O pasado día 9 de marzo, ás cinco da mañá e rodeado do permanente agarimo da súa muller Cielo, das súas fillas, Silvia e Raiola, e do seu neto, Lugo, apagábase en Nova Iorq a vida de Dino Pacio Lindín.
Dino veu ao mundo na parroquia de Xemil (1934), nas verdegantes e neboentas terras da Pastoriza das que el sempre se gabou e así o mostrou polo mundo adiante. Ao seu Xemil -ou Ximil, como el di- dedicoulle un pormenorizado artigo dunhas sete páxinas-"Ximil Comunal"- onde vai debullando a orixe sueva do nome, a súa historia e o modo

de cultivar a terra. A carón dunha reducida propiedade privada, o que abondaba era unha gran extensión montesía onde se cultivaba lonxe das casas. Iso supoñía un enorme esforzo porque había que labrar unha terra costenta de monte que fornecía de alimento a animais e persoas. Como el mesmo di, "a longa historia de Ximil é a historia dos seus montes comunais, da súa louseira, dos seus muiños. É unha historia de loita e de sufrimentos, traballando lonxe e costa arriba". E tal modo de vida deixou fonda pegada no ilustre xemilego: cando a vida se lle presentou costa arriba, entendeuno como un reto a superar e non como un obstáculo.
Tras estudar na escola de Cadavedo cun mestre republicano, D. Eladio, de quen sempre falou con gran cariño e aprecio, marchou ao Seminario de Mondoñedo onde cursaría Humanidades, pasando logo a estudar á Universidade dos Xesuítas en Comillas. Alí foi compañeiro de curso e mesmo rival académico de Jesús Aguirre, famoso predicador na igrexa da Compañía en Salamanca e futuro Duque de Alba. Máis tarde pasaría por varias universidades europeas: Gregoriana de Roma, Oxford, Friburgo e por Harvard.
Rematados os estudos eclesiásticos, en 1961 veu destinado como profesor e educador ao Seminario de Mondoñedo co grupo dos "filósofos", xóvenes de 16 a 19 anos. Alí, ademais de coidarse do día a día daqueles mozos, impartiu clases de francés, Historia da Filosofía, Ética e Socioloxía. Dino era un home xoven que falaba con cada un dos alumnos e se implicaba nos seus problemas buscando a mellor solución. E cando advertía unha inxustiza loitaba por remediar a situación.
Ao marxe das clases -eu fun alumno de francés e de Socioloxía e de Ética- que non deixaban indiferente a ninguén, el levou adiante unha actividade formativa con reunións periódicas onde seguindo os libros de Charles Moeller, "Literatura del siglo XX y cristianismo" iamos lendo e expoñendo diante dos compañeiros a nova literatura europea: P. Claudel, Bernanos, Sartre, Mauriac, André Gide, Albert Camus... Nesa época España estaba pechada mediante a censura ás ideas europeas polo perigo que podían representar para o réxime ditatorial.
Aquel Mondoñedo esquecido e descoñecido no resto de España ábrese agora grazas a Dino ao novo pensamento que está despuntando en Europa, principalmente en Francia e que logo traerá a "revolución de maio do 68". Quen podía sospeitar entón que aquelas ideas que ían fermentando provocarían o maio do 68? Como o profesor dicía, as novas ideas en estruturas vellas pásalles como ao viño novo en odres vellos: rebentan os odres.
O seu paso por Mondoñedo foi dun moi intenso traballo. Da súa tarefa como profesor e formador, sacou horas para ir convalidando civilmente na Universidade de Madrid os estudos de Filosofía xunto co seu gran amigo Edelmiro Bascuas. E tampouco aforrou esforzos para atender a parroquia de Galgao e promocionar a moitos rapaces e rapazas da comarca de Abadín para que fixeran o Bacharelato e algúns puidesen cursar estudos superiores.
No verán de 1966 marcha a estudar Socioloxía á Universidade de Harvard. Alí foi alumno de Talcott Parsons e Robert Merton, os dous grandes sociólogos do momento.
En 1968 ven a Madrid para defender a tese de Doutoramento na Facultade de Filosofía e Letras de Complutense: "A nova linguaxe da poesía rock" onde analizaba as letras e música da nova canción que estaba a producirse no mundo, preferentemente a Bob Dylan, Paul Simon e Jin Morrison. A tese foi aprobada polo tribunal e moi aplaudida polo público asistente.
O título de Doutor abriulle as portas da Universidade americana e iso levouno a exercer a docencia nas universidades de Rochester, Fordham, CUNY e SUNY.
En N.York ve o gran problema que teñen os emigrantes hispanos por culpa do idioma. Monta a "Escola dos apartamentos" para que aprendan inglés baixo os lemas" todos ensinan, todos aprenden" e "a letra con música entra". Os avances son asombrosos e pronto consigue financiación pública que lle leva a crear "Solidaridad Humana" que será xa unha gran organización con miles de alumnos e un numeroso grupo de profesores dedicados a un ensino integrador e participativo que ten moi en conta a situación sociocultural dos alumnos.
Dino deixou entre antigos alumnos e compañeiros unha profunda pegada que o fai inmorrente. Máis alá do tempo presente permanecerá indeleble na memoria de xeracións.