Carta agradecida dun preso para D. José Vázquez García
Campo Freire, Xaquín - lunes, 20 de enero de 2025
Carta agradecida dun preso para D. José Vázquez García,
capelán do centro penitenciario de Monterroso.
El sabe do que fala e de quen fala.
(Resumo dun relato oral, por Xaquín Campo Freire. Narón, 19.01.2025)
Benquerido irmán José "Entra no gozo do teu Señor porque estiven no cárcere e viñeches verme para preguntar e interesarte por min e polos meus". Para falar comigo e escoitarme e non condenarme máis do que xa estou condenado cando oio dicir que moitos desexan que podrezamos no cárcere. Xa sei que a miña vida non foi como a sociedade ten ordenado. Pero só ti fuches o único que me deixaches explicarme dos meus erros e volvín para a cela sentíndome querido e algo máis animado.
De ti escoitei sobre todo no silencio do meu corazón que sabes escoitarme e darme sempre a palabra, cando todos ma quitan, moito antes de tela eu no pensamento. E confiaches en min. E eu, por fin, aprendín por ti a confiar en alguén, sobre todo en Deus e na nosa Naiciña da Mercé.
Canto te me pareces a S. Xosé. Si. Falo ben: a S. Xosé. O home xusto e de bo corazón. Que soubo acompañar os procesos máis difíciles da súa familia e da humanidade, sobre todo escoitando e logo actuando, desde o silencio, con fe nas persoas e con confianza de que Deus non lle fallaría, porque El se fiaba del. El é o santo do amor e do compromiso silencioso, co sorriso nos labios e a bondade nos ollos. Coma ti. Sempre me impresionou a paz con que nos miras no presidio. Tantos anos. Todos falan de ti como o home bondadoso coa integridade dun home de Deus.
Como preso, sei ben, porque o vin moitas veces, que sabes escoitar tamén aos funcionarios, nos seus sufrimentos, soidades e frustracións. Porque tampouco eles o teñen fácil no seu labor aínda que seguro que no seus ideais quixeran cambiar as nosas condicións de dolor e sufrimento na espera. Tamén para eles, son testemuña, de que tiveches sempre o corazón, a escoita e a palabra axeitada desde esa bondade esencial que transparentas.
Os apóstolos pasaron todos polo cárcere e o mesmo Xesús tamén. E ti miráchesnos como miras a Xesús, na misa, na consagración.
Eu vinte como mirabas a Noso Señor. E El a ti. Cando hoxe te encontres definitivamente con El e eles, fálalles de nós, de todos nós como ti sabes, con esa paz e sorriso de bondade esencial. Xa sei que me queres. Non. Non me esquezo da Nosa Señora da Mercé. Ti sabes ben canto entre nós é benquerida a figura da nai persoal e a da nosa Señora, a Nai María. Canto nos ensinaches a querela e rezarlle.
Fálalle de todos nós e dilles que "NON NOS DEIXE DA SÚA MAN NESTE NOSO CAMIÑAR".
Graciñas. D. José. Hoxe no ceo todos os presos e todos os santos e santas e todo o misterio de Deus, Pai. Fillo e Espírito Santo e a Nosa Señora da Mercé non dan feito para darche as apertas. E resoa un forte aplauso que atrona os ceos por chegares con ben.
D. JOSÉ. RECIBE ESTE AGARIMO DUN PRESO QUE SÓ TEN UNHA PALABRA: GRAZAS!

Campo Freire, Xaquín
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora