Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teoría e práctica do bulo

Pinto Antón, J.A. - viernes, 17 de enero de 2025

'Noticia falsa propalada por algún fin' turbio, no dicionario. Con sinónimos como mentira, engano, embuste, falsidade, patraña, camelo, trola. En inglés ten éxito 'fake news' pola omnipresencia mediática dun personaxe excesivo na presidencia USA. A imaxinación aporta 'feitos alternativos'.
Mestres e profesoras enfróntanse como o David da verdade contra o Goliat das campañas de desinformación, DANA de fango que asolaga. Porque os recursos da razón para aprender a verificar datos e desenvolver un pensamento crítico son lentos e laboriosos. Así, a DANA meteorolóxica de Valencia veu acompañada da DANA de bulos divulgados mesmo desde o prime time televisivo.
Como dúas caras dunha moeda asistimos á emocionante marcha contra o lodo e a desfeita de miles de rapazas e rapaces. Mobilizáronse contra a traxedia mentres responsables políticos ficaban paralizados na súa incompetencia. A outra cara é a sementeira de bulos nunha sociedade que abebera en X, tiktok, instagram onde é difícil separar trigo e cizaña. Centos de afogados no aparcamento dun centro comercial. Bulo. A presa de Forata a piques de colapsar. Mentira. Entre 2020 e 2024 derrubáronse en Valencia 26 presas. Falsidade. Militares e gardas civís ocultaron 10.000 cadáveres. Patraña. En Catarroja a UME habilitou un hospital veterinario gratuíto. Camelo. A DANA foi provocada por un barco marroquí con antenas xigantes. Trola. Que se a Cruz Vermella... Que se inmigrantes en hoteis. Ata se barbariza co bulo maior: España como estado fallido.
E ocorre nunha democracia plena, tamén nun país con máis youtubers que fontaneiros. Onde os soños húmidos adolescentes é converterse en influencers millonarios en Andorra e non pagar impostos para soster o estado de benestar.
Mestras e profesores, Quixotes contra muíños xigantes de bulos, advirten nas aulas de que fake news malintencionadas, inflaman discursos de odio. Hiperactivas cuadrillas do bulo e do delirio. 'Nunca se mentira tanto como agora' escribía en 1940 A. Koyré contra a fábrica de bulos do nazismo, contra o xenio da mentira que foi Goebbels. Desmentir a DANA de bulos é desesperante, sobre todo desde que expulsaron do currículo asignaturas que obrigaban a pensar, a apostar pola dúbida razoable. Onde Sócrates non é migrante ou futbolista, senón o xigante que axudou a construír a mellor Europa. O filósofo aguilloaba a pensar: '¡Quedei desfalecido escudriñando a realidade!'. Un día, conta a anécdota, acudíu un discípulo axitado para advertir ao filósofo de que outro o calumniaba. O que escoitaches, ¿era certo?, ¿era bo?, ¿era de utilidade?. Velaquí o triple filtro contra os bulos: o da verdade, o da bondade, o da utilidade. Tempo lento da verdade, filtro socrático, pensamento crítico e racional contra a epidemia de bulos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES