" (mediodía) e tampouco. Eu fun para a casa da filla a seguir empapelando pois, faltábame un anaco por terminar, á media hora chaman por o teléfono, era a esposa que me di: ¿sabes o que era a información sobre Rusia?, pois o Yeltzin dixo pola televisión, que se a OTAN invadía o Kosovo con tropas, Rusia entraría no conflito, e que para todos os países que formaban a OTAN tiña preparados e listos os mísiles con cabezas nucleares apuntándoos. Aclaraba que non o forzaran a entrar no conflito, que el había prometido non entrar, pero con unhas condicións que non se compren. Ao mesmo tempo, seica Rusia e Bielorrusia responderon afirmativamente, á proposta de Milosevic de facer unha alianza militar conxunta. Disparáronse todas as alarmas, o primeiro sopapo nos fociños a todos estes actores da comedia que se está a escribir. Parece ser, que pola mañá un xeneral alemán do Alto Mando da OTAN, estaba a dicir que había que levar tropas ao Kosovo, dicíase que xa había 8.000 preto da fronteira albanesa-kosovar.
Despois do sopapo do Yeltzin, sae ao mediodía o ministro de exteriores británico Coek dicindo que non, que os 8.000 soldados que se enviaron era para labores humanitarias. Na conferencia de prensa que dá tódolos días a OTAN, o ton xa cambiou radicalmente, óese dicir: Yeltzin prometeu non intervir, a OTAN non quere un conflito con Rusia. Falouse de opcións políticas e outras lerias, cambiaron o discurso. E o bonito é que onte ou esta noite pasada, destruíron a fábrica de autos Zastaba morrendo traballadores e deixando parados a miles. Tamén bombardearon a televisión serbia coma onte dixeran que o ían facer, aínda que seguen a emitir por outras canles, ¿cal é o discurso da OTAN, dos americanos, dos nosos representantes europeos?, ¿destruír todo o que se poida destruír?, esta é a mensaxe que nos transmiten os nosos gobernantes.
¿Coñecedes ao Secretario Xeral da OTAN?, ¡coma non, de risa o espectáculo! Foi entrevistado por unha cadea de televisión que non sei cal foi e, entre irritado e ao mesmo tempo querer gardar a compostura, foise metendo nun labirinto que, coma un dos actores de esta farsa-comedia (a do monicreque dos intereses americanos) vai cumprindo o papel que lle asinaron. Xa despois dun rato respondendo ás preguntas do periodista que o tiraba contra o taboleiro, dicíalle: ¿e se Milosevic non quere firmar?, el respondía que tiña que firmar, ¿e canto tempo vai durar iso, unha semana, dúas, meses? Non o sabía, pero tiña que firmar, ¿é, se despois de semanas, meses..., non quere firmar? ¡Ten que firmar!, ¡apoteósica a resposta! E nós o pobo, toda a Europa co sambenito colgando enriba de nós das bombas nucleares e da 3ª guerra mundial, ¿por unha firma?
Estou seguro que hoxe toda Europa é outra, hoxe en toda Europa entrou un pouco de aire fresco pola fiestra que nos tiñan trancada, tiñamos os sentidos atrofiados coa insultante propaganda, a manipulación da información e a censura que se está a levar, e para confirmalo, o detalle de hoxe pola mañá (que logo non houbo máis remedio que informar) e o que me está a pasar a min: cada semana recibo o periódico semanal "A Nosa Terra", desde o momento en que empezou o bombardeo de Iugoslavia non o recibo, xa vai para un mes. A min dáme a impresión, que a prensa de tendencias nacionalistas está sendo retida, o cal quere dicir, que xa estaremos "fichados" os subscritores de toda revista ou periódico de tendencias que "eles" entenden críticos, ou separatistas, ou nacionalistas. O poder da democracia que nos están a vender con todo este conto, pregúntome: ¿cal é o papel do socialismo en toda Europa?, ¿a prostitución?, seguindo o camiño do PSOE, e concretamente o do PSG-PSOE pura prostitución do socialismo, pero están a usar e manipular a mensaxe social. Confunden á xente cos réditos herdados do "socialismo real", e hoxe vémolos facendo a mesma política dos partidos da dereita. O de eles é a cadeira e a vara de mando, o de eles é aproveitarse ao estilo Rumasa ou dos fondos reservados, o de eles é estar nos consellos de administración de bancos, caixas e grandes conglomerados industriais, o de eles é o poder. Se é así ¿onde está o socialismo?, ¡por ningures!
E este socialismo de novo cuño é o que se asentou en Europa, nuns países máis que en outros, pero en xeral, hoxe os partidos chamados "socialistas" maioritarios, están a facer políticas afastadas dos intereses do pobo ao que representan, e permitindo conflitos xerados polo gran capital. Hoxe é o gran gardián dos intereses das multinacionais do capitalismo salvaxe, e atópase a gusto nesa tarefa. De esta liña que se está a seguir, dos partidos que en maioría están nos gobernos da Europa, saen os aditivos que o gran cociñeiro estaba a necesitar para crear este conflito, para a diversidade de intereses dos Estados Unidos, e creo que tamén da Alemaña.
Na estratexia da confusión, todo vale. E hoxe están comezando unha nova campaña, agora están a difundir comunicados do Pentágono, e os reporteiros con entrevistas a mulleres de que os serbios as violaban en masa se non pagaban unha cantidade de cartos. Estase a ver reportaxes con mulleres cheas de ouro enriba logo de contar o que andan agora a difundir e, véndoas cun sorriso e moi desenvoltas ¿que é o que hai que crer? Perden e non o saben asumir. Repetiron ata a saciedade que Milosevic tiña que dobrega-los xeonllos, e custa admitir que é un quen os ten que dobrar, e ándase a buscar a maneira de dobrarlla sen que ninguén se decate, porque seica somos "parvos". Pero a comedia aínda non terminou, e na acción de "dobrar os xeonllos" teremos tela para rato.

Ávila Soto, Federico