Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas do Servizo Militar

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 16 de enero de 2025
Vouvos contar unha curiosa anécdota. Aconteceu cando eu fixen o servizo militar obrigatorio por terras da Coruña.
Fixen o campamento militar en Parga en 1972. Aos tres meses xuramos bandeira e acto seguido, cada un para o seu destino. A min tocoume Capitanía Xeral da Coruña, destinado na imprenta militar.
Daquela, era moi clásico as putadas dos veteranos, chamadas militarmente "quintadas", palabra que ven de quinto, definición extraída do ano que lle correspondía a cada soldado, unha quinta eran catro reemprazos. Dito doutro xeito, a quinta era o ano en que te presentabas no cuartel militar e dividido en catro reemprazos que viñan a ser de cada tres meses que eran os que duraba cada campamento de preparación dos recrutas. O recruta era o mozo antes de xurar bandeira que era ao remate da instrución para prepararte como soldado, unha vez preparado, xa eras soldado.
As quintadas ou "putadas", era o pan noso de cada día nos cuarteis militares, gamberradas que se lles facía ao novos, e claro está, cando eu cheguei con todos os demais compañeiros, xa estaban preparados os veteranos para fodernos. Eu tiña alí un amigo que me advertiu, pero chegada a hora da verdade, eu xa non sabía se o amigo me traizoaba para rematar a quintada ou se o que se nos estaba a facer era real.
A pesar de ser advertido polo amigo, paseino moi mal a pesar de non caer na quintada, pero outros compañeiros caeron e a min non me gustou.
Un dos novatos coma a min apelidábase Landeira Pombo e era de Ourense. Este rapaz fíxose moi amigo dun veterano. Un veterano alto, forte, musculoso, pero moi duro de cabeza e razoamento, chamábanlle Moncho.
Cando a nós nos chegou a hora de recibir aos novos aos tres seguintes meses, os máis veteranos que nós, xa estaban preparando as quintadas para eles, pero eu esa noite pedín a primeira imaxinaria voluntaria para evitar que aos novos lles fixeran putadas (as imaxinarias é un servizo nocturno de dúas horas cada soldado, por se a algún compañeiro lle vai mal ou alguén necesita a xuda).
Cando chegaron os novos e se foron todos para a cama, os veteranos quixeron putealos, pero eu fíxenlles fronte. Pensei que me caería unha boa ensalada de hostias e paus, pero chamei ao cabo primeiro de garda e pedinlle axuda e por fin, conseguimos calmalos. A partir desa, como non se fixeron putadas, por sorte nese cuartel nunca máis se volveron a facer quintadas.
Moncho, do que vos falei antes e Landeira Pombo fixéronse tan amigos, que un non vivía sen o outro. Comían xuntos, ían ao bar xuntos, nos descansos sempre xutos e a todo isto, Moncho contáballe a Landeira Pombo as moitas putadas que el durante o servizo militar lle fixera aos quintos. Landeira Pombo escarallábase á risa en oírlle as animaladas que lles fixera aos quintos e cando Moncho non lle contaba nada, Landeira Pombo recordáballe que lle contara as barbaridades que lle fixera aos pobres novatos.
No noso cuartel puxeron unha propaganda que era para os soldados que quixeran presentarse para Policía Armada (hoxe Policía Nacional). Bo salario, pagas extras, poucas horas, o caso foi que Moncho presentouse para estudar e ser Policía Armada ao licenciarse do servizo militar.
Pediu permiso no cuartel para ir ás clases. Permiso concedido e Moncho non fallaba nunca ás clases. Landeira Pombo, non paraba de animalo e cada vez que viña das clases, xuntábanse os dous e veña, a contarlles máis burradas das que Moncho lle facía aos quintos que a Landeira Pombo parecía que lle resultaban agradable tales fachorías.
Moncho licenza do servizo militar, pero tiña que volver á Coruña para facer un exame para o de Policía. Cando se licenciaba un da mili, aínda durante varios anos, seguíamos comprendidos en quintas, polo que Moncho lle pediu ao capitán da nosa compañía se a noite anterior ao exame podería vir durmir ao noso cuartel, pois así aforraba os cartos dunha pensión ou hotel.
Efectivamente, de alí a un mes aí chega Moncho, en pleno verán, pero todo traxado, traxe con chaleco e todo, ía elegante de todo.
Cando se encontraron Moncho e Landeira Pombo, o abrazo foi descomunal. Landeira Pombo ata brincaba da ledicia e ambos amigos cearon xuntos na mesma mesa e contándose as súas historias.
Aquela noite, estiveron os dous de parrafeo ata moi tarde e por fin, marcharon cada un para a súa cama.
Moncho sacou a roupa e como xa non dispoñía de taquilla para gardala, dobrouna ben dobrada e colocouna aos pés da cama e así, apagáronse as luces da camareta onde durmiamos e todo se quedou no máis absoluto dos silencios.
Serían as catro da madrugada cando todos escoitamos un enorme golpe na camareta, dito golpe veu acompañado duns berros de morte. Saltamos das camas e acendéronse as luces da sala e o espectáculo era de risa, Moncho bañado de auga de arriba abaixo, a cama enchoupada tamén e toda canta roupa tiña, pantalón, chaqueta, chaleco, camisa, camiseta, calzóns, todo pingando de auga e ao lado da cama, un balde de plástico baleiro, pero goteando auga.
Mocho tivo que secar a roupa nunha sala onde estaba a caldeira da calefacción que lla tiveron que conectar adrede, xa que cando isto aconteceu era verán.
Moncho marchou do cuartel sen saber quen lle botara o balde de auga, pero ao día seguinte, Landeira Pombo non paraba de rir e de comentarnos aos compañeiros "que se vaia agora mofar dos compañeiros que el puteou durante anos, tíñalla gardada e por fin, conseguino, agora son feliz, compañeiros vingados".
O malo de Moncho non foi só a molladura, despois veunos contar ao cuartel que non había aprobado para Policía Armada e que non se volvería a presentar. Moncho aproveitou para preguntarnos se saberíamos quen o baldeara, pero todos lle dixemos que non o sabiamos. Moncho xa non quixo nin siquiera entrar no patio do cuartel.
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES